A ponte de Mañufe é a máis antiga das existentes na comarca do Val Miñor. A obra ten unha probable orixe romana e unha posterior reconstrución datada no ano 1140 segundo inscrición existente nun dos perpiaños dun chantón. Sitúase na actual estrada provincial PO-2035 ao seu paso polo río Miñor, e segue a ser a principal porta de entrada e saída á parroquia de Mañufe tanto do tráfico peonil como vehicular no século XXI. Une os lugares da Texosa (norte) e A Ponte (sur), na devandita parroquia situada no concello de Gondomar. Está catalogada como Ben de Interese Cultural dentro do espazo de protección delimitado no Decreto 48/1999 do 18 de febreiro da Xunta de Galicia.

Localización A súa cabeceira norte sitúase na intersección do Camiño das Bragadas (Camiño Texosa na nomenclatura oficial) e a estrada provincial PO-2035, cuxo trazado salva esta ponte sobre o río Miñor, vía que ten orixe nunha histórica calzada romana e posteriormente ruta de peregrinación a Santiago coñecida como O Camiño da Nosa Señora do Norte. A cabeceira sur, xa no barrio da Ponte, linda con terras de cultivos (Os Conguidos) no lado oeste e coa ribeira sur do Miñor ao leste, onde se situaba un antigo lavadoiro comunal (O Lavadouro do Río), hoxe cuberto pola maleza.

Historia e arquitectura miniatura|Vista actual do taboleiro con formigón armado e valado metálico que substituíron os antigos peitorís laterais de granito dispostos desde o ano 1861. É unha ponte de "cadeirado" con arcos de medio punto e tallamares triangulares, de orixe e tipoloxía aparentemente romanas que sufriu modificacións na época medieval. É máis antiga que a ponte da Ramallosa, datada no século XIII, despois da fundación da vila de Baiona por Afonso IX en 1201. De existir unha ponte romana sobre o río Miñor nesa etapa histórica, debería alzarse neste mesmo lugar, posto que os romanos nunca as emprazaban na desembocadura senón río arriba. Esta mesma teoría segue a profesora E. Ferreira Priegue, que tamén cita o traballo máis recente sobre a ponte pertencente ao arquitecto de Gondomar Antonio Solliño Troncoso. Este autor sinala que a obra "ten unha lonxitude total de 42 m e un ancho de plataforma de 3,20 m, salvando o río Miñor mediante tres bóvedas de medio punto e, segundo parece, dous ocos alintelados hoxe tapados. Como é habitual en toda ponte medieval, presenta perfil en lombo de asno, neste caso algo modificado por algunha intervención posiblemente da Idade Moderna, e na fábrica aparecen numerosas marcas de canteiro. Augas arriba, presenta tallamares en mal estado e algún antigo peitoril incrustado na fábrica". Para Soliño Troncoso, A Ponte de Mañufe representa un dos testemuños máis interesantes do Románico no Val Miñor.

Pola súa situación estratéxica no cruzamento de camiños históricos, será incluída por Domingo Fontán na Carta Xeométrica no ano 1845. Tamén está mencionada no Diccionario geográfico-estadístico-histórico de España y sus posesiones de Ultramar de Pascual Madoz (1848), onde sinala que sobre o río Miñor, que no documento figura como Riachuelo da Ramallosa, existe unha "ponte de madeira que ten o mesmo nome que esta parroquia". Sobre esta devandita estrutura de madeira non se atopan rastros na actualidade, nin documentación ou investigación posterior que a mencione.miniatura|Arcos e tallamar da Ponte de Mañufe na cara leste da ponte de Mañufe.

Conservación da ponte Este ben cultural protexido soporta na actualidade a pasaxe permanente de todo tipo de vehículos, incluídos os de gran tonelaxe, que afectan a súa estrutura. Na década dos setenta do século XX, a Deputación de Pontevedra intentou actualizar e mellorar os usos da ponte cunha intervención que a dotou ao taboleiro de plataforma de rodaxe e de paso de peóns a base dunha estrutura de formigón armado. A zona de paso de peóns foi voada a ambas lados da plataforma orixinal e colocouse unha varanda metálica de protección.

O informe de Alfonso Soliño Troncoso (2004) Estas obras provocaron un gran cambio na arquitectura da ponte que foron documentadas e denunciadas no ano 2004 por Alfonso Soliño Troncoso, daquela, arquitecto técnico do Concello de Gondomar.

Nese informe técnico de Alfonso Soliño, sinálase a desaparición dos peitorís laterais de granito dispostos desde o ano 1861 e que permitían conservar o estilo medieval da obra. Por outra banda a comezos do século XXI, se levaron adiante obras de saneamento integral de Gondomar que obrigaron escavar debaixo dun dos arco para soterrar a canalización que afectaron os elementos de apoio da ponte.

Alfonso Soliño reclamaba unha "oportuna e inaprazable execución de obras de restauración" onde se puxera en valor a ponte histórica cun melloramento da súa contorna que xunto ao Cruceiro do Lugar do Acordo son testemuña do antigo camiño de Santiago. Engadía que ha responsabilidade e a potestade de dirixir unha intervención desta natureza correspondía á Deputación de Pontevedra por atoparse esta nunha estrada provincial.

As enchentes do Miñor A actual canalización do trazado do río Miñor encaixada entre leiras de cultivo e vivendas a poucos metros da ribeira, tamén afectan a ponte durante as enchentes anuais. Os desgastados tallamares deben soportar a forza das correntes que ao non poder espallar as augas polos terreos pretos das ribeiras centralizan as correntes contra as estruturas da vella ponte cara á desembocadura do Miñor na Ramallosa.

De momento só as actuacións de limpeza do río por Augas de Galicia e as actividades de voluntariado veciñal, alivian o desgaste provocado polas enchentes, quitando en diversas campañas ao longo do ano, parte do lixo e restos naturais das ribeiras para que non golpeen a ponte durante o arrastre das correntes.

Notas

Véxase tamén Bibliografía Soliño Troncoso, Antonio; Chamorro Sanromán, Juan (2018). Percorrido polo patrimonio cultural da vila e concello de Gondomar de Miñor (1º ed.) Instituto de Estudos Miñoranos Soliño Troncoso, Antonio; Navaza, Gonzalo; Mouriño , M.A.; Varios (2012). Retallos de Gondormar de Miñor (1ª ed.) Instituto de Estudos Miñoranos. Soliño Troncoso, Manuel; Mosquera Veleiro, José Luis; Soliño Troncoso, Alfonso; Soliño Troncoso, Antonio (1995). Gondomar Historia, Arte y Territorio (1ª ed.) Ir Indo.

Mañufe Categoría:Mañufe, Gondomar