Ao tempo comprendido entre 1789, comezo da Revolución Francesa, e 1914 comezo da Primeira Guerra Mundial, se lle denomina “Século da Ciencia”, por ser cando a ciencia alcanzou o que se podería considerar a súa maioría de idade. A Revolución Francesa encádrase no ciclo de transformacións políticas e económicas que marcaron o fin da Idade Moderna e o comezo da Idade Contemporánea. Abarca un período de 10 anos (1789-1799), nos que se estableceron en toda Europa novas formas de organización política, social e económica, xurdiron novos usos e costumes, triunfaron novos modos de pensamento e novas tendencias espirituais. Este foi un momento decisivo na historia das mulleres. A condición da muller iniciou un cambio debido a que a Revolución creou ilusión de que a situación das mulleres se inscribira no mesmo núcleo de cuestionamento político do resto da sociedade.

Introdución

A situación das mulleres: "o anxo do fogar" O lugar da muller na sociedade e non só na orde doméstica, foi un tema que estivo presente. Considerar que a muller puidera ocupar un lugar na sociedade, constituíu todo un descubrimento para a civilización occidental. Non obstante este descubrimento no se converteu en solucións revolucionarias, nin se experimentaron cambios na perspectiva da vida das mulleres. Durante gran parte do século XIX a educación das nenas continúa sometida aos modelos establecidos pola costume. Os varóns teñen como destino a vida pública, os traballos das armas e das leis. As mulleres seguen a ser educadas para o fogar e a vida conxugal. A sociedade pasaba de ser rural a industrial, o que derivaba en ser científica e tecnolóxica. Profesionalizouse a ocupación científica, con tódolos requisitos que iso implica: formación institucionalizada e regulamentada, postos de traballo remunerados, avaliación e recoñecemento social. A ciencia dividiuse e organizouse por especialidades, conformando unha estrutura que en grande medida prefiguraba a que adoptaría no século XX. Os científicos tomaron conciencia de seu como clase profesional, reclamaron postos remunerados no ensino e na industria. Xunto a seu crecemento e desenvolvemento, a ciencia ganou prestixio e influencia. Retomou a súa imaxe clásica de obxectividade, veracidade e motor de progreso, virtudes que en boa medida estendéronse tamén aos científicos. No século XIX configuráronse e comezaron a adquirir peso académico disciplinas dedicadas ao estudo do ser humano e da sociedade: Psicoloxía, Socioloxía e Antropoloxía. O século vería tamén o nacemento da Estatística Social e da Xeografía Humana.

Dende a Ilustración, as sucesivas revolucións liberais ampliaron a categoría de cidadanía a sectores sociais excluídos do seu exercicio, pero fundamentaron a conceptualización dos dereitos políticos e de cidadanía na exclusión feminina e na universalización da norma masculina. Ademais, o discurso de xénero consolidou como valor cultural da modernidade a idea de separación entre o espazo público, asignado aos homes, e o privado, ás mulleres. O home quedaba adscrito ao mundo público, é dicir ao ámbito do laboral, do político, da ciencia; mentres que a muller, presentada como “o anxo do fogar”, quedaba relegada ao ámbito doméstico e era sometida a un ríxido sistema patriarcal de valores orientado a sometela á submisión e obediencia ao marido. Este ideal constituía un modo de preservar a institución burguesa máis prezada: a familia. Este modelo correspondeuse co novo modelo social, o da burguesía e o da muller burguesa: nai e esposa.

As Academias Outro dos motivos que permiten entender o proceso de expulsión das mulleres do ámbito científico é a fundación das academias durante os séculos XVIII e XIX. A formación das primeiras persoas científicas -tanto homes como mulleres- non dependía das universidades, senón da práctica directa e do intercambio de ideas, que tiñan lugar nos talleres, salóns, observatorios e laboratorios caseiros. Durante o arranque da modernidade, elas fixeron achegas destacadas aos saberes clásicos das matemáticas, a alquimia, a herboristaría ou a filosofía, e participaron na fundación de disciplinas nacentes como a astronomía, a entomoloxía, a botánica ou a xeoloxía. Antes da profesionalización das vellas e novas especialidades, a participación epistemolóxica e práctica no desenvolvemento do saber non requiría a ostentación de credenciais; a maioría dos homes e mulleres que lideraron a revolución científica eran amateurs e diletantes que aproveitaban os seus pequenos talleres produtivos para instalar laboratorios improvisados, ou armaban os seus propios instrumentos ópticos nas azoteas das súas vivendas, ou emprendían expedicións de descubrimento por terras ignotas. Todo pola súa conta, sen a subvención de institucións académicas e coa liberdade suficiente para permitir que irmás, fillas, esposas e nais estiveran presentes no proceso de traballo desas empresas, ou que as viúvas e orfas proseguiran cos esforzos familiares. Pero o impulso determinante da investigación científica radicou na conformación de institucións formais: por unha banda, as academias, por outra, a aparición das profesións. Ambas instancias funcionaron como mecanismos decisivos para a exclusión feminina. O paradoxal é que, no momento de fundación das academias de ciencias ao longo e ancho de Europa, había unha cantidade importante de mulleres que deberían ter pertencido por mérito propio a estes organismos -e terían entón obtido os emolumentos que tales institucións aportaban-, pero que non foron admitidas polo feito de ser mulleres. Por exemplo, Maria Winkelmann non ingresou na Academia de Ciencias de Berlín a causa de argumentos como o que expón Jablonski nunha carta dirixida a Leibniz en 1710: Debe vostede ser consciente de que a decisión que pronto haberá de tomar podería ser tomada como precedente. En principio somos da opinión de que este caso debe ser xulgado non so polos seus presentes méritos senón tamén como puidera selo en adiante, pois o que lle concedamos a ela podería servir de exemplo para o futuro. Neste contexto, a profesionalización das disciplinas e a institución das primeiras academias científicas deuse á par coa expulsión explícita e flagrante das mulleres. É dicir, a orixe da ciencia, como momento cardinal da modernidade, testemuña a participación dunha importante cantidade de mulleres que deberon ser activamente expulsadas ou marxinadas a partir da aplicación das políticas de institucionalización das academias e das profesións. Foi a institucionalización do proxecto científico a que instaurou as regulacións que permitiron a expulsión das primeiras científicas dos espazos académicos e universitarios.

