Esther Teijeiro Lemos, nada en 1936 en Nogueira de Miño (Chantada), é unha viticultora galega. En 1987 foi a primeira persoa que inscribiu a súa adega baixo o selo da Denominación de Orixe Ribeira Sacra e tamén a primeira en elaborar viño ecolóxico en Galicia no ano 2000.

Traxectoria Os seus pais e avós xa se dedicaban ao cultivo da vide e ela sempre estivo vinculada ao sector. Ficou orfa de nai e pai cando tiña 15 anos.

No ano 1987, a súa adega familiar en Chantada chamada Diego de Lemos (na honra ao seu avó), foi a primeira en inscribirse na Denominación de Orixe Ribeira Sacra. Ecoloxista por instinto ao lembrar que os seus pais non lle botaban nin herbicidas nin insecticidas á terra (que ela consideraba que estaba enferma ao non lle medrar a herba), no ano 2000, con 64 anos, Teijeiro creou a primeira adega de viño ecológico de Galicia. A agricultura ecolóxica non estaba daquela no seu vocabulario, senón que lle chamada producir "san". Teijeiro tiña convicción no que facía, pero foi duro porque ninguén cría nela e tivo que facer fronte a mofas, burocracia, dificultades técnicas e machismo. Teijeiro tamén foi a primeira en embotellar o seu propio viño cando o resto o vendía a granel. A súa adega produce entre 10 000 e 13 000 botellas de tinto mencía e brancos godello e treixadura sen químicos nin maquinaria. Foi a primeira persoa empresaria en conseguir o selo de agricultura ecolóxica de Galicia para os seus viños e cereixas.

En febreiro de 2017, foi protagonista dun episodio do programa de televisión Volando voy, do aventureiro leonés Jesús Calleja, no que se deu a coñecer o seu traballo.

Premios e recoñecementos 2001 Premio no X Concurso Internacional de viños de montaña polo seu viño D.O. Ribeira Sacra. 2003 Medalla de prata da Xunta de Galicia ao viño tinto. 2003 Medalla de bronce da Xunta de Galicia ao viño branco. 2003 Primeiro selo de viño ecolóxico que se emitiu en Galicia. 2005 Premio da Xunta de Galicia á Muller Rural Emprendedora. 2006 Referénciase o seu labor no libro Palabras da Terra sobre viños con D.O. de Galicia. 2018 Premio Mágnum Honorífico 2018 "Viñolvidable" do Instituto Galego do Viño polo seu traballo a favor do rol da muller no sector do viño galego. 2019 Premio Son Muller, da Asociación de Mulleres Empresarias da Provincia de Lugo (Aelu), pola súa longa traxectoria empresarial.

Notas

Véxase tamén Ligazóns externas Adegas e viñedos Diego de Lemos

Categoría:Nados en 1936 Categoría:Nados en Chantada Categoría:Empresarios de Galicia Categoría:Agricultores Categoría:Personalidades de Galicia sen imaxes