Ana Isabel Fernández, coñecida artisticamente como Ana Curra e Ana Pegamoide, nada en San Lorenzo de El Escorial o 29 de decembro de 1958, é unha teclista, vocalista e compositora española, que na década de 1980 foi unha das referentes da movida madrileña e algúns medios denominárona a raíña do punk en España.

Formou parte de Alaska y los Pegamoides (1979-1982), Parálisis Permanente (1982-1983) e Los Seres Vacíos (1982-1984). Posteriormente continuou a participar en diversos proxectos musicais, ademais de lograr unha praza de profesora no Conservatorio de Música de San Lorenzo de El Escorial.

Traxectoria Primeiros anos O pai de Ana era farmacéutico en San Lorenzo de El Escorial, onde ela naceu. A súa nai, que estudara piano, aproximouna desde nena á música clásica. Ao tempo que comezaba a ir á escola, recibiu clases de piano no conservatorio. Introduciuse na música pop grazas aos seus irmáns, un deles especialmente fan de Bob Dylan e o outro de The Velvet Underground e da música dos anos 50. O primeiro concerto ao que a levaron foi do grupo de Wilko Johnson, Dr. Feelgood, precursores do punk. Posteriormente interesouse por Iggy Pop e Johnny Thunders.

Aos dezasete anos trasladouse a Madrid para estudar a carreira de farmacia, tempo en que tiña xa sete cursos de piano. Alí conectou con algúns membros da incipiente "movida madrileña", da que se converteu nun dos referentes.

"Ana Pegamoide" Acababa de chegar a Madrid cando a través dos seus irmáns contactou en 1979 cos compoñentes de Kaka de Luxe e con Alaska, que estaba iniciando o grupo Alaska y los Pegamoides xunto a Carlos Berlanga, Nacho Canut e Eduardo Benavente, que foi a súa parella.

Sumouse á formación, encargouse dos teclados e da caixa de ritmos e gravou toda a súa discografía. Unha das súas achegas ao grupo foi a segunda voz do sinxelo "La línea se cortó". A afinidade entre Ana e Alaska foi tal que comezaron a compoñer cancións xuntas, como "Estrategia militar", "Redrum" ou "Quiero ser santa" na etapa final dos Pegamoides. No local en que ensaiaban os Pegamoides compartían espazo e experiencias con Los Escaparates, de onde saíron Eduardo Benavente, El Ángel e César Scappa, a súa parella en 2014.

O seu primeiro estilo foi "anos cincuenta", con algúns modelos herdados da súa nai e con outros que ela mesma transformaba e adaptaba. Seguiu a elaborar con coidado o seu vestiario na seguinte etapa, con Parálisis Permanente.

Parálisis Permanente En 1982 Ana Curra incorporouse como artista convidada ao grupo Parálisis Permanente, que crearan de xeito paralelo Javier Benavente, Nacho Canut e o seu irmán e Eduardo Benavente, segundo explicou ela mesma nunha entrevista anos despois, sinalando que ata a disolución de Pegamoides participara só na composición sen incorporarse abertamente a Parálisis por respecto e fidelidade ao primeiro proxecto, que non estivera falto de tensión. Nunha primeira época, explicou Ana Curra, cando estaban Jaime Urrutia e Nacho Canut, non figurou tamén a causa do seu contrato con Hispavox.

Parálisis Permanente apenas fixeron uns seis concertos antes do accidente que custou a vida a Eduardo Benavente. Publicaron un único álbum, El acto (1982), do que Ana Curra compuxo a metade das cancións. Tamén foi obra súa o seu derradeiro sinxelo, "Nacidos para dominar" (1983), que saíu ao mercado pouco despois do falecemento de Benavente nun accidente de tráfico, cando ela conducía o coche de camiño a unha actuación e polo que o irmán de Eduardo chegou a denunciala.

Foi tamén a etapa en que participou na creación da primeira compañía discográfica independente de España, Tres Cipreses, en que ela e Eduardo Benavente se ocuparon da parte artística (1982-1983).

