Gabriela Alejandra Guzmán Pinal, nada na Cidade de México o 9 de febreiro de 1968, é unha cantante, compositora e actriz mexicana, alcumada "a raíña de corazóns". Con máis de vinte millóns de discos vendidos durante a súa carreira e un Grammy Latino, é unha das cantantes mexicanas de maior éxito.

Traxectoria Guzmán é filla da actriz Silvia Pinal e do cantante Enrique Guzmán, terceiro marido de Pinal. É irmá do empresario Luis Enrique Guzmán Pinal. Ademais, ten dous irmáns por parte do seu pai, Daniela e Enrique Jr., e dúas máis por parte da súa nai, as actrices Sylvia Pasquel e Viridiana Alatriste. Alejandra Guzmán creceu no mundo do espectáculo por mor da sona dos seus pais.

O 25 de outubro de 1982, cando Guzmán tiña catorce anos, faleceu a súa irmá Viridiana Alatriste nun accidente de automóbil, o que foi un dos momentos máis tristes da súa vida. Tras isto volveuse máis rebelde e decidiu vivir a vida a máxima. Con frecuencia marchaba da casa para gozar da vibrante vida nocturna da Cidade de México. Nesta época, coñeceu a Kenny Avilés, da banda Kenny y Los Eléctricos, que se converteu na súa nai/mentora no rock. Entón foi cando decidiu dedicarse ao espectáculo.

A súa canción Bye Mamá supuxo o inicio da súa carreira en 1988. A canción, un grito de independencia, provocou o distanciamento coa súa nai, coa que non falou durante seis meses. Na década de 1990 publicou varios dos seus discos de maior éxito, como Eternamente Bella, Flor de Piel e Libre, que se lanzou cun contrato asinado con BMG Ariola. O seu éxito valeulle ser candidata aos Grammy e os Latin Grammy, e conseguiu discos de ouro e platino. Por todo isto foi chamada "raíña do rock" de México.

Ao longo da súa carreira tivo éxitos en México e nos Estados Unidos e realizou dúos con Franco De Vita, Mario Domm, Fonseca e Gloria Trevi. Con Trevi ademais levou a cabo unha xira (Versus Tour) en 2017-2018.

Foi xurado na segunda temporada de Va Por Ti e coach en La Voz...México. O 5 de xullo de 2018, Telemundo anunciou que Guzmán sería coach de La Voz (U.S.), uníndose a Luis Fonsi, Carlos Vives e Wisin como coaches da versión en castelán. En 2020, Amazon anunciou que era unha das protagonistas da serie de Amazon Prime El juego de las llaves.

Vida persoal Alejandra Guzmán tivo unha relación con Erik Rubin que non durou por mor dur conflito sobre el coa cantante Paulina Rubio. Posteriormente comezou unha relación co empresario Pablo Moctezuma, con quen tivo unha filla, Frida Sofía, nada en marzo de 1992. Posteriormente a parella separouse.

Guzmán casou co empresario estadounidense Farrell Goodman en 1998. O matrimonio rompeu cando Goodman foi arrestado nun aeroporto alemán con narcóticos. Posteriormente mantivo unha relación con Gerardo Gómez de la Borbolla, que empeorou despois de que Guzmán sufrise un aborto e caese nunha depresión profunda e no alcoholismo, nun momento en que el quería formar parte do seu equipo de traballo e lanzarse como cantante. Guzmán revelou anos despois que tivo un segundo aborto. Tempo despois conseguiu recuperarse.

En 2007 diagnosticáronlle cancro de mama, que foi detectado de xeito temperán. En 2009 sufriu un procedemento estético erróneo que a deixou en estado grave de saúde. Tras atoparse unha cura aos polímeros que lle inxectaron nos glúteos, realizáronlle arredor de vinte e dúas cirurxías que a tiveron no hospital durante seis meses.

Notas

Véxase tamén

Ligazóns externas Páxina oficial

Categoría:Nados na Cidade de México Categoría:Nados en 1968 Categoría:Cantantes de México