Os dobres conos (ou conos dobres), algúns deles tamén chamados conos xemelgos, son unha parella de células cono fotorreceptoras da retina que están xuntas e están acopladas óptica e electricamente. Son o tipo máis común de conos en peixes, réptiles, aves e monotremos como o ornitorrinco e están presentes na maioría dos vertebrados, aínda que están ausentes na maioría dos mamíferos placentarios (incluíndo os humanos), en peixes elasmobranqauios e nos siluriformes. Entre os dobres conos dos peixes observouse que hai moitas unións comunicantes. A súa función ou funcións son en gran medida descoñecidas. Algunhas propostas son o seu uso en tarefas visuais acromáticas (non na visión das cores), como detectar a luminancia, o movemento e a polarización.

Algúns dobres conos teñen os seus dous membros con pigmentos visuais idénticos (conos xemelgos), mentres que noutros os dous membros da parella son conos distintos, é dicir, con diferente sensibilidade espectral. As investigacións sobre o comportamento do peixe Rhinecanthus aculeatus proporcionaron probas de que cada un dos membros dos dobres conos pode actuar como unha canle independente para a información da cor.

Nun libro sobre a visión dos peixes, James Bowmaker escribiu que os dobres conos adoitan ser sensibles a lonxitudes de onda da luz máis longas que os conos simples. Tamén sinalou que os conos simples son xeralmente máis pequenos que cada un dos membros dun dobre cono.

Notas

Véxase tamén Outros artigos Cono (célula)

Bibliografía Walls, G. L. (1942). The vertebrate eye and its adaptive radiation: Bloomfield Hills, Mich. : Cranbrook Institute of Science. esp. pp 58-63.

Ligazóns externas Páxina de investigación da Universidade de Queensland (actualizada en 2007 pero con información interesante)

Categoría:Células fotorreceptoras