Miguel Barca Blasco, nado en Santiago de Compostela o 9 de maio de 1883 e finado na mesma cidade o 8 de marzo de 1945, foi un médico, xornalista e político galego.
Traxectoria Descendente dos Duques de Frías e fillo do médico Miguel Barca Nogueira. Residiu durante a súa infancia na Casa de Barca, e trasladouse despois cos seus pais á Coruña. Obtivo o Grao de Bacharel en 1902 e regresou a Compostela para iniciar os estudos universitarios en 1903.
Actividade académica Licenciado en Medicina e Cirurxía pola Universidade de Santiago de Compostela en 1909, foi compañeiro de promoción de Castelao. No seu penúltimo curso de carreira foi promovido para traballar como agregado na Sala de Infancia del Niño Jesús da Clínica de Pediatría do Hospital Clínico, e no último curso foi nomeado profesor clínico de Medicina e admitido como interno numerario da cátedra de Medicina Legal do mesmo hospital.Arquivo Histórico Universitario de Santiago, F. U., S. H. 295, 1908. Ao ano seguinte trasladouse a Madrid, onde completou os seus estudos especializándose en Odontoloxía na Universidade Complutense de Madrid.
Tuna Compostelá Na súa época de estudante foi moi popular como membro da Tuna Compostelá, da que foi vicepresidente. A finais de 1906 foi tamén un dos fundadores da Filarmónica Universitaria de Santiago.
Actividade profesional Comezou a súa carreira xornalística en 1908 como correspondente de Faro de Vigo en Compostela. Durante os anos seguintes foi un dos modernistas rexionalistas integrantes do Cenáculo de los Inmortales e formou parte do consello de redacción da revista Suevia. Colaborou como articulista e columnista na revista Blanco y Negro durante tres décadas, no semanario satírico madrileño Buen Humor e nos periódicos El Compostelano e La Renovación, utilizando diversos pseudónimos.
Como médico empezou a traballar despois de completar os seus estudos en 1910 na clínica familiar da Rúa Nova de Compostela, e despois dun ano inaugurou en Vigo o seu propio consultorio odontolóxico, equipado con aparatos de última xeración importados dos Estados Unidos e Alemaña. En 1915 se trasladouse a Compostela e estableceu un consultorio na Rúa do Vilar, e logo da apertura dun gabinete con sanatorio en Vilagarcía de Arousa dez anos despois, traballou nas dúas localidades ata 1930. En 1935 fixou a súa clínica de forma definitiva na Praza de Mazarelos.
Actividade social Desenvolveu unha intensa actividade social en Santiago de Compostela, participando na vida cultural, relixiosa, política e deportiva da cidade a través das súas principais institucións. Porén, apenas hai constancia desa labor, polas súas reticencias ao recoñecemento público.
Formou parte da xunta directiva do Casino de Santiago e foi vicepresidente da Liga de Amigos e do Recreo Artístico,. Desde a súa posición nestas asociacións exerceu unha labor de mecenado cultural, promovendo a celebración de concertos, exposicións, certames e conferencias, impulsando a construción de monumentos na honra de personalidades locais e asumindo anualmente as tarefas de organización das festas patronais de Apóstolo Santiago.
Actividade relixiosa Formouse como membro numerario da Congregación da Anunciada e San Luis Gonzaga, ou dos Luises, dirixida pola Compañía de Xesús e precursora en España da Asociación Católica de Propagandistas na preparación de minorías selectas, chamadas a alcanzar postos influentes para poñer en práctica os principios do catolicismo social, protexendo os valores da Igrexa e as necesidades da sociedade. Rematada a súa formación seguiu vinculado á congregación como mentor, e foi designado vogal da xunta directiva en 1909.
Nos anos seguintes desempeñou un labor semellante como presidente da Xuventude Antoniana, asociación franciscana fundada no marco da Pía Unión de San Antonio de Padua, da que era numerario, coa fin de fomentar entre os mozos a relixiosidade, a educación e o exercicio da caridade a través de catequese, actos culturais, bibliotecas populares e servizos de asistencia social. Tamén foi secretario da Confraría dá Nosa Señora do Carme, que ofrecía sufraxios espirituais e prestaba auxilio material ás familias dos confrades defuntos urxidas pola necesidade, e membro da Adoración Nocturna, que promovía a fe no Santísimo Sacramento por medio da celebración de vixilias eucarísticas e administraba periodicamente o Viático aos pacientes do Hospital Real e outras persoas necesitadas.
Actividade política Foi directivo da Juventud Conservadora. Ante a escisión dos conservadores entre mauristas e datistas, foi un dos membros que expresaron a súa adhesión á política maurista ao mesmo Antonio Maura e ao Marqués de Figueroa, apostando por unha democracia orgánica fronte ao liberalismo individualista, polo catolicismo social fronte ao caciquismo oligárquico, por un enfoque rexionalista fronte ao centralismo, e por un intervencionismo estatal para manter a soberanía do capital e o traballo fronte ás inversións estranxeiras. Logo de consumarse a transición ao maurismo co cambio de denominación oficial en 1916, foi nomeado secretario do partido, que con López Mosquera e Gil Casares alcanzou a alcaldía de Santiago de Compostela en 1917 e ocupouna en dúas ocasións máis durante os anos seguintes.