Los Seres Vacíos Paralelamente a Parálisis Permanente, Ana e Eduardo Benavente formaron Los Seres Vacíos, nome co que gravou en 1982 o seu primeiro maxisingle como voz solista, Los celos se apoderan de mí.

Trala morte de Benavente, Ana Curra editou co mesmo nome outros dous maxisingles, Luna nueva (1983) e Recuerda (1984). A falta de resultados comerciais fixo que se tomase unha etapa de reflexión.

En 1983 realizou varias colaboracións, como Negros S.A. con Alaska e Los Nikis, que sacou ao mercado un único maxisingle con dúas cancións, "Sabana, sabana" e "El Dr. Livingstone, supongo".

Segundo explicou anos despois a propia Ana Curra, foi unha etapa difícil, en que a artista tivo problemas coa heroína. En 1984 acabou a carreira de piano e conseguiu unha praza no Conservatorio de San Lorenzo de El Escorial.

Ana Curra En 1985, reapareceu xa como Ana Curra, en solitario como vocalista, teclista e compositora cun son menos lúgubre e máis rock (segundo os críticos musicais), editando un maxi de catro temas: "Una noche sin ti", e "Lágrimas" na cara A e "Volveré" e "Lágrimas (versión instrumental)" na cara B (Hispavox) en colaboración con José Battaglio de La Frontera coas letras e a produción, Rafa Balmaseda no baixo e Carlos Torero na batería. O traballo valeulles para seren elixidos polos ouvintes de Radio 3 como o mellor maxi do ano. En 1987, editouse o LP Volviendo a las andadas, disco con once cancións do que se extraeron dous sinxelos, "Rien de rien" e "En esta tarde gris", cunha case nula promoción. Tamén foi teclista nos grupos El último eslabón e Vidas ejemplares.

En 1989, colaborou con Alaska y Dinarama poñendo a voz no sinxelo "Quiero ser santa", canción de Parálisis Permanente que se incluíu no álbum Fan fatal. En 1993 abandonou o seu retiro para colaborar en dous concertos de homenaxe á memoria do batería Toti Árboles baixo o nome de Los Vengadores que recolleu nun CD con sete temas en edición limitada.

A principios da década volveu atoparse con El Ángel, poeta e guitarrista de Los Escaparates que coñecera quince anos atrás no local onde ensaiaban os grupos da movida madrileña. En 1993 marchou con el a Sevilla para gravar o disco que presentaron xuntos en xuño de 1994, Polvo de Ángel e un libro de poemas de Ángel, Los planos de la demolición, do que Ana escribiu o prólogo. Con el compartiu os últimos anos da vida do poeta, enfermo de sida e consciente da súa situación crítica. Faleceu en 1995 a causa dun linfoma. En abril de 1997 Ana Curra participou nunha montaxe teatral baseada nese libro realizado pola compañía La Tejera Teatro en que cantaba en directo.

En 1995 foi coordinadora de Poética, un festival de poesía que tivo unicamente dúas edicións, a de 1995 no San Juan Evangelista e outra en 1996 no Círculo de Belas Artes de Madrid.

En 2006 concedeu por primeira vez desde había anos unha entrevista no programa de radio El tren de los sueños onde relatou a súa experiencia en Alaska y Los Pegamoides e a fascinación que sentira pola espontaneidade daqueles compañeiros vestidos de negro e rosa puñeta, o receo de Carlos Berlanga a que o resto dos membros interviñera na composición das cancións e o seu amor por Eduardo Benavente, a quen a teclista recordaba como "un artista voraz e camaleónico". Tamén a dor que sentiu cando Benavente faleceu aos vinte anos nun accidente de coche en que ela conducía ("chamábanme a viúva de Madrid"), a súa caída nas drogas e como a discográfica Dro arramplou co selo discográfico que montara a parella e apenas pagou as regalías correspondentes.

