Asunta Basterra Porto, nada en Yongzhou (Hunan, China) o 30 de setembro de 2000 e finada en Santiago de Compostela o 21 de setembro de 2013, foi unha nena galega asasinada polos seus pais adoptivos, Alfonso Basterra e Rosario Porto, pouco antes de facer os 13 anos de idade.

Traxectoria Adopción Cando a nena tiña un ano de idade, o matrimonio formado por Alfonso Basterra Camporro e Rosario Porto Ortega, residente en Santiago de Compostela e sen fillos biolóxicos, desprazáronse a China e adoptárona, poñéndolle o nome de Asunta Fang Yong.

Desaparición e morte de Asunta

O 21 de setembro de 2013, cando a nena tiña 12 anos, desapareceu. Os seus pais adoptivos denunciaron a súa desaparición na tarde-noite dese mesmo día. Na madrugada do día seguinte, dúas persoas descubriron un cadáver nunha pista forestal da parroquia de San Simón de Ons de Cacheiras, no municipio de Teo (a só 5 km da casa de campo de Rosario Porto en Montouto, tamén en Teo), alertando aos Servizos de Emerxencia, que identificaron o corpo da nena desaparecida.

O día 24 de setembro a nai, Rosario Porto, foi detida e investigada por un presunto delito de homicidio. Un día despois tamén o pai, Alfonso Basterra, foi detido e investigado.

O xuíz que se encargou do caso foi José Antonio Vázquez Taín, coñecido pola súa actuación anterior e recente na recuperación do Códice Calixtino (2012) e no caso do accidente ferroviario de Angrois (2013). O caso motivou grande interese e foi obxecto de numerosas reportaxes nos principais medios televisivos españois. De acordo cos datos recollidos durante a investigación, a mesma xirou en torno a unha serie de pistas, entre as que se encontran:

Unhas cordas encontradas na propiedade da nai semellantes ás empregadas para atar o cadáver da menor; A presenza do medicamento ansiolítico Lorazepam en cantidades tóxicas no sangue da nena; O ordenador portátil e o segundo teléfono móbil do pai desapareceron ao iniciarse a investigación, pero alguén colocounos no seu piso máis tarde, despois de manipular o disco duro.

En xuño de 2014 o xuíz Vázquez Taín puxo fin á instrución do caso, dando paso ao proceso de apertura de xuízo oral. En outubro, a Sección Sexta da Audiencia provincial da Coruña con sede en Santiago terminou cos últimos trámites xudiciais. A selección do xurado popular iniciouse en maio de 2015, estando previsto o comezo do xuízo para entre o 23 de xuño e o 17 de xullo do mesmo ano, pero producíronse algúns atrasos, e foi finalmente a principios de outubro de 2015 cando se iniciou o xuízo na Audiencia Provincial da Coruña, con 84 testemuñas e 60 peritos. O 30 de outubro de 2015 o xurado popular designado polo Xulgado de Santiago de Compostela determinou, por unanimidade, como culpábeis tanto a Alfonso Basterra como a Rosario Porto do asasinato de Asunta Basterra. En novembro de 2015, apenas dúas semanas despois de coñecerse o veredicto, coñécese a sentenza contra os pais de Asunta Basterra: 18 anos de cárcere para cada un por un delito de asasinato coa concorrencia da agravante de parentesco.

Notas

Categoría:Nados en 2000 Categoría:Nados en Hunan Categoría:Finados en 2013 Categoría:Asasinatos en Galicia