Patricia López Andrés, máis coñecida como Patri López, nada en Melide o 29 de novembro do 2000, é unha deportista galega multidisciplinar. Xogou ao fútbol como lateral dereito no Deportivo da Coruña.

Antes de centrarse no fútbol foi campioa do mundo en idade escolar de kick boxing en dúas modalidades (semi contact e light contact), campioa de España infantil en loita olímpica e campioa de España infantil de esgrima.

Traxectoria

Inicios no deporte (2000-2016) Comezou a practicar varias modalidades de loita e esgrima na Escuela Ayude da súa vila natal, Melide. Despois de varios éxitos a nivel nacional, en novembro de 2013 en Carrara, Italia, proclamouse campioa do mundo en idade escolar de kick boxing en dúas modalidades (semi contact e light contact). En 2014 disputou o Open Internacional de kick boxing celebrado en Mirandela, Portugal, obtendo a medalla de ouro.

Competiu tamén en loita olímpica, proclamándose campioa de España infantil en 2014.

En 2015 proclamouse campioa de España de esgrima en Sabadell, na categoría de menos de 15 anos. En febreiro de 2016 participou en Burgos na Copa do Mundo júnior de esgrima, sendo a a máis nova das 169 participantes. Pasou a primeira rolda pero caeu na segunda, fronte á número 3 do mundo, a italiana Roberta Marzani. En maio quedou quinta no Campionato de España cadete.

Ademais de todos estes deportes xogou ao fútbol cos rapaces dende os 6 anos no CF Cire de Melide e dende os 14 no Club Melide Fútbol Sala Feminino, equipo de nova creación.

Deportivo da Coruña (2016-presente) En 2016 creouse o Deportivo da Coruña Feminino e foi unha das fichaxes do club branquiazul. Xogou o primeiro partido do novo equipo fronte ao Portonovo e compaxinou o Deportivo co Melide de fútbol sala, no que continuou ata 2018. Era a xogadora máis nova do Deportivo na súa primeira tempada de existencia, pois contaba con só 15 anos cando comezou a liga. Neste momento abandonou o resto de deportes para centrarse no fútbol.

Na tempada 2017/18 xogou cedida no PM Friol, tamén na Segunda División. Volveu ao Deportivo na tempada seguinte, con ficha do filial, que militaba na Primeira División Galega. Xogou tamén co primeiro equipo durante a tempada e foi autora dun dos cinco goles do partido fronte ao Sárdoma, que converteron ao equipo en campión de liga e o meteron na histórica fase de ascenso na que conseguirían subir a Primeira División.

Na tempada 2019/20 continuou con ficha do filial e disputou tres partidos co primeiro equipo na Primeira División, fronte ao FC Barcelona, Real Sociedad e Sporting de Huelva. Continuou no Deportivo ata o verán de 2023, cando deixou a disciplina deportivista despois de sete anos no club.

Notas

Véxase tamén Ligazóns externas Datos da xogadora no sitio web oficial do Deportivo da Coruña. Datos da xogadora en lapreferente.com -

Categoría:Nados en 2000 Categoría:Nados en Melide Categoría:Loitadores de Galicia Categoría:Esgrimistas de Galicia Categoría:Xogadores de fútbol sala de Galicia Categoría:Futbolistas da provincia da Coruña Categoría:Defensas de fútbol Categoría:Xogadoras do Deportivo da Coruña Feminino