Nicola Berti, nado en Salsomaggiore Terme, Parma, o 14 de abril de 1967, é un exfutbolista italiano, que xogaba como centrocampista. Comezou a súa carreira no Parma, pasando logo pola Fiorentina antes de fichar en 1988 polo Inter de Milán, onde viviu os seus mellores tempos como profesional. Tivo un destacado papel no medio do campo do equipo durante a seguinte década, gañando un título da Serie A e tres Copas da UEFA. Pasou os seus últimos anos como futbolista fóra de Italia, xogando no Tottenham inglés, no Alavés e no Northern Spirit do Canadá.

Xogador dinámico, tenaz e traballador, foi un elemento clave na selección de Italia a finais dos anos 80 e principios dos 90, chegando a disputar a final do Mundial de 1994 e rematando en terceiro lugar na edición de 1990.

Traxectoria Nacido en Salsomaggiore Terme, comezou a súa carreira aos dezasete anos no Parma. Na tempada 1983/84, con Arrigo Sacchi como adestrador, o club gañou o campionato da Serie C1, e ascendeu á Serie B. Entre 1985 e 1988 xogou na Fiorentina, sendo a continuación fichado polo Inter de Milán por máis de 7000 millóns de liras.

Na súa primeira tempada no club lombardo formou unha destacada dupla no medio do campo con Lothar Matthäus, e fixo parte do equipo que dirixido por Trapattoni conquistou a Serie A, con 11 puntos de vantaxe sobre o segundo, con só dúas derrotas e establecendo un récord de puntos. O propio Berti achegou sete goles en liga esa tempada desde o medio campo.

Militou no Inter durante unha década, gañando tamén a Supercopa de Italia de 1989 e a Copa da UEFA tres veces, en 1991, 1994 e 1998, ademais de disputar unha cuarta final en 1997. Xogou un importante papel nos triunfos do equipo durante este período, e marcou gol tanto na final da Copa da UEFA de 1991 como na de 1994.

En xaneiro de 1998 deixou o Inter e fichou polo Tottenham Hotspur. Os Spurs estaban en perigo de descenso no momento da chegada de Berti e este axudou ao club a acadar a permanencia, ocupando o 13º posto final da Premier League. Despois de que George Graham substituíse a Christian Gross como adestrador do Tottenham, Berti recibiu a carta de liberdade e pasou ao fútbol español, fichando polo Deportivo Alavés, da Primeira División.

Selección italiana Foi internacional coa selección sub-21 de Italia nas Eurocopas sub-21 de 1986 e 1988, baixo a dirección do adestrador Cesare Maldini, chegando á final na de 1986. En 1988 debutou coa selección italiana absoluta, nun partido ante Noruega, da man do seleccionador Azeglio Vicini. Marcou o seu primeiro gol no seu terceiro encontro coa azzurra, nun partido fronte a Escocia

Foi incluído no equipo para a Mundial de 1990, onde participou en catro partidos vestindo o número 10 na camiseta e acadando as semifinais. No Mundial de 1994, con Arrigo Sacchi como seleccionador, disputou todos os partidos, incluída a final que o seu equipo perdeu ante o Brasil na quenda de penaltis. Xogou un total de 39 partidos coa selección entre 1988 e 1995, marcando tres goles.

Palmarés Parma Serie C1 (1): 1983/84.

Inter de Milán Serie A (1): 1988/89. Supercopa de Italia (1): 1989. Copa da UEFA (3): 1990/91, 1993/94, 1997/98.

Notas

Véxase tamén

Ligazóns externas Datos do xogador no sitio web da Federación Italiana de Fútbol . Datos do xogador na liga australiana . Datos do xogador no sitio web da FIFA. Arquivado dende o orixinal o 6 de setembro de 2015.

Categoría:Nados en 1967 Categoría:Nados na provincia de Parma Categoría:Futbolistas de Italia Categoría:Centrocampistas de fútbol Categoría:Xogadores do Parma FC Categoría:Xogadores do ACF Fiorentina Categoría:Xogadores do Inter de Milán Categoría:Xogadores do Tottenham Hotspur FC Categoría:Xogadores do Deportivo Alavés Categoría:Xogadores da selección de fútbol de Italia sub-21 Categoría:Xogadores da selección de fútbol de Italia