A orixe do home: resposta feminista alt=Emilia Pardo Bazán|esquerda|miniatura|Emilia Pardo Bazán O século XIX foi tamén testemuña dos comezos dunha pseudociencia que intentaba "probar" a inferioridade intelectual das mulleres, e especialmente que as mulleres eran intelectual e moralmente incapaces do traballo científico. Probablemente isto tivo moito que ver coa aparición en 1859 da teoría da evolución de Charles Darwin (1809−1882), xa que un aspecto destacado da mesma foi o profundo nesgo sexista -aplicado ao ámbito do xénero humano, do que carecía nos estudos evolutivos doutras especies- que impregnaba a esta teoría. Como recolle a profesora Carolina Martínez Pulido no seu artigo “Respuesta femenina a El origen del hombre de Charles Darwin”, o contido androcéntrico dos argumentos esgrimidos polo célebre naturalista fixo que algunhas notables mulleres estudosas reaccionaran publicamente presentando obxeccións ante tanto insulto; como por exemplo as norteamericanas Antoinette B. Blackwell (1825 − 1920) e Eliza B. Gamble (1841 − 1920). Catro anos máis tarde da publicación de “A orixe do home e a selección en relación ao sexo” (1871) de C. Darwin, Antoinette B. Blackwell publica “Os sexos a través da natureza”, onde analiza a obra do británico converténdose na primeira muller en responder con argumentación científica sólida ao célebre científico. Case que vinte anos máis tarde de que Antoinette B. Blackwell reivindicara a igualdade entre os sexos, a tamén estadounidense Eliza B. Gamble asumiu unha postura moito máis radical. En 1893 Gamble publicou un libro titulado “A evolución da muller: unha investigación sobre o dogma da súa inferioridade ante o home”, onde defendía sen ambaxes a superioridade do sexo feminino sobre o masculino. Outras destacadas personalidades que realizaron achegas a este debate foron, entre outras, a brillante escritora galega Emilia Pardo Bazán (1851 − 1921), quen sostiña en 1877 que “a lei do máis forte é nefasta para o sexo feminino”; ou a francesa Clèmence Royer (1830 − 1902), primeira tradutora ao francés e prologuista da obra de Darwin “A orixe das especies”. Todas estas estudosas, claramente por diante do tempo que lles tocou vivir, atrevéronse a expresar en público comentarios críticos sobre o papel concedido ás mulleres nunha obra tan valorada e respectada como “A orixe do home”.

Esta proscrición lexitimouse mediante un discurso sexista -continuador da lóxica do claustro medieval e da misoxinia imperante en épocas anteriores- que lexitimaba a separación de espazos, agora baseado nun paradigma naturalista. Desta maneira, o que na Antigüidade e na Idade Media fora unha posibilidade para unha mínima elite de mulleres, na modernidade converteuse nunha imposibilidade xeneralizada que declaraba ao conxunto do sexo feminino incapacitado para o saber. Difundiuse así un imaxinario cada vez máis sofisticado onde se atribuía ás mulleres un papel primeiro marxinal e logo por completo ausente da vida intelectual, para recluílas imaxinariamente no espazo doméstico, como se iso fose natural e eterno. Para consolidar esta expulsión do ámbito académico, universitario e científico, moitas das achegas femininas ao coñecemento foron sistematicamente borradas dos rexistros históricos e restabelecelas requiriu dun minucioso traballo de reconstrución. Este proceso consistiu en moitos casos en negar ás mulleres a autoría das súas propias obras e atribuílas erroneamente a varóns -seus confesores, irmáns, pais, esposos ou amantes- ou por o acento nas biografías sociais ou sexuais de aquelas que demostraron unha xenialidade incompatible con este imaxinario. O resultado de tal panorama permea as épocas. As mulleres pasaron de novo á invisibilidade, pois as nocións de progreso e modernidade fixéronse incompatibles coas mulleres. Tardouse case que dous séculos en recuperar ese papel perdido. Cabe sinalar que se poden atopar en textos histórico-científicos do século XVIII os nomes e achegas de mulleres como Hipatia de Alexandría, Ana Marıa von Schumman, Lucrecia Marinella e outras, que desapareceron de re-edicións posteriores no século XIX e que non volveron a aparecer ata que as investigacións sobre ciencia e xénero, a partir dos anos oitenta do século pasado, os recuperaron. A medida que a ciencia vólvese profesional, pasando a ser un tema de estudo recoñecido nas universidades, as mulleres que se tiñan dedicado a ela cando era unha actividade amateur viron como se as apartaba, pois non se lles permitía estudar nin formar parte das novas institucións científicas. Non obstante, factores tales como a extensión da educación elemental, as loitas anti-escravistas ou as loitas feministas, reavivaron a polémica sobre a educación das mulleres, ou a súa participación na actividade científica. alt=Sophie Germain. Matemática francesa|miniatura|Sophie Germain

Matemáticas na primeira metade do século

Dúas destacadas nos primeiros anos alt=Mary Somerville|esquerda|miniatura|Mary Somerville