Ingeborg Morath, nada en Graz o 27 de maio de 1923 e finada en Nova York o 30 de xaneiro de 2002, foi unha fotógrafa austríaca nacionalizada estadounidense. En 1953 uniuse á axencia Magnum Photos de París, e converteuse en fotógrafa a tempo completo na axencia en 1955. Morath foi tamén a terceira esposa do dramaturgo Arthur Miller e nai da guionista e directora Rebecca Miller.

Traxectoria Infancia e mocidade (1923-1945) Ingeborg Morath naceu en Graz, Austria. Os seus pais, Mathilde (Wiesler) e Edgar Morath, eran científicos e traballaron en diferentes laboratorios e universidades europeas, polo que a familia tivo que desprazarse con frecuencia durante a súa infancia. Educada en escolas francófonas, a familia Morath viviu unha tempada en Darmstadt durante a década dos trinta antes de mudarse a Berlín, onde o seu pai dirixiu un laboratorio de química especializado na madeira. Morath foi rexistrada na Luisenschüle, preto de Bahnhof Friedrichstrasse.MORATH, Inge. I Trust My Eyes (Manuscrito para unha conferencia en Berlín), páxina 4. Inédito, propiedade de Inge Morath Foundation.

O primeiro encontro de Morath coa arte de vangarda foi a soada exposición titulada Entartete Kunst (Arte dexenerada) do partido nazi en 1937, deseñada para provocar o rexeitamento popular á arte contemporánea. "Atopei moitas desas pinturas emocionantes, e namoreime do Cabalo azul de Franz Marc", escribiu máis adiante, engadindo que "só se permitían comentarios negativos sobre as obras, e así comezou un longo período de gardar silencio e agochar os propios pensamentos".MORATH, Inge. Op. cit, páx. 5

En 1939, estalou a segunda guerra mundial. Tras rematar a súa educación secundaria, Morath aprobou o Abitur e foi requirida, como todos os estudantes da súa idade, a realizar seis meses de servizo no Reichsarbeitsdienst ("Servizo de Traballo do Reich") antes de acceder á Universidade de Berlín. Durante os seus estudos de filoloxía, Morath aprendeu a falar fluidamente francés, inglés e romanés.Máis adiante, Morath tamén se familiarizou co castelán, o ruso e o chinés. Sobre a súa experiencia universitaria, Morath dixo que "estudaba alí onde atopaba un lugar tranquilo, na universidade ou nas estacións de metro, que servían como refuxios antiaéreos. Non me unín á Studentenschaft (organización de estudantes)".MORATH, Inge, Op. cit, páx. 9) Contra o final da guerra, Morath foi recrutada e puxérona a traballar nunha fábrica de Tempelhof, xunto a prisioneiros de guerra ucraínos. Durante un ataque de bombardeiros rusos, Morath fuxiu a pé da fábrica e refuxiouse en Austria. Posteriormente, Morath sempre rexeitou realizar fotografías de guerra, dicindo que prefería traballar sobre historias que mostrasen as súas consecuencias.

Inicios e éxitos (1945-1962) Tralo conflito, Morath traballou como tradutora e xornalista. En 1948 foi contratada por Warren Trabant (entón correspondente en Viena, e máis tarde editor) para a revista Heute, unha revista ilustrada publicada pola Axencia de Información dos Estados Unidos. Morath coñeceu o fotógrafo Ernst Haas na Viena de posguerra, que mostrou o seu tratraballo a Trabant.TRABANT, Warren. Carta a Alex Haas, inédita, agosto de 1987. Propiedade de Ernst Haas Archive. Axiña comezaron a traballar xuntos en Heute: Morath redactaba os artigos que acompañaban as fotografías de Haas. En 1949, Robert Capa convidou a parella a unirse á súa recentemente fundada Magnum Photos, en París. Como editora, Morath recibía material fotográfico de todos os membros da asociación, e así foi como descubriu a Henri Cartier-Bresson: "Creo que estudando o seu xeito de facer fotografías aprendín a facer fotografías pola miña conta, antes de ter unha cámara na man".MORATH, Inge, Op. cit., páx. 15

