Miguel Villar Alonso, coñecido como Miki Villar, nado en Nigrán o 19 de setembro de 1996, é un futbolista galego que xoga como extremo no Jagiellonia Białystok da Ekstraklasa polaca.
Traxectoria Nado en Nigrán, formouse nas canteiras do Celta de Vigo e do Rápido de Bouzas. O 24 de novembro de 2013 debutou co primeiro equipo do Rápido na Terceira División, nun partido contra o Somozas. Marcou o seu primeiro gol tres semanas despois, facendo o terceiro tanto do seu equipo na vitoria por 3-1 sobre o Racing Vilalbés. Na seguinte tempada disputou 37 partidos, 22 deles como titular e marcou seis goles.
En xullo de 2015 fichou polo Pontevedra CF, da Segunda División B. Apenas tivo minutos no equipo de Luisito, e ao ano seguinte regresou ao Rápido de Bouzas en calidade de cedido.
No verán de 2017 fichou polo CD Boiro, da Terceira División, onde foi titular durante a maior parte da tempada. Ao ano seguinte fichou pola SD Compostela, onde militiou os seguintes tres anos. Foi unha das pezas máis importantes no equipo de Yago Iglesias e na campaña 2019/20 logrou o ascenso a Segunda B.
En xuño de 2021 asinou un contrato de dous anos coa UD Ibiza, que viña de ascender por primeira vez na súa historia á Segunda División. Debutou na categoría de prata na primeira xornada da tempada 2021/22, contra o Zaragoza na Romareda, entrando na segunda parte como substituto de Mateusz Bogusz. Marcou o seu primeiro gol na xornada 15, contra a Real Sociedad B en Anoeta, dándolle a vitoria ao seu equipo por 0-1. Militou durante unha tempada e media no club balear, contabilizando un total de 51 partidos e 3 goles.
En xaneiro de 2023 deixou Eivisa para fichar polo Wisła Kraków, club da I Liga, segunda categoría do fútbol de Polonia. No histórico club de Cracovia coincidiu na súa primeira tempada co tamén galego Luis Fernández e con outros cinco futbolistas españois. A cifra de españois aumentou ata nove na tempada 2023/24 na que o Wisła fixo historia ao conquistar a Copa de Polonia a pesar de militar na segunda categoría. O equipo dirixido por Albert Rudé derrotou por 1-2 ao Pogoń Szczecin na final disputada no Estadio Nacional Kazimierz Górski de Varsovia.
En xullo de 2024 fichou polo Jagiellonia Białystok, da Ekstraklasa, máxima categoría do fútbol polaco.
Palmarés Wisła Kraków Copa de Polonia (1): 2023/24.
Notas
Véxase tamén Ligazóns externas Datos do xogador en BDFutbol . Datos do xogador en LaPreferente.com . Datos do xogador en Soccerway .
Categoría:Nados en 1996 Categoría:Nados en Nigrán Categoría:Futbolistas de Nigrán Categoría:Centrocampistas de fútbol Categoría:Xogadores do Rápido de Bouzas Categoría:Xogadores do Pontevedra CF Categoría:Xogadores do CD Boiro Categoría:Xogadores da SD Compostela Categoría:Xogadores da UD Ibiza-Eivissa Categoría:Xogadores do Wisła Kraków Categoría:Xogadores do Jagiellonia Białystok