As Veigas de Almorzar é un lugar da parroquia de Bemil, no concello pontevedrés de Caldas de Reis, na comarca de Caldas. Segundo o IGE, en 2020 tiña 126 habitantes (66 homes e 60 mulleres), o que supón un aumento respecto ao ano 1999, cando contaba con 108 habitantes (52 homes e 56 mulleres).
Xeografía Localízase na marxe dereita do val do río Umia, no extremo sur da parroquia de Bemil. Trátase dunha entidade singular de poboación de recente creación, produto da urbanización incontrolada das últimas décadas arredor da N-640. Forma unha conurbación co centro de Caldas de Reis.
Tal e como indica o topónimo, neste lugar existe unha ampla superficie cultivable e chá, que tradicionalmente se dividiu en pequenas parcelas alongadas, na súa maioría traballadas polas veciñas de Follente e Outeiro (Bemil). Na actualidade só permanecen en cultivo unhas poucas destas parcelas, manténdose unha dinámica de expansión dos predios urbanizados, o que ocasiona a perda de terras de gran potencial agrícola.
A súa doada comunicación cos principais núcleos urbanos e de servizos favoreceu a expansión de vivendas unifamiliares e de naves industriais, malia ser esta unha zona de alto risco de inundación.
Notas
Lugares e parroquias Lugares de Bemil
Parroquias de Caldas de Reis
Categoría:Lugares de Caldas de Reis