San Miguel é unha cidade e municipio do departamento de San Miguel, O Salvador. É tamén a capital departamental do departamento homónimo. Historicamente é a cidade máis importante da zona oriental do país. Ten unha poboación estimada de 247 119 habitantes no ano 2013, o que a converte na cuarta cidade máis poboada do país, e a terceira máis importante pola súa influencia económica. Está situada a 138 km ao leste da capital, San Salvador.

San Miguel foi fundada o 8 de maio de 1530 polo Capitán Luis de Moscoso baixo o nome completo de San Miguel de La Frontera, como baluarte para a conquista do reino lenca de Chaparrastique, convirténdose así na segunda cidade colonial española dos territorios hoxe salvadoreños, aínda que se trasladou á súa actual localización en 1586. Desde entón, San Miguel converteuse en émula e rival de San Salvador como segunda cidade en importancia dentro da Alcaldía Maior de San Salvador e, posteriormente, da Intendencia de San Salvador durante toda a época da colonización española. San Miguel viu fenecido o seu liderado político dentro da nación a finais do século XIX e comezos do XX debido ao ascenso económico de Santa Ana coa agricultura do café, conxuntamente co feito de que o goberno salvadoreño dividiu toda a zona oriental en catro departamentos disminuíndo a influencia política da elite migueleña.

Cara a mediados do século XX tivo un importante desenvolvemento económico debido á agricultura de algodón e henequén, pero a guerra civil salvadoreña alterou a súa economía e sociedade. Na actualidade, xa a finais do século XX e comezos do XXI, San Miguel foi recuperando pouco a pouco o seu liderado económico e político, en gran medida polas achegas dos salvadoreños nos Estados Unidos que reposicionaron a cidade como o principal centro de comercio de toda a Zona Oriental do Salvador.

Por outra parte, outra das razóns polas que San Miguel é popularmente coñecida entre a sociedade salvadoreña é porque nesta localidade ten lugar o Carnaval de San Miguel, a festa popular máis importante do Salvador que se celebra no mes de novembro no transcurso das festas patronais.

Notas

Véxase tamén

Alcaldía de San Miguel - Historia.

Categoría:Cidades do Salvador Categoría:Municipios do Salvador