Alejandro Losada Rodríguez, tamén coñecido como Álex Camba, nado en Monforte de Lemos o 2 de setembro de 1999, é un taekwondista galego que foi campión de Europa e España en varias ocasións e participou en cinco campionatos do mundo.
Traxectoria Nado en Monforte de Lemos, iniciouse no taekwondo aos sete anos no Colexio Ferroviario, no que estudou. Non obstante, a súa carreira deportiva está ligada ao Ximnasio Neka, referente do taekwondo galego, situado nesa localidade. Participou en marzo de 2013 no campionato galego e en abril dese mesmo ano conseguiu a medalla de prata no campionato provincial escolar na modalidade de combate.
No campionato galego celebrado en marzo de 2015 foi quinto na modalidade de técnica. En abril do mesmo ano acadou a medalla de bronce no Open de España disputado en Pontevedra en tríos xunto a Samuel López e Carlos Rey e tamén no campionato galego disputado en Monforte de Lemos xunto a Samuel López. No campionato de España disputado no mes de maio en Marina d'Or (Provincia de Castelló) o trío repetiu a medalla de bronce.
En outubro de 2015 o mesmo trío gañou a medalla de ouro no Open Internacional de Ribeira. Nese torneo, Losada tamén conseguiu unha medalla de prata de xeito individual. En novembro de 2015 gañou a medalla de ouro no Open Cidade de Vilalba. No campionato de España disputado en decembro en Benicàssim (Provincia de Castelló) o trío formado por Álex Losada, Carlos Rey e Rodrigo Huanay fíxose coa medalla de prata. En marzo de 2016 participou no campionato galego celebrado en Teo, no que obtivo a quinta praza na categoría júnior e foi bronce en parellas con Elena Varela e en tríos con Carlos Rey e José Roca. No Open de España disputado en abril en Benicàssim non puido participar debido a unha lesión. En maio, o trío do Ximnasio Neka formado por Álex Camba, José Roca e Carlos Rey proclamouse campión coa selección galega no Open de Andalucía, mentres que individualmente Álex Losada foi bronce. No campionato de España disputado en xuño en Marina d'Or foi oitavo, mentres que o trío acadou a medalla de bronce. No torneo Cidade de Ourense foi bronce.
A tempada 2016/17, no Open de Ribeira foi prata individual e bronce en parellas xunto a Elena Varela. No torneo Cidade de Pontevedra foi ouro xunto a José Roca e Carlos Rey. No Campionato de España disputado en decembro en Alacant foi ouro na modalidade de trío xunto a José Roca e Carlos Rey, prata de xeito individual e bronce en parellas xunto a Elena Varela. En xaneiro de 2017 foi medalla de bronce no campionato galego celebrado en Cangas de Morrazo. No campionato galego celebrado en Monforte de Lemos en febreiro, gañou a medalla de ouro individual e a de bronce no dúo xunto a Elena Varela. En marzo debutou na categoría sénior no campionato de España en Cartaxena coa sétima posición. Foi tamén o ano do seu debut internacional (e do Ximnasio Neka) no Open de Bruxelas, en Bélxica. No Open de España celebrado en Alacant foi bronce na categoría individual e no Open Nacional de Marina d'Or acadou a medalla de ouro de xeito individual e tamén en parellas xunto a Elena Varela.
