Luis Barrio Doel nado en Lugo en 1953 e finado en Vilalba o 29 de decembro de 1992, foi un piloto de rallys galego. Gañou o Campionato de Galicia de Rally en 1983.

Traxectoria Residente nas Pontes de García Rodríguez dende 1976. Comezou nos rallys na década de 1970, participando en carreiras de montaña como piloto da Escudería Ferrol. En 1979 logrou varios podios en subidas, conducindo un Alpine 1600, e quedou 10º no Rally San Froilán.

En 1981 proclamouse subcampión galego de rally por detrás de Carlos Piñeiro, despois de obter cun SEAT 124 2000 dous segundos postos (Rally do Condado e Rally San Martiño) e catro terceiros (Rally dos Pazos, Rally do Lacón, Rally de Ferrol e Rally Rías Baixas). Ese ano proclamouse tamén subcampión galego de montaña, só por detrás de Camba, ao que con todo conseguiu superar na Subida a Celas de Peiro, onde Barrio logrou a vitoria cun Selex 1800. Co 124 2000 e co Selex disputou a primeira parte da tempada, mentres que para a partir da Subida á Grela competiu cun Seat 124 2100. Rematou a tempada cunha vitoria, cinco segundos postos e tres terceiros. Ademais ese mesmo ano foi elixido presidente da Escudería Ferrol. A metade da tempada 1982 cambiou de equipo, pasando a correr coa Escudería La Coruña, e conseguiu a súa primeira vitoria absoluta nun rally, no Rally da Coruña.

En 1983 gañou o Critérium Arrojo, abandonou no Lacón, quedou 20º no Rally de Ourense e quinto no San Froilán, chegando a última proba, o Rally da Coruña, como segundo clasificado. No rally coruñés logrou a vitoria por diante de José Luis Vilanova e proclamouse campión galego do 83, a pesar de que o ourensán Peitos xa se autoproclamara vencedor meses antes tras a súa vitoria no Rally de Ferrol.

Competiu ata mediados dos anos 80. En 1986 foi elixido presidente do Automóbil Club As Pontes, unha escudaría creada nese mesmo intre. En 1988 converteuse en concelleiro do concello das Pontes de García Rodríguez, por Alianza Popular.

Faleceu o 29 de decembro de 1992 nun accidente de tráfico, atropelado por un camión nunha beiravía de Vilalba.

Notas

Categoría:Nados en Lugo Categoría:Nados en 1953 Categoría:Finados en 1992 Categoría:Pilotos de rally de Galicia Categoría:Personalidades de Galicia sen imaxes Categoría:Finados en accidente de tráfico