Albino Friaça Cardoso, coñecido simplemente como Friaça, nado en Porciúncula o 20 de outubro de 1924 e finado en Itaperuna o 12 de xaneiro de 2009, foi un futbolista brasileiro que xogaba como extremo dereito.

Desenvolveu a maior parte da súa carreira no Vasco da Gama, aínda que tamén vestiu outras camisetas como a do São Paulo. Internacional coa selección brasileira, foi autor do único gol do Brasil no partido decisivo do Mundial de 1950, o coñecido como Maracanazo.

Traxectoria Foi descuberto polos dirixentes do Vasco da Gama cando xogaba nun pequeno club de Carangola, o Ipiranga, despois de derrotar aos titulares do Vasco con dous goles seus. O técnico Ondino Viera decidiu a súa contratación, e en 1945 formou parte do núcleo do que se deu en chamar o Expresso da Vitória, o equipo do Vasco que conseguiu varios títulos a nivel estatal e o Campionato Suramericano de Campións de 1948, considerado o precursor da Copa Libertadores. Con catro goles, foi o máximo artilleiro do seu equipo durante esa competición.

Durante a súa etapa no club, estivo especialmente unido a Jair Rosa Pinto, quen, segundo o propio Friaça, o axudou a mellorar o seu tiro. Unha vez rematado o ciclo de vitorias no Vasco, foi traspasado ao São Paulo, no que xogou dende o 1 de abril de 1949 ata o 27 de marzo de 1951, marcando 48 goles e conseguindo o título de campión paulista. Precisamente polo seu bo rendemento, o Vasco mercouno de novo, manténdoo nas súas filas ata 1952. Máis tarde xogou no Ponte Preta, de novo no Vasco, e no Guaraní, retirándose aos 34 anos. Disputou un total de 191 partidos co Vasco, marcando 113 goles.

Selección brasileira Foi 13 veces internacional coa selección brasileira, sendo convocado para o Mundial de 1950. Marcou o seu único gol internacional no partido decisivo do torneo contra o Uruguai, batendo ao gardameta Roque Máspoli para poñer o 1-0 no marcador. Con todo, os uruguaios acabaron remontando inesperadamente o partido, que pasou á historia co alcume de Maracanazo.

Estilo de xogo Futbolista ofensivo, xogaba na posición de extremo dereito. Era coñecido pola súa velocidade e a potencia do seu tiro, pola súa habilidade para golpear a balón parado e pola precisión dos seus centros.

Vida persoal Casou con Maria Helena, coa que tivo catro fillos: Ronaldo, Ricardo, Rogério e Maria Inês. En 1992 sufriu o duro golpe da morte dun dos fillos, Ricardo, que con 33 anos faleceu nun accidente de voo sen motor. Tras o suceso aumentou o seu consumo de alcol e fumou máis do que xa facía, empeorando así as súas condicións de saúde. En 2005 foi internado no hospital de Itaperuna, onde morreu o 12 de xaneiro de 2009 a causa das complicacións dunha pneumonía.

Palmarés Vasco da Gama Campionato Carioca (2): 1945, 1947. Campionato Suramericano de Campións (1): 1948.

São Paulo Campionato Paulista (1): 1949.

Selección brasileira Copa Oswaldo Cruz (1): 1950. Copa Rio Branco (1): 1950. Campionato Panamericano (1): 1952.

Individual Máximo goleador do Campionato Paulista (1): 1949 (24 goles).

Notas

Véxase tamén Ligazóns externas

Categoría:Nados no estado do Río de Xaneiro Categoría:Nados en 1924 Categoría:Finados en 2009 Categoría:Xogadores do Vasco da Gama Categoría:Xogadores do São Paulo FC Categoría:Xogadores do AA Ponte Preta Categoría:Xogadores do Guarani FC Categoría:Xogadores da selección de fútbol do Brasil Categoría:Xogadores do Mundial de Fútbol de 1950