Amynthas mekongianus, antes chamado Megascolex mekongianus, é unha especie de verme oligoqueto de gran tamaño da familia Megascolecidae. É nativo da zona do río Mekong no sueste asiático. Pode ter máis de 500 segmentos corporais e crecer ata os 2,9 m.

Descrición Este verme xigante do Mekong pode medrar ata unha lonxitude de 2,9 m. En comparación coa súa grande lonxitude, estes vermes son relativamente delgados. O espécime tipo tiña un metro de longo e 8 mm de largo no punto de maior anchura, que é o segmento 5. Tiña 370 segmentos e era dunha cor cincenta, máis claro na parte ventral. O prostomio estaba mal conservado. O segundo segmento tiña 46 sedas (quetas) nun anel incompleto cun oco na superficie ventral. Os segmentos 3 ao 25 tiñan unhas 100 sedas cada un, dispostas nun anel completo. Os poros do macho estaban no segmento 17, pero este espécime co que se fixo a descrición da especie tipo era inmaturo e faltáballe o clitelo.

Distribución e hábitat

O espécime tipo foi rexistrado como recollido en "Ban Leum no río Mekong, Annam". Creuse por erro que se refería a unha vila no centro de Vietnam que está bastante lonxe do río Mekong, pero despois descubriuse que "Ban leum" significa "Esquecín o lugar" no dialecto local, e a localidade tipo crese que está en Tailandia ou Laos. O río forma un delta nese punto e contén amplas chairas lamacentas e areosas e terrapléns onde vive o verme. Cómeno os porcos e os pescadores escavan para apañalo para que lles sirva de isco.

Ecoloxía

A diferenza da maioría das outras especies de vermes xigantes, que xeralmente habitan en zonas de pasteiros, os túneles que fai o verme do Mekong están en ribeiras lamacentas do río Mekong en Laos. O verme forma redes complexas de túneles e leva grandes cantidades de terra que inxeriu á superficie en forma de compost de verme. Os vermes poden ser recollidos da lama, pero son máis doados de coller baixo a auga a profundidades duns 40 cm. Pouco se sabe da súa ecoloxía.

Notas

Categoría:Oligoquetos Categoría:Animais descritos en 1922