Carmen García Mateo, nada en Vigo en 1963, é unha enxeñeira galega, catedrática de Teoría do Sinal e Comunicacións na Universidade de Vigo. Pioneira no ámbito da Enxeñaría de Telecomunicación en España, lidera o Grupo de Tecnoloxías Multimedia (GTM), estando especializa en tecnoloxías da fala, e intelixencia artificial aplicada á detección por voz de enfermidades neurodexenerativas. Foi vicerreitora de Titulacións e Converxencia Europea (2006–2010)Carmen García Mateo e é unha figura destacada na promoción da igualdade de xénero na ciencia e tecnoloxía. En 2014, recibiu o premio María Wonenburger concedido pola Xunta de Galicia. En 2026 gañou as eleccións para coverterse na primeira reitora muller da Universidade de Vigo.

Traxectoria García Mateo acadou o título de Enxeñaría de Telecomunicación na Universidade Politécnica de Madrid (1987), onde se doutorou en 1993 cunha tese centrada na codificación de voz a baixa velocidade. Foi unha das poucas mulleres da súa xeración nesta disciplina: só o 8% do alumnado da súa promoción eran mulleres. En 1987 incorporouse como docente á Escola de Enxeñaría de Telecomunicación da Universidade de Vigo, acabada de crearse naquel momento, converténdose nunha das súas primeiras profesoras.

Realizou estadías de investigación en centros internacionais de referencia como a Universidade de California, Santa Barbara (1994), Bell Labs (1997 e 1999), Universidade Estatal de Míchigan (2005) e a Universidade de Kent (2013).

Actividade investigadora Dirixe o Grupo de Tecnoloxías Multimedia (GTM) no centro de investigación AtlantTIC da UVigo, centrado nas tecnoloxías da fala, recoñocemento de lingua de signos, acústica e procesado de son e técnicas avanzadas de procesado de voz e imaxe para a detección de enfermidades neurodexenerativas. Pertenceu a comités de dirección de proxectos europeos como BioSecure, e liderou o desenvolvemento do conversor texto-voz bilingüe Cotovía, en galego e castelán.

Conta con máis de cen publicacións científicas e dirixiu arredor dunha decena de teses de doutoramento.

Docencia e xestión universitaria Imparte docencia en materias como Procesado Dixital de Sinais ou Análise de circuítos lineais. Foi vicerreitora de Titulacións e Converxencia Europea entre 2006 e 2010, pilotando e coordinando a reorganización da oferta de grao e máster e doutoramento e na implementación do Espazo Europeo de Educación Superior. Durante esta etapa tivo un papel destacado na modernización curricular da UVigo e no impulso de metodoloxías docentes innovadoras.

Foi a coordinadora do programa de doutoramento en Tecnoloxías da Información e Comunicacións (DocTIC) da Universidade de Vigo desde a súa posta en marcha en 2012 ata 2019, e directora do departamento de Teoría do sinal e comunicación desde 2017 a 2019.

Compromiso coa igualdade Recoñecida pola defensa activa do papel das mulleres na ciencia e na tecnoloxía, ten insistido na necesidade de visibilizar o liderado feminino en espazos tradicionalmente masculinizados. No seu discurso ao recibir o Premio Wonenburger subliñou a importancia de "sentarse á mesa" e tomar a iniciativa para cambiar o status quo. Citando a Sheryl Sandberg, defendeu que o mundo funcionaría mellor se "a metade dos países fosen dirixidos por mulleres, e a metade dos fogares por homes".

Recoñecementos En 2014 foi galardoada co Premio María Josefa Wonenburger Planells, concedido pola Unidade de Muller e Ciencia da Xunta de Galicia, pola súa relevante traxectoria nos campos das ciencias e da tecnoloxía. En 2023, foi incluída entre as vinte mulleres de ciencia en Galicia que hai que coñecer pola revista GCiencia. Tamén foi destacada en plataformas como Executivas de Galicia e iniciativas como STEM Talent Girl ou Wisibilizalas.

Participación institucional

Consello da Cultura Galega Desde 2016 ata 2024 formou parte do plenario do Consello da Cultura Galega e coordinadora da Sección de lingua, literatura e comunicación. Colabora en accións de transferencia tecnolóxica e de fomento do galego nas ferramentas dixitais.

Candidatura á Reitoría da Universidade de Vigo En decembro de 2024 anunciou a súa candidatura ás vindeiras eleccións, en 2026 á Reitoría da Universidade de Vigo, encabezando o grupo Nós-Universidade.

Notas

Categoría:Enxeñeiros de Galicia Categoría:Nados en Vigo Categoría:Nados en 1963 Categoría:Alumnos da Universidade Politécnica de Madrid Categoría:Catedráticos da Universidade de Vigo Categoría:Reitores da Universidade de Vigo