A carboxipeptidase A6 (CPA6) é un encima metalopeptidase que nos humanos está codificado no xene CPA6 do cromosoma 8. Exprésase fortemente no bulbo olfactorio do rato adulto e tamén no cerebro embrionario e outros tecidos.

A proteína codificada por este xene pertence á familia das carboxipeptidases, que catalizan a liberación de aminoácidos C-terminais e teñen funcións que van desde a dixestión de alimentos á biosíntese selectiva de péptidos neuroendócrinos. Certas variantes polimórficas e unha translocación recíproca t(6;8)(q26;q13) que afectan este xene, foron asociadas en humanos coa síndrome de retracción de Duane. Na súa catálise, a carboxipeptidase A6 ten preferencia por aminoácidos hidrofóbicos grandes C-terminais e pola histidina.

A carboxipeptidase A6 procesa varios neuropéptidos, como a Met-encefalina, a Leu-encefalina, a anxiotensina I e a neurotensina in vitro. Mentres que a carboxipeptidase A6 pode converter as encefalinas e a neurotensina en formas inactivas, pode converter a anxiotensina I inactiva en anxiotensina II activa. A carboxipeptidase A6 podería ter funcións adicionais no procesamento de péptidos in vivo, pero a natureza destes substratos e os efectos destas clivaxes son polo momento descoñecidos.

Notas

Véxase tamén Inhibidor da carboxipeptidase A Carboxipeptidase Carboxipeptidase A Carboxipeptidase A1 Carboxipeptidase A2

Bibliografía

Ligazóns externas

Categoría:Hidrolases