Morath estivo casada brevemente co xornalista inglés Lionel Birch e en 1951 mudouse a Londres. Ese mesmo ano comezou a tirar as súas propias fotografías durante unha visita a Venecia. "Quedou instantaneamente claro que a partir dese momento eu sería fotógrafa", escribiu. "Segundo continuaba a fotografar sentíame máis feliz. Souben que podía expresar as cousas que quería dicir dándolles forma mediante os meus ollos".MORATH, Inge, Op. cit., páx. 17

Morath quixo por iso converterse en aprendiz de Simon Guttman, quen era nesa época editor de Picture Post e dirixía a axencia fotográfica Report. Guttman quixo saber que impulsaba a Morath a converterse en fotógrafa, e esta contestoulle que "tralo illamento do nazismo, sentín que atopara a miña linguaxe na fotografía".MORATH, Inge, Op. cit., páx. 18 Tras pasar algúns meses como secretaria de Guttman, finalmente este encargoulle tarefas propiamente fotográficas. Morath comezou a vender as súas primeiras fotografías en exposicións, inauguracións e mostras nocturnas baixo o pseudónimo de Egni Tharom (o seu propio nome escrito ao revés).MORATH, Inge. "About Myself" en Inge Morath: Life as a Photographer, páx. 15. Múnic: Gina Keyahoff Verlag, 1999.

Morath divorciouse de Birch e regresou a París para lanzar a súa carreira como fotógrafa. En 1953 presentou a Capa a súa primeira historia fotográfica de gran formato, que trataba sobre os sacerdotes traballadores nesa cidade. Capa convidouna a unirse á súa axencia, aínda que os primeiros traballos que lle asignou eran os que non resultaban interesantes para os "grandes" da empresa. Un dos seus primeiros encargos levou a Morath a Londres, onde traballou durante algún tempo cos habitantes do Soho e Mayfair. O retrato da señora Evelyn Nasch, xurdido por mor dese encargo, está entre as súas fotografías máis coñecidas. A suxestión de Capa, Morath traballou entre 1953 e 1954 como axudante e documentalista de Cartier-Bresson. Finalmente, en 1955 foi admitida como membro oficial da axencia Magnum Photos. Durante os últimos anos 50 Morath dedicouse a viaxar por todo o mundo, cubrindo reportaxes en Europa, Oriente Medio, África, os Estados Unidos e América do Sur, realizando fotos que se publicaban en Holiday, Paris Match e a revista Vogue. Publicou tamén fotografías de España no libro Guerre à a Tristesse, publicado con Robert Delpire en 1955. Máis adiante aínda publicou outra obra similar (Da Perse à l'Iran, 1958), reunindo un total de máis de 30 monografías realizadas durante toda a súa vida.

Como moitos outros membros de Magnum, Morath traballou como directora de fotografía para numerosas películas. Coñeceu a John Huston en Londres, e colaborou na fotografía de varias das súas películas. Moulin Rouge (1952) foi un dos seus primeiros encargos como fotógrafa, e a súa primeira experiencia nun estudio de cine. Cando Morath comentou a Huston que só tiña un rolo de película en cor para traballar, o director conseguiulle outros tres, e adoitaba chamalo cun xesto da man cando, en metade da rodaxe, vía un momento apropiado para tirar unha fotografía.MORATH, Inge. I Trust My Eyes (manuscrito para unha conferencia en Berlín), páx. 22. Huston dixo dela que Morath era "a suprema sacerdotisa da fotografía. Tiña unha habilidade pouco frecuente para penetrar alén da superficie e revelar o que daba vida ao tema da fotografía".MORATH, Inge. Portraits. Nova York: Aperture Foundation, 1986.

En 1960, traballando na rodaxe de The Unforgiven (1960), protagonizada por Audrey Hepburn, Burt Lancaster e Audie Murphy, Morath acompañou a Huston e algúns amigos a unha cazaría de patos nun lago entre as montañas preto de Durango (México). Grazas ao teleobxectivo da súa inseparable cámara, Morath puido ver como a balsa de Murphy e o seu amigo envorcara a uns 100 metros da beira, quedando Murphy conmocionado, con gran perigo de afogarse. Nadadora experta, Morath quitou a roupa e lanzouse á auga, remolcando os dous homes grazas á tira do seu suxeitador. O incidente pasou tan inadvertido que a cazaría se desenvolveu sen incidentes.Epic in Durango , Time Magazine: 23 de marzo de 1959.

