Sociedade dixital e xénero. Hackeando o patriarcado son unhas xornadas impulsadas dende a Cátedra Feminismos 4.0. O seu obxectivo principal é analizar a escasa presenza de mulleres nos ámbitos CTEM, tanto na universidade coma no mercado laboral, así como as distintas manifestacións do denominado machismo dixital.

Traxectoria Hackeando o patriarcado celébrase por primeira vez o 12 de decembro de 2019, impulsada pola Cátedra de Feminismos 4.0 creada ese mesmo ano pola Universidade de Vigo e a Deputación de Pontevedra. Nesta primeira convocatoria as relatoras participantes (Amparo Alonso Betanzos, María Álvarez Lires, Amelia Verdejo Rodríguez, Marina Amores , e Mercedes Rodríguez García) afondan nas razóns e solucións a aplicar para enfrontar a desigualdade de xénero que se rexistra nos ámbitos de estudo e de traballo CTEM e abordan, dende unha perspectiva de xénero, as expresións de machismo e misoxinia que se dan no contexto dixital.

As medidas de seguridade motivadas pola covid-19 fan que, no 2020, a celebración da segunda edición sexa integramente en liña. A xornada, que se celebra o xoves 3 de decembro, ten como obxectivo manter activo un espazo de reflexión colectiva arredor do denominado patriarcado dixital, e conta cunha serie de relatoras para a quenda da mañá, así como dúas propostas prácticas para a tarde: o obradoiro Stop Machitroles e unha Wikimaratón Feminista, dirixida a aprender a editar ou crear páxinas biográficas sobre mulleres do ámbito CTEM para contribuír, de maneira colectiva, a erradicar o nesgo de xénero na Wikipedia.

A edición de 2020 programa a intervención de Montserrat Boix, Coral del Río, Ana Freire, Silvia Rueda, Luz Castro e do Colectivo Proyecto Una.

Na súa cuarta edición realizouse unha reflexión sobre as novas estratexias ideolóxicas patriarcais para perpetuarse a través da misoxinia dixital organizada: a chamada manosfera, machoesfera ou manhood.

Notas

Véxase tamén

Ligazóns externas

Sociedade dixital e xénero. Hackeando ao patriarcado 2019 Sociedade dixital e xénero. Hackeando ao patriarcado 2020

Categoría:Feminismo en Galicia