José Valentín Caeiro Igós, nado en Hondarribia o 14 de febreiro de 1925 e finado en Vilagarcía de Arousa o 14 de xaneiro de 1981, foi un futbolista e adestrador español. Como futbolista destacou principalmente no Racing de Ferrol e no Stade Rennais, sendo o cuarto máximo goleador histórico de ámbolos dous clubs. Tamén rendeu a gran nivel na Real Sociedad, coa que marcou 56 goles en 86 encontros. Durante a súa carreira como adestrador dirixiu a varios equipos, a maioría galegos, entre eles o propio Racing, o Lugo, o Pontevedra ou o Arousa.
Traxectoria
Como futbolista Nacido en Hondarribia, xogou no Real Unión antes de fichar en 1944 polo Racing de Ferrol, que militaba na Segunda División. Debutou co club departamental o 19 de xuño, nun partido da Copa Galicia contra o Deportivo da Coruña no Inferniño. Marcou naquel partido dous dos cinco goles do seu equipo, que venceu por 5-3.
Excelente goleador, en só catro tempadas en Ferrol marcou 70 goles en liga e Copa do Xeneralísimo, converténdose no máximo anotador da historia do club naquel momento. Destacou especialmente na tempada 1947/48, na que marcou 26 goles en 25 partidos de liga, sendo o terceiro máximo goleador da competición (só por detrás de Serratusell e Bazán), e seis en Copa. Durante esa tempada logrou ata en tres ocasións marcar catro goles nun mesmo partido, contra Valencia Mestalla, Real Murcia e Sporting de Gijón, sendo o segundo deles contra o Murcia a maior goleada da historia do club (9-0).
En agosto de 1948 foi traspasado á Real Sociedad por 425.000 pesetas. Na súa primeira campaña no club donostiarra marcou 23 goles, contribuíndo a que o equipo se proclamase campión e ascendese á Primeira División. Debutou na máxima categoría na primeira xornada da tempada 1948/49 contra o Espanyol en Sarrià, marcando o gol que colocaba o empate no marcador preto do final do partido (2-2). Na novena xornada fixo o seu primeiro triplete, na goleada por 7-0 contra o Oviedo, e marcou un total de 13 goles en liga. Na seguinte tempada conseguiu 17 goles en liga, ademais de dous na Copa, incluído un nas semifinais contra o Real Madrid. Disputou ademais a final contra o Barcelona en Chamartín, no que a vitoria foi para o equipo catalán
En 1951 asinou co Valencia, club no que militou un ano e no que non conseguiu ningún gol, lastrado polas lesións e pola competencia de Badenes. Ao ano seguinte regresou á Segunda División, fichando polo Hércules, onde recuperou os seus bos números goleadores, anotando 17 tantos na súa única tempada no club. A continuación marchou a Francia, convencido por Salvador Artigas para xogar no Stade Rennais, na segunda división francesa. Marcou 31 goles en cada unha das dúas primeiras tempadas, e 21 na terceira, na que o club conseguiu proclamarse campión da categoría e ascender á máxima división. Non puido repetir os bos números na súa cuarta e derradeira tempada no Rennais, pero os seus 83 goles colocárono naquel momento como o segundo máximo goleador da historia do club (na actualidade ocupa o cuarto lugar). Rematou o seu paso polo fútbol francés cunha última tempada no AS Brestoise, equipo afeccionado.
A continuación regresou a Ferrol para disputar co Racing a tempada 1958/59 de Segunda División, onde sumou dous goles máis antes de retirarse.
Como adestrador Obtivo o título de adestrador nacional en 1966 e o primeiro equipo que dirixiu foi o Brigantium de Betanzos, co que logrou a permanencia na Terceira División. A continuación foi contratado polo Lugo, da mesma categoría, e que viña de rematar subcampión con Ricardo Badás no banco. Con todo, a súa estancia no club vermello e branco durou só uns meses, pois foi despedido en outubro de 1967, despois de denunciar no xornal El Progreso que nin el nin varios xogadores cobraran os salarios correspondentes e de afirmar que non se sentaría no banco no seguinte partido contra o Atlético Ourense no Estadio José Antonio.
Na tempada 1968/69 adestrou o Numancia na Terceira División e en outubro de 1969 asinou como novo técnico do Racing de Ferrol, en substitución do cesado Ernesto Pons. Permaneceu dúas tempadas á fronte do equipo verde, obtendo un 10º e un 8º posto na Segunda División. En marzo de 1972 converteuse no novo adestrador do Pontevedra, o terceiro da tempada, despois dos despedimentos de José Juncosa e Simón Herrería. O equipo estaba na parte baixa da táboa de Segunda, só tres puntos por riba do derradeiro clasificado, pero trala chegada de Caeiro obtivo varias vitorias e subiu ata a 11ª praza final. Caeiro continuou como adestrador granate na tempada 1972/73, pero foi destituído tras 20 xornadas, co equipo en postos de descenso directo, ocupando o seu lugar Martín Esperanza.
En xaneiro de 1975 firmou como novo adestrador do Real Jaén, en Terceira, substituíndo a Martín Vences, que fichou polo Gimnàstic. Ao ano seguinte regresou ao Racing de Ferrol, agora na Terceira División, pero non chegou a completar a tempada, sendo cesado en febreiro de 1977. En xullo de 1977 fíxose cargo da Ponferradina, equipo que dirixiu durante as seguintes tres tempadas en Terceira.
Para a tempada 1980/81 asinou como técnico do Arousa, tamén en Terceira División. Nos seis meses que estivo á fronte do club arlequinado realizou un importante labor na promoción da canteira e levou equipo á terceira praza. O 14 de xaneiro de 1981 faleceu dun infarto de miocardio, cando se dispoñía a traladarse ao estadio da Lomba para dirixir un adestramento do equipo.
Vida persoal Casado coa ferrolá Carmen Rodríguez, coa que tivo dous fillos, María José e José María.
Palmarés Real Sociedad
Segunda División (1): 1948/49.
Stade Rennais
Ligue 2 (1): 1955/56.
Notas
Véxase tamén Ligazóns externas Datos do xogador en BDFutbol . Datos do adestrador en BDFutbol .
Categoría:Nados en 1925 Categoría:Nados en Hondarribia Categoría:Finados en 1981 Categoría:Futbolistas do País Vasco Categoría:Dianteiros de fútbol Categoría:Xogadores do Racing de Ferrol Categoría:Xogadores da Real Sociedad Categoría:Xogadores do Valencia CF Categoría:Xogadores do Hércules CF Categoría:Xogadores do Stade Rennais FC Categoría:Adestradores de fútbol do País Vasco Categoría:Adestradores do Betanzos CF Categoría:Adestradores do CD Lugo Categoría:Adestradores do CD Numancia Categoría:Adestradores do Racing de Ferrol Categoría:Adestradores do Pontevedra CF Categoría:Adestradores do Real Jaén Categoría:Adestradores da SD Ponferradina Categoría:Adestradores do Arosa SC