Alberto Carlos Oliart Saussol, nado en Mérida o 29 de xullo de 1928 e finado en Madrid o 13 de febreiro de 2021, foi un xurista e político español. Foi ministro do Goberno de España en diversas ocasións durante a transición e presidiu a Corporación de Radio e Televisión Española entre 2009 e 2011.
Traxectoria O seu pai era Antonio Oliart Ruiz, un conservador adiñeirado que fuxira de Barcelona por mor da represión que se desencadeou contra os dereitistas tralo fracaso do golpe de estado de xullo de 1936 na capital catalá. Refuxiouse primeiro en Mérida, que había pouco tempo que fora tomada polas tropas franquistas. Alí o comandante da Garda Civil, Manuel Gómez Cantos, estivo a piques de arrestalo porque estaba convencido de que era un espía catalán. Antonio Oliart conseguiu escapar de novo e recalou finalmente en Burgos, a capital da España sublevada.Preston (2011), p. 423
Licenciado en Dereito pola Universidade de Barcelona en 1950 e tres anos despois ingresou por oposición no Corpo de Avogados do Estado. Comezou a súa carreira profesional na delegación de Facenda en Cidade Real. En 1958, comezou a traballar na Dirección Xeral do Contencioso como Avogado do Estado, para ser nomeado en 1963 xefe do Gabinete Técnico da Subsecretaría de Facenda. En 1965 abandona a Administración Xeral do Estado pero non o servizo público: é nomeado Director Administrativo e Financeiro da RENFE, empresa pública da que é nomeado secretario xeral en 1967. En 1968 retoma as súas funcións como Avogado do Estado, esta vez no Tribunal Supremo de España. En 1973, deixa a Administración para traballar no sector privado, ao ser nomeado conselleiro director xeral do Banco Hispano Americano e conselleiro do Banco Urquijo. Nesta etapa profesional (1968-1969) foi tamén conselleiro das empresas Explosivos Río Tinto, Río Tinto Mineira, Cros, Barral Editores, Siemens España, Metro de Madrid e Tabacos de Filipinas.Oliart (2019)
Traxectoria política Tralas eleccións de 1977, o presidente do Goberno Adolfo Suárez noméao ministro de Industria e Enerxía, cargo no que permanecerá só uns meses, até febreiro de 1978. Posteriormente, en setembro de 1980, encargarase do Ministerio de Sanidade. No intervalo, en 1979, participou na elaboración do Estatuto de Guernica para o País Vasco e, nas eleccións xerais de 1979, foi elixido deputado pola circunscrición de Badaxoz. En decembro de 1980 afiliouse á Unión de Centro Democrático (UCD). En 1981 foi nomeado ministro de Defensa por Leopoldo Calvo-Sotelo no seu primeiro goberno, nun momento tan delicado como aquel, despois do golpe de estado do 23 de febreiro. Continuou no cargo até a formación do primeiro goberno de Felipe González trala vitoria do Partido Socialista Obreiro Español (PSOE) en outubro de 1982. Durante o seu mandato produciuse o ingreso de España na OTAN.
Tras deixar a política activa, volveu á súa actividade como avogado e emprendeu un negocio de cría de gando meiriño puro na súa propiedade Los Rafaeles, en Badaxoz, onde invistiu os 60 millóns que lle tocara na lotaría comprando unha parte da leira que pertencía a seu tío. Tamén cría porco ibérico e vacas brancas cacereñas.
Entre 1995 e 2004 estivo asociado ao avogado madrileño José Manuel Romeu Moreno.
Afeccionado á escritura, en 1997 obtivo o X Premio Comillas de Biografía, Autobiografía e Memorias por «Contra el olvido», un libro autobiográfico, no que rememora feitos que marcaron a súa vida desde a infancia até a idade adulta.
O 28 de xullo de 1998 recibiu a Medalla de Estremadura. En 2008 foi membro do grupo de expertos que redactou unha proposta de reforma do Estatuto de Autonomía de Estremadura.
O día 11 de novembro de 2009 coñeceuse o acordo de PSOE e Partido Popular (PP) para que sucedese a Luís Fernández como presidente da Corporación de RTVE, sendo nomeado 13 días despois. Durante o seu mandato, TVE deixou de emitir publicidade e consolidouse como líder de audiencia, a pesar das críticas de manipulación dos informativos por parte do PP. Ocupou o cargo até 2011, presentando a súa dimisión o 6 de xullo dese ano por motivos persoais.
Escribiu artigos de opinión en xornais e revistas diversas.
Vida persoal Casou con Carmen de Torres Flores, con quen tivo 6 fillos, dos cales 2 deles morreron en senllos accidentes de tráfico. Nos anos noventa, a súa filla Isabel tivo unha relación sentimental co cantautor Joaquín Sabina, co cal tivo dúas fillas, Carmela Juliana e Rocío.
Faleceu na cidade de Madrid o 13 de febreiro de 2021, aos 92 anos de idade, afectado pola COVID-19
Obra
1998, Contra el olvido. Barcelona: Tusquets, ISBN 978-84-8310-057-8 2019, Los años que todo lo cambiaron: memoria política de la Transición. Barcelona: Tusquets ISBN 9788490667576
Notas
Véxase tamén
Bibliografía
Ligazóns externas
Ficha no Ministerio de Defensa (en castelán). Ficha no Congreso dos Deputados (en castelán). Entrevista no xornal El País, na conmemoración do fracaso do intento de golpe de estado do 23 de febreiro de 1981.
Categoría:Ministros de Defensa de España Categoría:Nados en Mérida Categoría:Nados en 1928 Categoría:Ministros de Sanidade de España Categoría:Deputados no Congreso dos Deputados (I Lexislatura) Categoría:Políticos de UCD Categoría:Xuristas de España Categoría:Finados pola COVID-19 en España Categoría:Ministros do Goberno de España da I Lexislatura