A tempada 2017/18 comezou con dous metais de bronce no Open de Valencia, individual e en parellas xunto a Elena Varela. No Open de Ribeira conseguiu a medalla de ouro e no de Navarra a de bronce. En novembro foi medalla de prata na Copa Xunta de Galicia disputada en Teo, mentres que no torneo Vila de Moaña foi ouro individual e prata en parellas xunto a Elena Varela. No Campionato de España en Marina d'Or conseguiu dúas medallas de bronce, individual e en parellas con Elena Varela. No campionato galego celebrado en Monforte de Lemos en xaneiro de 2018 foi prata de xeito individual e bronce xunto a Elena Varela. En xaneiro participou tamén no Open de Francia en Lille, onde foi noveno, quedando ás portas da final. No Open de Madrid foi bronce individual e tamén xunto a Elena Varela, medalla que repetiu no campionato de España celebrado en Valladolid. Os seus bos resultados sumando medallas en todos os campionatos nacionais e autonómicos dende maio de 2017 valéronlle para ser convocado pola selección española de taekwondo. No Open de Andalucía fíxose coa medalla de ouro individual e coa de prata xunto a Elena Varela. A parella debutou no mes de abril no mundial de taekwondo praia na illa grega de Rodas, no que acadaron a medalla de bronce. No campionato de España foron medalla de prata. Os éxitos desa tempada foron claves para ser declarado deportista galego de alto nivel pola Xunta de Galicia.
A tempada 2018/19 comezou con dous ouros no Open de Ribeira, en parellas con Elena Varela e tamén de xeito individual. No Open de Madrid Embaixador de Corea a parella foi bronce. Malia que quedaran segundos no ránking nacional, a baixa da parella líder pola lesión dunha das súas compoñentes fixo que puideran participar no Campionato do Mundo de taekwondo celebrado en Taipei (Taiwán) entre o 15 e o 18 de novembro de 2018. A pesar da súa boa actuación non puideron superar a primeira fase do campionato. Na Copa Xunta celebrada en Vigo acadou a medalla de prata. No campionato galego celebrado en xaneiro de 2019 en Monforte acadou dúas pratas, individual e en parellas na modalidade de técnica, e un bronce, en parellas en freestyle. No Open de Alemaña foi medalla de bronce, clasificándose automaticamente para o campionato de Europa. En parellas foi oitavo na modalidade de técnica e sétimo en freestyle xunto a Elena Varela. No Open de Andalucía conseguiu tres bronces (individual e por parellas en técnica e freestyle) e no Campionato de España en Alacant foi quinto individualmente e medalla de prata en parellas. No Campionato de Europa celebrado en Antalya (Turquía) conseguiu a medalla de bronce. No torneo Cidade de Ourense fíxose con tres ouros: individual, en freestyle xunto a Elena Varela e en tríos xunto a José Roca e Carlos Rey.
En novembro de 2019 acadou dúas pratas no Cidade de Pontevedra, individual e xunto a Elena Varela, medalla que tamén acadou en solitario no Open de París. No torneo Vila de Moaña conquistou a medalla de ouro de xeito individual e a de prata xunto a Elena Varela. No Campionato de España disputado en Alacant proclamouse campión, mentres que en parellas foi subcampión xunto a Elena Varela. No primeiro Open de Monforte fíxose co ouro individual e en parellas, tanto en técnica como en freestyle, sendo o mellor competidor do torneo. Tamén foi ouro na Copa Xunta en Sada. No campionato galego disputado en Monforte de Lemos obtivo dúas pratas, tanto individual como en parellas. No Open de Madrid acadou a medalla de ouro no trío xunto a Carlos Rey e Alejandro Losada, ademais de conseguir a prata individualmente. No campionato de España de seleccións territoriais disputado en Torrelavega (Cantabria) conquistou a medalla de ouro e o Consello Superior de Deportes outorgoulle a distinción de deportista de alto nivel. No Open de Ribeira acadou a medalla de ouro, resultado que o clasificaba virtualmente para o mundial de Dinamarca, cancelado pola pandemia por coronavirus. Ademais, tamén conquistou o ouro nas modalidades de trío e freestyle.
En decembro de 2020 disputou a final do mundial online, no que acadou a oitava posición. En marzo de 2021 logrou a medalla de ouro no campionato galego celebrado en Moaña. No campionato de España celebrado en maio do mesmo ano en Benidorm, conseguiu dúas medallas: unha de ouro no trío formado xunto a Carlos Rey e Álvaro Portela, e unha de prata na modalidade individual.