Morath volveu traballar con Huston en 1960 en The Misfits, un éxito de público protagonizado por Marilyn Monroe, Clark Gable e Montgomery Clift, baseado nun guión de Arthur Miller. A axencia Magnum tiña permiso exclusivo para fotografar a rodaxe, de modo que Morath e Cartier Bresson foron os primeiros dos nove fotógrafos que visitaron as localizacións do filme nos arredores de Reno, (Nevada).Toubiana, Serge and Arthur Miller. The Misfits: Story of a Shoot. Nova York, Phaidon, 2000.Morath, Inge. The Road to Reno. Göttingen, Steidl, 2006.

Morath coñeceu a Miller durante a rodaxe e (despois do divorcio de Miller e Monroe) casaron o 17 de febreiro de 1962, mudándose definitivamente aos Estados Unidos. A primeira filla da fotógrafa, Rebecca, naceu en setembro de 1962. A parella tivo un segundo fillo con síndrome de Down, Daniel, que foi ingresado ao pouco de nacer nun centro e do que o propio Miller non quixo saber ata os últimos dez anos da súa vida. Rebecca Miller é guionista e directora de cinema e está casada co actor Daniel Day Lewis.

Os logros profesionais de Morath durante esta primeira década de traballo foron extraordinarios. Xunto a Eve Arnold, converteuse nunha das pioneiras en Magnum, que era unha institución predominantemente masculina. Moitos críticos comentaron o elemento surrealista que caracterizaba a fotografía de Morath nesta época.Lahs-Gonzales, Olivia. "To Unseal the Deeper Nature", en Inge Morath: Life as a Photographer, páxs. 61-74. Múnic: Gina Keyahoff Verlag, 1999. Morath atribuía isto ás longas conversacións que tivera con Cartier-Bresson durante as súas viaxes por Europa e os Estados Unidos. Como moitos dos seus colegas da primeira época de Magnum, o traballo de Morath radicaba nun humanismo fundamental, modelado en gran parte pola súa experiencia de guerra e a súa relación coa sombría Europa da posguerra. Esta motivación converteuse durante a madurez de Morath nun auténtico leitmotiv, que se reflectiu en imaxes que exhibían a resistencia do espírito humano sometido a situacións de extrema dureza, e as súas manifestacións de éxtases e felicidade.

Etapa de madurez (1962-2002) Tralo seu regreso aos Estados Unidos, durante as décadas dos 60 e dos 70 Morath viviu máis apegada ao seu fogar, criando a súa familia con Miller e traballando con el en diversos proxectos. A súa primeira colaboración foi o libro In Russia (1969) que, xunto a Chinese Encounters (1979) reflectiron as súas viaxes pola Unión Soviética e a República Popular da China. In the Country, publicado en 1977, era unha mirada íntima á súa contorna máis próxima. Tanto para Miller, que pasara gran parte da súa vida en Nova York como para Morath, que viña de Europa, a paisaxe de Connecticut representaba un lugar idílico para atoparse con América.

Dada a extraordinaria habilidade de Morath cos idiomas, Miller comentou nunha ocasión que "viaxar con ela era un privilexio, posto que eu só nunca podería penetrar nesa dirección". En moitos sentidos, con todo, as fotografías de Morath e os textos de Miller ofrecen dúas caras dunha mesma moeda: durante as súas viaxes, Morath adoitaba traducir a Miller, mentres que grazas á reputación do seu marido, Morath tivo moitas oportunidades de coñecer auténticas personalidades da elite do mundo artístico internacional.MORATH, Inge. The Road to Reno. Göttingen, Steidl, 2006. páx. 111.

O fotógrafo austríaco Kurt Kaindl, colega de Morath durante moito tempo, apuntou que "a súa cooperación se desenvolvía sen ningún tipo de presión e estaba unicamente motivada polo seu interese común nas persoas e nas esferas culturais respectivas, unha situación que corresponde ao estilo de traballo de Inge Morath, que adoitaba sentirse algo intimidada ante un encargo".KAINDL, Kurt. "Inge Morath: A Photographer's Biography," en Inge Morath: Fotografien 1952 - 1992. Salzburgo, Edición Fotohof. Páx. 27.