Fabrizio Martín Ciocale, nado en Buenos Aires o 8 de setembro de 1998 é un xogador de hóckey a patíns arxentino, que xoga de dianteiro no Deportivo Liceo, da OK Liga.

Traxectoria Comezou na sección de hóckey a patíns do Vélez Sársfield onde militou ata 2016, momento no que fichou polo HC Liceo e se instalou en Galicia, terra de onde emigrara cara á Arxentina a súa bisavoa. Xogou catro tempadas no filial do club coruñés, nas tres últimas compaxinando os partidos do filial co primeiro equipo, co que debutou en maio de 2018 fronte ao Igualada HC.

Na tempada 2020/21 o club ampliou o seu contrato e cedeuno por unha tempada ao HC Braga portugués. Despois de só 10 partidos co club luso reincorporouse ao Liceo en decembro de 2020 para reforzar o equipo de Juan Copa, líder da OK Liga. Acadou finalmente o subcampionato de liga, e conquistou a Copa do Rei, despois de derrotar na final ao Fútbol Club Barcelona. Uns días despois o club galego anunciou a marcha do xogador, que fichou polo Valdagno italiano.

Na súa única tempada en Italia acabou sexto na liga do país e acadou as semifinais da Copa WSE, onde o seu equipo foi eliminado polo Follonica. En xullo de 2022 anunciouse o seu regreso ao Liceo, que durante a súa ausencia conseguira o título de liga e estaba a atravesar a fase de renovación de xogadores máis profunda da súa historia.

Selección arxentina En 2017 disputou coa selección arxentina sub-20 o Campionato do Mundo sub-20, onde o seu equipo rematou cuarto. En 2019 foi convocado pola selección arxentina absoluta para competir na Copa das Nacións de Montreux, acabando subcampión.

Palmarés HC Liceo Copa do Rei (1): 2021. Supercopa de España (1): 2018/19.

Notas

Véxase tamén

Ligazóns externas Datos do xogador en ceroacero.es

Categoría:Nados en 1998 Categoría:Nados en Buenos Aires Categoría:Nados na diáspora galega Categoría:Arxentinos de ascendencia galega Categoría:Xogadores de hóckey a patíns da Arxentina Categoría:Xogadores do H.C. Liceo