William de Camargo Escobar, nado en São José do Rio Preto o 27 de febreiro de 1999, é un futbolista brasileiro, que pode alternar as posicións de centrocampista e dianteiro.
Traxectoria Formouse nas categorías inferiores do São Paulo FC, ao que se incorporou no ano 2013. Tras rematar o seu contrato co club brasileiro, o xogador de 18 anos marchou a España, onde entrou na canteira do CD Leganés en abril de 2017.
Xogou co equipo madrileño na División de Honra e o 25 de febreiro de 2018 fixo o seu debut co Leganés B en Terceira División, nunha vitoria por 5 goles a cero fronte ao CDF Tres Cantos.
No verán de 2018 realizou toda a pretemporada co primeiro equipo e o 30 de agosto saíu cedido durante unha campaña ao FC Karpaty Lviv, da Primeira División de Ucraína. Debutou como profesional o 15 de setembro, substituíndo a Marian Shved nun partido que acabou cunha derrota por 0-1 contra o FC Vorskla Poltava.
En setembro de 2019 foi cedido ás filas do FC Cartagena. En principio chegou para reforzar o equipo filial de Tercera División, pero converteuse rapidamente en xogador do primeiro equipo, da Segunda División B. Disputou 22 partidos co equipo principal, adestrado na primeira parte da tempada por Munúa e na segunda por Borja Jiménez, e marcou tres goles, contribuíndo a que o conxunto rematase primeiro do Grupo IV, cando a pandemia de COVID-19 paralizou a competición. En xullo foi titular no partido da promoción de ascenso contra o Atlético Baleares, na que o Cartagena venceu na quenda de penaltis, regresando así á Segunda División oito anos despois.
A súa cesión foi ampliada por un ano máis e debutou na Segunda División na primeira xornada da tempada 2020/21, contra o Oviedo no Carlos Tartiere. Xogou once encontros máis, aínda que só dous deles como titular, e en xaneiro púxoselle fin á cesión. No mesmo día foi cedido novamente, esta vez ao Valencia Mestalla, da Segunda División B, co que disputou 12 encontros ata o remate da tempada.
En xullo de 2021 anunciouse a súa chegada ao Deportivo da Coruña, na súa terceira cesión consecutiva. Debutou co club galego o 29 de agosto de 2021, no primeiro encontro da tempada 2021/22 da Primeira División RFEF contra o Celta B en Riazor, que acabou con goleada coruñesa por 5-0. Disputou un total de 35 partidos co equipo coruñés, incluídos os dous partidos da promoción de ascenso, e marcou 4 goles.
Para a tempada 2022/23 foi cedido ao KMSK Deinze, da Segunda División de Bélxica. Apenas tivo participación no equipo da cidade de Deinze, disputando só tres partidos. Despois de varios meses sen equipo, en febreiro de 2024 fichou polo Fuenlabrada, onde tampouco tivo continuidade, xogando só 181 minutos ata o final da tempada.
En setembro de 2024 regresou a Galicia para asinar como novo xogador do Ourense CF, club que viña de ascender á Primeira Federación, pero a fichaxe acabou truncándose a última hora, polo que pasou os seguintes seis meses sen equipo. En febreiro de 2025 fichou polo Real Ávila, da Segunda Federación. Con este club xogou un total de 8 partidos, convertendo un gol ante o Compostela, e disputou ás ordes de Víctor Valdés a promoción de ascenso a Primeira Federación.
En agosto de 2025 anunciouse a súa fichaxe polo Arenteiro, da Primeira Federación. No conxunto galego só disputou 12 partidos, 6 deles como titular. No mercado invernal fichou polo Lorca Deportiva, da Segunda Federación, onde a súa participación foi aínda máis baixa, con nove encontros e unha soa titularidade. Ao remate da tempada desvencellouse do club murciano.
Notas
Véxase tamén Ligazóns externas Datos do xogador en BDFutbol .
Categoría:Nados en 1999 Categoría:Nados no estado de São Paulo Categoría:Futbolistas do Brasil Categoría:Centrocampistas de fútbol Categoría:Xogadores do CD Leganés B Categoría:Xogadores do FC Karpaty Lviv Categoría:Xogadores do FC Cartagena Categoría:Xogadores do Valencia CF Mestalla Categoría:Xogadores do Deportivo da Coruña Categoría:Xogadores do CF Fuenlabrada Categoría:Xogadores do CD Arenteiro