Santa María do Campo de Ribadeo é unha parroquia do concello de Ribadeo, situada na comarca da Mariña Oriental e no arciprestado de Ribadeo. Segundo o IGE, en 2008 tiña 6283 habitantes (2.931 homes e 3352 mulleres), 712 máis que no 2004. En épocas de grande afluencia turística, a poboación de feito pode chegar até os 20 000 habitantes. Ten unha densidade de poboación de 2731 hab./km², repartidos nunha entidade de poboación e 4 lugares.

Xeografía Limita ó norte coas parroquias de Piñeira e Vilaselán, ó oeste coa da Devesa, ó sur coas de Cubelas e Ove, e ó leste coa ría de Ribadeo. A súa altitude sobre o nivel do mar é de 46 m (referencia tomada nos arredores da Casa Consistorial e da Igrexa Parroquial).

Ademais da vila de Ribadeo, principal entidade de poboación, os outros lugares da parroquia son Cantarrá, Mirasol, Porcillán, A Vilavella, O Campo e As Catro Rúas.

Evolución da poboación A diferenza da parroquias rurais do concello, a vila presenta un aumento de poboación durante o comezo do século XXI: totalhomesmulleres2018686632623604201769073280362720166861325336082015678132253556201467923224356820136669313835312012668331393544201165803090349020106466301934472009639429853409200862832931335220076096282032762006597127573214200557282635309320045571256730042003545825122946200253682449291920015291241728742000511923322787

Historia A primitiva poboación estaba formada por pescadores establecidos na ribeira e na praia, que acabou chamándose Cabanela polas pequenas casiñas onde se refuxiaban os seus habitantes. Sucesiva e lentamente foise espallando o núcleo cara a Porcillán, e dende aquí estendeuse no interior. Entre os séculos V e VI estás dúas poboación foron abandonadas, e os seus habitantes establecéronse un pouco máis cara ao interior, por dous posibles motivos:

Segundo a lenda do Bispo Santo, as invasións viquingas impulsaron á xente a refuxiarse nos cumios dos montes (lenda esta con máis arraigo no concello de Foz ca no de Ribadeo). Outro motivo puido ser a fundación dunha vila nova cara ao ano 742, coa axuda da carta de Orde de Afonso I, reforzada ata acabar converténdose en vila en tempos de Fernando II, existente aínda a finais do século XII.

Co repoboamento do antigo Ribadeo e establecidos na vila os seus antigos moradores e descendentes deles, a Sé episcopal foi trasladada no ano 918 a Mondoñedo, se ben regresou a Ribadeo cara ao 1199 baixo o goberno do sucesor do bispo Rabinato, Paio Cebeira. Tralo seu falecemento en 1218, o bispado regresou a Mondoñedo. A tradición conta que un edificio en ruínas situado na Cabanela foi antigamente o palacio episcopal.

A vila de Ribadeo estableceuse a mediados do século XII, no lugar coñecido actualmente como Vilavella.

Trala vitoria de Henrique de Trastámara sobre seu irmán Pedro o Cruel, Ribadeo acabou transformándose nun condado en 1369. O rei Henrique II nomeou conde de Ribadeo ao cabaleiro francés Pierre de Villaines, chamado tamén Lobesgue e le Begue. De orixe normanda, veu a España en calidade das Gandres compañías ou Compañías brancas, contratadas en Francia para facer a guerra contra o rei Pedro I. A finais do século, cando tiña pensado regresar a Francia, vendeu o condado a Rui López Dávalos. En 1422 López Dávalos foi acusado de ofender á súa maxestade, Xoán II, e tratar cos mouros para traizoar o seu rei e a súa patria. Caeu en desgraza fuxindo a València e, aínda que foi dado por libre do que o acusaban, os seus bens non lle foron restituídos. Ribadeo permaneceu así libre, exercitando os seus foros e institucións locais, a pesar de que o rei a dividiu.

