Xoán Manuel Tubío Fernández, coñecido como Xaneco, nado en Outeiro de Rei o 8 de agosto de 1967, é un luthier de instrumentos musicais galegos. Desde o ano 2015 ocupa a presidencia da Asociación de Gaiteiros Galegos.

Traxectoria

Fillo dun carpinteiro, aprendeu desde moi cativo as técnicas e o manexo das ferramentas para traballar a madeira. A idade de 15 anos entrou en contacto coa música tradicional galega na Asociación cultural de Outeiro de Rei, onde comezou como percusionista. Nos anos noventa fabricou o seu primeiro tambor, continuando desde aquela a fabricación de instrumentos tradicionais. O aumento na súa listaxe de encomendas fixo que abrise o seu propio obradoiro en San Fiz de Paz no ano 1996: Xaneco, obradoiro de instrumentos musicais.

No ano 1995 entrou en contacto coa zanfona, grazas a un curso organizado pola AGG, comezando a interesares e acumular información arredor do instrumento. Posteriormente realizou un curso no obradoiro-escola de instrumentos galegos da deputación de Lugo e, coa axuda do luthier de Sarria Xermán Arias, fabricou a súa primeira zanfona, sendo actualmente un dos poucos luthiers que as fabrican en Galiza. Un destes instrumentos, a "zanfona carneifona", valeulle o primeiro premio no X Certame de Artesanía Antón Fraguas Fraguas da Deputación da Coruña.

Como músico participou en diferentes grupos como Aloia ou Caldaloba, sendo na actualidade membro dos Minhotos.

Desde o ano 2015 é presidente da Asociación de Gaiteiros Galegos.

Notas

Véxase tamén

Ligazóns externas

Artigos de Xaneco Tubío. Nós diario. El arte del luthier. Desde Galicia para el mundo (castelán). 02/04/2014 (Youtube). Xaneco HD. Curtametraxe de Isabel Albela González (EASD Mestre Mateo). 20/04/2015 (Youtube).

Categoría:Músicos de Galicia Categoría:Lutieres Categoría:Nados en Outeiro de Rei Categoría:Nados en 1967 Categoría:Personalidades da música e o baile tradicional de Galicia Categoría:Zanfonistas Categoría:Personalidades de Galicia sen imaxes Categoría:Personalidades da artesanía