The Folk Implosion foi unha banda estadounidense de indie rock fundada a principios dos anos 90 por Lou Barlow e John Davis. Inicialmente foi un proxecto paralelo iniciado por Barlow para explorar territorios diferentes aos da súa banda principal na época, Sebadoh. O nome é un xogo de palabras co nome do grupo Jon Spencer Blues Explosion. The Folk Implosion está inactiva dende o ano 2004.
Historia Tras o lanzamento do traballo de Sebadoh Bubble and Scrape en 1993, Barlow recibiu unha cinta demo de Davis, compositor e bibliotecario, iniciando a súa colaboración como un equipo de compositores e un proxecto de gravación. The Folk Implosion publicou Walk Through This World with the Folk Implosion en casete en 1993 a través do selo the Communion Label e como un EP de 7" en 1994 a través de Drunken Fish.
O status da banda foi relativamente escuro antes do filme de Larry Clark Kids e da súa banda sonora, formada principalmente por composicións orixinais de Barlow e Davis. Tanto Sebadoh como The Folk Implosion colaboraron coa banda sonora, co tema "Daddy Never Understood" atribuído a Deluxx Folk Implosion. Deluxx Folk Implosion incluía a Barlow, Davis e aos membros da banda Deluxx Bob Fay e Mark Peretta. A inclusión de Fay e Peretta no grupo permitiu a The Folk Implosion interpretar as súas cancións ao vivo.
"Natural One", unha das cancións de The Folk Implosion na banda sonora de Kids, converteuse nun éxito. Chegou ao número 29 da lista Billboard Hot 100, ao 4 da Billboard Modern Rock Charts e ao 20 da Mainstream Rock Charts. O tema tamén acadou o número 45 na lista de sinxelos británica. O vídeo de "Natural One" foi incluído no Buzz Bin da MTV.
En 1995 a banda colaborou coa canción "Indierockinstrumental" no recompilatorio Red Hot + Bothered, un álbum solidario para xente con SIDA producido pola Red Hot Organization.
No ano 1996 o grupo versionou a canción "I'm Just a Bill" de Schoolhouse Rock! para o álbum tributo Schoolhouse Rock! Rocks como "Deluxx Folk Implosion".
Aínda que a banda intentou repetir o éxito de "Natural One", os seus seguintes lanzamentos non conseguiron repercusión. Dare to Be Surprised foi publicado por Communion en 1997 e na recensión da revista Spin recibiu un 6 sobre 10. O grupo comezara a traballar no disco en 1995, antes do lanzamento de "Natural One". Despois do éxito da banda sonora de Kids, The Folk Implosion fichou por Interscope Records e gravou o álbum de 1999 One Part Lullaby. Debido a que non foi ben recibido pola crítica Barlow e Davis decidiron non xirar para promover o álbum e o proxecto na súa encarnación orixinal rematou.
Despois de que Davis deixase a banda en 2000, Barlow recrutou a Russ Pollard e a Imaad Wasif do grupo Alaska! para gravar The New Folk Implosion. En 2002 a banda apareceu como músicos de acompañamento do protagonista da película Laurel Canyon, personaxe interpretada por Alessandro Nivola.
John Davis regresou á ensinanza e comezou a publicar música como artista en solitario no ano 2013.
Discografía
Álbums ÁlbumAnoSeloTake a Look Inside1994Communion LabelDare to Be Surprised1997Communion LabelOne Part Lullaby1999Interscope RecordsThe New Folk Implosion2003Domino Recording Company
Notas
Categoría:Grupos musicais de Boston, Massachusetts Categoría:Grupos musicais de indie rock Categoría:Grupos musicais de lo-fi Categoría:Grupos musicais de rock alternativo Categoría:Grupos musicais de trip hop Categoría:Grupos musicais formados en 1993