No ano 1431 o rei Xoán II nomeou conde de Ribadeo a Rodrigo de Villandrando, como premio os servizos prestados protexendo o rei de Aragón nas fronteiras francesas do seu reino. Á morte deste en 1448 deixou por herdeiro o seu fillo Pedro de Villandrando e Stúñiga. Trala súa morte, pasou ao seu sobriño, Diego Gómez de Sarmiento, primeiro conde de Salinas. Este vendeu a carta a Póboa de Navia no 1551, pero uns 70 anos despois, por virtude do casamento de Rodrigo de Silva Sarmiento cunha dona pertencente á familia de Híjar, o título de conde de Ribadeo pasou a esta casa ducal. En 1955 tralo falecemento do conde, o título pasou á Casa de Alba, sendo na actualidade Cayetana Fitz-James Stuart, XVIII Duquesa de Alba, a condesa de Ribadeo.

miniatura|250px|Mapa esbozo da vila de Ribadeo. A situación xeográfica sinalada é 43° 32' 1" N, 7° 2' 26" O. A parroquia de Ribadeo ocupa a zona ó sur da autovía e oeste da vía, unha vez quitada unha pequena franxa nas zonas límites.

No 1566 comenzan as primeiras construcións que foron dando forma ao Ribadeo de hoxe. Foron empedrados algúns dos lugares máis transitados da vila, como a praza pública (da Constitución), as portas da muralla e as entradas dos camiños públicos, que ata 1750 non se volveron tocar. As beirarrúas non se coñeceron en España ata o reinado de Carlos III. No seu tempo foron colocadas nalgúns sitios de Ribadeo, como na praza ou fronte o hospital. En 1851 estendeuse o seu uso a tódalas rúa, a expensas dos veciños.

Dende o século XVII as casas construíronse de cachotería e adoitábase lucir nas frontes das casas, mellor canto máis arriba, a pedra de armas fanfuriñeira, noutros casos eran escudo dos apelidos. Namentres a vila foi ascendendo cara ao chan. Fíxose a Praza Maior, o Patín, a rúa dos Fornos e as ruelas transversais. Desta forma quedaba aunada ao mar e o mercado, bases principais da vila de Ribadeo. Co mar libre de piratas, a vila seguiu a espallarse. Apareceu o lugar da Figueirúa, a rúa de San Miguel e o barrio de Xibraltar. No século XVII construíuse a capela da Misericordia, fóra das portas da vila, preto da da Auga. Deu orixe á rúa do mesmo nome que, a finais do XVIII, espallouse ata á ermida da Virxe do Camiño e viuse na obriga de cambia-lo nome polo de San Roque. Da mesma época da construción da rúa da Misericordia son tamén as rúas dos Ferradores, a da Confitaría e a ruela que baixa da rúa de San Roque a Fonte Nova.

A finais do século XVIII construíuse a rúa principal que empezaba na Porta da Vila e remataba na de Cabanela. Chamouse ata o século XVIII Rúa Grande e Rúa Maior; despois foi bautizada co nome de Rúa da Paz. No seu crecemento, fronte a esta rúa estaba o cárcere vello, que facía esquina a travesía do Canellón do Cárcere, hoxe Travesía da Paz. No 1858 tamén se sinalou o sitio na horta dos frades para un novo cárcere, que, co tempo pasaría a chamarse hoxe Casa do Mar. Deste mesmo xeito a rúa de Ares-Ares, chamouse rúa dos Ferreiros; e máis adiante puxéronlle o nome das Angustias e hoxe xa se chama Antonio Otero e Viejo Pancho.

A finais do século XIX foron bautizadas de novo tódalas rúas, rueiros, prazas e rinconadas de Ribadeo. A canella da Dichosa pasou a Canella ou Baixada dos Perigos, o de Quintana, quedou no Pasadizo de Álvarez Miranda; o do Cura chamouse San Sebastián; o da Fortuna pasa a baixada a Cabanela; a que ía cara á Fonte Nova quedou en costiña do Bispo Cebeira. A rúa do Hospital, xa no século XX foi chamada Vilafranca do Bierzo. Da confraría que tiña o patroado da igrexa da Atalaia tomou o seu nome a rúa da Trindade. A do Forno que vai da do Padre Feijoo a antiga do Correo, e chamada hoxe de Méndez San Xulián. O Patín foi entón chamado Rincoada das Escolas; a rúa da Pedreira era a rúa de Méndez Núñez; o do Forno do Campo quedou en rincoada de San Francisco; a canella de Opeana pasou a chamarse costiña do Pai Sarmiento, e a da fonte dos Catro-canos, quedou en pasadizo de Fernando o Santo. Tamén con posterioridade, foi substituído o nome da rúa de Correo polo de Méndez San Xulián, o de Ferradores polo de Reinante e o de Méndez Núñez polo de Clemente Martínez etc. Seguiron formándose pouco a pouco a rúa de Ares-Ares, a da Trindade, a Maior, a da Atalaia e unhas cantas máis...