Santiago Sporting Club thumb|Aliñación do Santiago Sporting no Campo de Don Mendo fronte ao Real Vigo na Copa do Apóstolo de 1922. En 1920 asumiu a presidencia do Santiago Sporting Club, refundado a tempada anterior por antigos xogadores da primeira etapa do equipo.Arquivo do Reino de Galicia. Reglamento de la Sociedad «Santiago Sporting». Propúxose crear un club ao estilo inglés, que combinase o fomento do deporte coa formación cultural e a potenciación dunha canteira de base universitaria cunha xestión profesional de fichaxes de futbolistas destacados. Cunha achega do seu propio capital e unha subvención do Concello, en menos dun ano completou a adquisición de terreos e construción dun estadio propio, o Campo de Don Mendo, e a inauguración dun club de cabaleiros para os socios e os xogadores do equipo.
Durante a súa presidencia o club fundou o Campionato de Compostela, ocupouse da organización da Copa do Apóstolo, atraeu a equipos de primeira fila para a disputa de torneos e partidos amigables e celebrou encontros e actos benéficos, converténdose na primeira sociedade deportiva compostelá. Con tres subcampionatos locais e unha Copa do Apóstolo no seu palmarés, o Sporting alcanzou en 1922 o seu maior éxito deportivo ao converterse no primeiro equipo santiagués que conseguía ascender á Segunda Categoría do Campionato Rexional de Galicia, pero un escándalo administrativo no seo da Federación Galega de Fútbol anulou a promoción.
O ascenso frustrado provocou a saída dos mellores xogadores, que preferiron as ofertas dos grandes equipos coruñeses e vigueses antes que xogar unha tempada máis en Terceira. A enfermidade de Manuel Romero Gerpe, vicepresidente, antigo xogador e alma do equipo, puxo fin á historia do club, que xa no participou en ningunha competición oficial en 1923 e desapareceu definitivamente a finais di ano seguinte.
Ademais desta experiencia como presidente do Sporting, tivo relación co deporte como organizador e presidente do xurado da Copa Buick e outras probas ciclistas, e en 1929 asumiu a dirección dos servizos médicos do Santiago Fútbol Club, antigo Club Deportivo Rápido de Santiago, como parte do proxecto de asociación co Recreo Artístico para crear un club federado con seccións profesionais de atletismo, boxeo, ximnasia e outros deportes.
Milicias de Santiago e golpe de Estado Durante a República, preocupado pola cuestión relixiosa, foi un dos organizadores das Milicias de Santiago, que actuaron na represión e no mantemento da orde pública como forza auxiliar do Exército e a Garda Civil cando se produciu o Golpe de Estado do 18 de xullo de 1936, prestando servizos de vixilancia da poboación. Foi Presidente da Junta de Honor das Milicias pola Jefatura Provincial, e sen ter sido militar, foi nomeado sarxento.Jefatura Provincial de Milicias de La Coruña. Registro general, n.º 14428. Como mostra da súa importancia no corpo actuou como abandeirado no desfile da Artillaría e Forzas Armadas de 1937 en conmemoración do levantamento do 2 de maio.
Milicia Nacional Coa entrada en vigor do Decreto de Unificación, que integraba todas as milicias combatentes nunha soa milicia nacional, en abril de 1937 pasou a prestar servizo na Milicia Nacional de FET y de las JONS coa categoría de Xefe de Falange e o cargo de Subinspector do Servicio de Antiaeronáutica, encadrado na Sétima Sección do Estado Maior do Exército. Ao mesmo tempo desempeñou tarefas secretas de intelixencia como Auxiliar do Servicio de Información e Investigación e traballou como voluntario para ofrecer asistencia odontolóxica gratuíta aos membros sen recursos da Delegación Sindical como médico afiliado á Central Nacional Sindicalista.Jefatura Provincial de Milicias de La Coruña. Registro general, n.º 14263.
Polo seu compromiso e dedicación, os seus esforzos propagandísticos e as súas contribucións económicas foi recoñecido como un dos membros máis entusiastas do Movimiento Nacional, e condecorado coa Medalla da Campaña.
Exército do Aire Ao rematar a guerra mantivo a súa relación coas Forzas Armadas ao ser nomeado Xefe do Corpo Militar de Sanidade da Rexión Aérea Atlántica do Exército do Aire co rango de médico alférez, compatibilizando os seus servizos médicos no Hospital Militar de San Caetano cos do seu consultorio odontolóxico.Ministerio del Aire. Dirección General de Personal, n.º 466
Vida persoal Casou con María del Carmen del Duque de Acosta e foi pai de Miguel e Luis Barca del Duque.
Condecoracións 60px Medalla da Campaña
Notas
Categoría:Médicos de Santiago de Compostela Categoría:Alumnos da Universidade de Santiago de Compostela Categoría:Nados en Santiago de Compostela Categoría:Nados en 1883
Categoría:Finados en 1945