A tempada seguinte comezou con medallas no Open de Navarra celebrado en outubro de 2021, concretamente dous ouros, nun na modalidade individual e outro no trío formado xunto a Carlos Rey e Álvaro Portela. En novembro tamén conseguiu a medalla de ouro no Open Cidade de Pontevedra. Nese mesmo mes participou no campionato europeo celebrado en Lisboa, no que acadou a medalla de ouro no trío formado xunto a Carlos Rey e Álvaro Portela. En decembro proclamouse campión de España en Benidorm, tanto na modalidade individual como no trío xunto a Carlos Rey e José Roca. Tamén conquistou o ouro na Copa Xunta e a prata no Open de Madrid tanto na modalidade individual como en trío. No campionato galego de técnica disputado en Teo en xaneiro de 2022 tamén acadou dous ouros, na modalidade individual e en trío, o que lle valeu a clasificación para o campionato de España. Nese campionato acadou o ouro en trío xunto a Carlos Rey e Álvaro Portela, así como o bronce individual, clasificándose para o Mundial de Corea xunto a outros sete deportistas do Ximnasio Neka. Malia non conseguir medalla no Mundial, Álex Camba quedou entre os dez mellores do mundo. En maio de 2022 acadou o ouro no campionato de España universitario disputado en Murcia, no que tamén conseguiu un metal de bronce xunto a Elena Varela.
A tempada 2022/23 iniciouse cun bronce en parellas xunto a Noelia Pérez na modalidade de freestyle na Copa de Europa disputada en Estocolmo. Tamén acadou o ouro no Open Vila de Moaña, no Cidade de Pontevedra, na Copa Xunta e no torneo Vila de Moaña. En decembro conseguiu dous ouros, individual e en trío xunto a Carlos Rey e José Roca, no Campionato de España celebrado en Alacant. No Campionato galego celebrado en Monforte de Lemos en xaneiro de 2023 acadou dous ouros, individual e no trío formado xunto a Carlos Rey e Dani Areán. No Open de París disputado en febreiro acadou o ouro no trío que formou xunto a Carlos Rey e Dani Areán. Nese mesmo mes proclamouse campión de España coa selección galega en La Nucia (Provincia de Alacant) tanto de xeito individual como no trío formado xunto a Carlos Rey e Dani Areán. En marzo foi prata no Nacional Universitario celebrado en Burgos. En abril acadou o ouro no Open de España celebrado en La Nucia no trío formado xunto a Carlos Rey e Dani Areán, ademais dunha prata individual. En xullo rematou en oitava posición no mundial universitario que se celebrou en Chengdu, na China.
A tempada 2023/24 iniciouse cunha prata no Open Internacional de Moaña. En outubro participou no Open de Croacia, no que conseguiu a medalla de ouro no trío formado xunto a Dani Areán e Carlos Rey, ademais do bronce individual. Formando trío xunto aos mesmos compañeiros proclamouse campión de Europa no mes de novembro, no campionato celebrado en Innsbruck, Austria. No campionato nacional celebrado en La Nucia entre o 6 e o 10 de decembro conseguiu a medalla de ouro en trío sénior xunto a Carlos Rey e José Roca, ademais do bronce individual. No campionato galego celebrado en Monforte de Lemos en xaneiro de 2024 acadou tamén un ouro e un bronce, ademais de estrearse como adestrador do AC Taekwondo Sarria tamén con medalla. En febreiro logrou a medalla de bronce no Open de Moaña. En marzo alzouse coa prata no Open de Bulgaria xunto a Carlos Rey e Marco García. En abril, no Open de España celebrado en La Nucia logrou o ouro no trío formado xunto a Carlos Rey e Marco García, ademais dun bronce individual. No Campionato de España celebrado en Monforte de Lemos logrou a medalla de ouro en categoría individual e en trío. En xuño proclamouse campión no Open Rankeable Nacional de Madrid, clasificándose para o campionato do mundo de Hong Kong en categoría individual e en trío xunto a Carlos Rey e Marco García.