Gilberto de Mello Freyre, nado en Recife o 15 de marzo de 1900 e finado na mesma cidade o 18 de xullo de 1987, foi un sociólogo, antropólogo e escritor brasileiro, autor de Casa-grande e senzala, influente ensaio sobre a formación da sociedade brasileira, e creador da tese do Lusotropicalismo.

Traxectoria Gilberto Freyre era fillo dun xuíz e catedrático de Economía política da Facultade de Dereito de Recife, Alfredo Freyre.

Gilberto iniciou os seus estudos no Colexio Americano Gilreith; o seu mestre, Mr. Williams, ensinoulle a ler e escribir en inglés, o que foi decisivo para o seu futuro. O seu pai ensinoulle latín, e logo aprendeu grego. Realizou estudos superiores na Universidade de Columbia nos Estados Unidos onde coñeceu a Franz Boas, a súa principal referencia intelectual.

É un dos sociólogos máis importantes de América e influíu en numerosos terreos de estudos no Brasil. O seu primeiro e máis importante libro é Casa-Grande e Senzala, foi publicado en1933 e traducido ao castelán, inglés, francés e alemán. Está dividido en cinco capítulos: 1) características da colonización portuguesa; 2) o indíxena na formación da familia brasileira; 3) o colonizador portugués; 4 e 5) o escravo de orixe africana na vida sexual e a familia do brasileiro. As casas-grandes organizaron a vida brasileira colonial, e contrapúñanse ás senzalas, vivendas moi humildes dos escravos. Iso sérvelle como referencia simbólica para describir as relacións sociais no seu traballo interpretativo.

A súa Interpretación do Brasil, recolle ensaios sobre as raíces europeas da historia brasileira, a fronteira e as plantacións do Brasil, a unidade e diversidade rexional brasileira, as condicións étnicas e sociais, a política exterior, a situación étnica e xeográfica, a literatura moderna e os problemas sociais.

En 1946, Gilberto Freyre foi elixido pola União Democrática Nacional para a Assembleia Constituínte e, en 1964, apoiou o movemento cívico-militar que derrocaría a João Goulart. esquerda|miniatura|Gilberto Freyre (der), con Adonias Filho (esq) e Rachel de Queiroz.

Recoñecementos Os seus libros foron traducidos, ademais das linguas anteditas, a outras como o italiano ou xaponés. Admirador do lusófilo vasco Unamuno, ao que lembra en moitas ocasións; Freyre alén de socioloxía e antropoloxía, escribiu poesía e ensaio de diversos temas literarios, por exemplo escribiu páxinas sobre Cervantes. Gran lector, reuniu unha notábel e numerosa biblioteca.

Gañou numerosos premios, en distintos países, entre outros os da Academia Brasileira de Letras, o premio Anisfield-Wolf, a orde civil de Afonso X o Sabio, a portuguesa de Santiago da Espada ou a Lexión de Honra francesa.

Obra

Casa-Grande e Senzala, 1933. Sobrados e Mucambos, 1936. Nordeste, 1937. Assucar, 1939. Olinda, 1939. O mundo que o português criou, 1940. A história de um engenheiro francês no Brasil, 1941. Problemas brasileiros de antropologia, 1943. Sociología, 1945. Interpretação do Brasil, 1947. Ingleses no Brasil, 1948. Ordem e Progresso, 1957. O Recife sim, Recife não, 1960. Brasis, Brasil e Brasília, 1968. Como e Porque sou e nao sou Sociologo, Brasilia, 1968. O brasileiro entre os outros hispanos, 1975.

Notas

Véxase tamén

Outros artigos Democracia racial Lusotropicalismo

Ligazóns externas

Biblioteca Virtual Gilberto Freyre Fundación Gilberto Freyre Biografía de Gilberto Freyre: Proyecto Releituras Casa Grande & Senzala

Categoría:Finados en 1987 Categoría:Poetas do Brasil Categoría:Nados en Recife Categoría:Escritores en lingua portuguesa