Patrimonio A igrexa parroquial de Santa María do Campo atópase na rúa de San Francisco. Leva este nome dende 1835, pois ata entón pertencera á colexiata de Santa María, ocupada por monxes franciscanos. De fábrica de cachotería e perpiaño granítico, consta de nave central cuberta de bóveda sinxela de nervios, capela maior, dúas capelas absidais e outras laterais. Frontis con porta gótica do século XIV con catro columnas e capiteis de decoración vexetal, posúe unha grande fiestra da mesma época con decoración de puntas de diamante e dúas columnas con capiteis de decoración vexetal, e unha delgada torre-campanario no centro de estilo neogótico. O lado esquerdo hai unha portada gótica moi semellante a principal con decoración angulosa e vexetal nos dous capiteis das súas columnas. Do interior destacan os arcos románicos que dan acceso a Sala capitular antiga dende o claustro e dous retablos barrocos do século XVIII.

A capela da Atalaia é o edificio relixioso máis antigo conservado en Ribadeo. Data do século XII, sendo reconstruída durante a repoboación que Fernando II fixo en 1182, e foi alterada pola súa reconstrución a principios do século XX. De planta rectangular, consta de nave, arco triunfal e presbiterio. Frontis coa porta principal gótica do século XIV, con adornos en zigzag; sobre a porta, escudo de Ribadeo e espadana dun só van. Interior: retablo barroco con tallas de variada cronoloxía de entre as que destaca a imaxe titular da Santísima Trindade, retablo dereito barroco e pila de auga bendita montada sobre columna gótica. A carón do templo hai dous canons afincados de pé cos que se sinala que o miradoiro da Atalaia foi na súa orixe baluarte de defensa da vila. Nesta capela celebráronse ata o século XVII os "concellos abertos" da vila. Dende ela divisase o porto de Porcillán.

O convento de Santa Clara foi fundado no século XIII (segundo certos autores, no século XI), sendo profundamente reformado en diversas ocasións, sobre todo no século XIII ou XIV. Conserva como parte máis antiga a igrexa, do século XV. Formada por unha soa nave cuberta con artesoado e arco triunfal oxival, e por un edificio rectangular, cun claustro do século XVIII. No seu interior destaca unha lámpada rococó (XVIII) e diversas tallas e imaxes dos séculos XVII e XVIII. Grazas ás xestións municipais librouse da desamortización do ano 1835. Existen outras capelas como a Venerable Orde Terceira, Virxe do Camiño, Guimarán, San Francisco de distintas épocas e intereses.

A casa dos Moreno é unha casa de indianos modernista, construída polos irmáns Juan e Pedro Moreno. Situada na praza de España, destaca a decoración xeométrico-vexetal da zona de balcóns así como o seu lateral a modo de torre de castelo renacentista. Por outro lado, o tellado caracterízase por reflecti-la luz solar o modo das cúpulas das igrexas ortodoxas.

A torre dos Moreno é outra casa de indianos, situada na rúa de San Francisco. É o edificio máis representativo da vila, construído en 1905. De planta rectangular, consta de cinco plantas, cunha concepción moi avanzada para a época polo emprego dunha estrutura mixta de formigón e ferro. Ten un alto perfeccionismo en alicatados, solos de mármore, forxas de ferro e cristaleiras. Destaca especialmente a torre coa súa pequena cúpula sostida por catro cariátides e teito vermellón de cerámica vidrada. É de estilo ecléctico con ornamentacións que apuntan o modernismo, polo que parece sela obra dun discípulo de Gaudí.

Ao seu carón está situado o pazo de Ibáñez, coñecido na actualidade como Casa Consistorial ou Pazo Municipal. A construción ten estilo neoclásico do século XVIII que, na súa orixe, a finais do século XIX, foi residencia do marqués de Sargadelos. Construída sobre unha antiga edificación do ano 1568 e consta dun soportal de tres arcos con balconada isabelina, fundida en Sargadelos, e catro balcóns de frontóns triangulares. No seu interior consérvanse valiosos lenzos.

No casco urbano, e especialmente na rúa de San Roque, aínda se conservan fermosas residencias burguesas finiseculares, con influencia indiana.