En abril de 2010 subiu de novo ao escenario no Festival Universimad de Madrid xunto a Miguel López, alias Digital 21, pioneiro na década de 1990 da música electrónica, videoartista e produtor, recuperando o nome de Ana Curra nunha nova aventura musical, Digital 21 Vs Ana Curra.

A finais de 2011 levou a cabo un novo proxecto chamado Ana Curra presenta El acto, acompañada por José Battaglio (guitarra), César Scappa (guitarra), Manolo UVI (baixo) e Rafa Le Doc (batería). A intención era dar un concerto o 9 de marzo de 2012 interpretando o repertorio de Parálisis Permanente, conta pendente de Ana desde a morte de Eduardo e como homenaxe a este e a Toti. Tamén subiu ao escenario Rafa Balmaseda e ademais, a modo de presentación, lanzaron un sinxelo dobre con catro cancións regravadas en estudio.Ana Curra presenta El Acto en Facebook

En 2013 no aniversario da morte de Eduardo Benavente escribiu:

Foi o pechamento dunha débeda pendente coa súa propia historia, o amor e a morte.

En 2017 colaborou na canción "Extasis místico", do álbum Espichufrenia, do grupo sevillano Narco, colaborando con eles no seu directo de fin de xira na Sala Mon en decembro de 2018.

Vida persoal Ana Curra foi a parella de Eduardo Benavente (1962-1983), cantante do grupo Parálisis Permanente que faleceu nun accidente de tráfico. O coche, un Seat Ronda conducíao a propia Ana. Posteriormente foi musa e parella do fotógrafo Alberto García-Alix.

A principios dos 90 Ana reencontrouse con El Ángel, poeta e músico da banda Los Escaparates que coñecera a principios da década de 1980 con problemas de drogadicción e sida. Mantivo unha relación con el durante dous anos ata a súa morte en 1995 a causa dun linfoma. Dese 2014 a súa parella foi o músico César Scappa, tamén antigo compoñente de Los Escaparates.

Discografía Alaska y los Pegamoides Horror en el hipermercado (Hispavox, 1980). EP Otra dimensión (Hispavox, 1981). EP Bailando (Hispavox, 1982). EP Grandes éxitos (Hispavox, 1982). LP La línea se cortó/Reacciones (Hispavox, 1982). 7" En el jardín/Volar (Hispavox, 1982). 7"

Parálisis Permanente El acto (Tres Cipreses, 1982). LP Nacidos para dominar/Sangre (Tres Cipreses, 1983). 7"

Negros S.A. Sabana, sabana/El Dr.Livingstone, supongo (Lollipop, 1983). 7"

Los Seres Vacíos Los celos se apoderan de mí/La casa de la imperfección (Tres Cipreses, 1982). 7" Luna nueva/Más (DRO-Tres Cipreses, 1983). 7" Recuerda (DRO-Tres Cipreses, 1984). EP

Ana Curra Una noche sin ti (Hispavox, 1985). EP Volviendo a las andadas (Hispavox, 1987). LP El acto (Frontline, 2012). DOBLE 7" Quiero ser santa/Esa extraña sonrisa (Frontline, 2012). 7"

El Último Eslabón La condena (Justine, 1987). EP Los Vengadores El regreso de tus superhéroes (Rock Addiction, 1994). CD EP Digital 21 Vs. Ana Curra Digital 21 Vs. Ana Curra (PIAS, 2011). LP

Notas

Véxase tamén

Ligazóns externas Bailando. Alaska y los Pegamoides Vídeo Aplauso 1982 Gravación en Rock-Ola, 1983 Entrevista en Jot Down Magazine Aquellas movidas-Frenesí en la gran ciudad (La Movida madrileña) Documental TVE. 16 de novembro de 2014

Categoría:Nados en San Lorenzo de El Escorial Categoría:Nados en 1958 Categoría:Compositores de España Categoría:Cantantes da Comunidade de Madrid Categoría:Pianistas de España Categoría:Personalidades do rock Categoría:Profesores