Dioivo é un grupo de black metal en lingua galega formado en Vigo en 2016. As orixes do grupo remóntanse á fundación en 2011 do grupo de thrash metal Rust in Peace, reconvertido en Dioivo despois de varios cambios de formación na banda.

Historia O grupo foi fundado por Dani Valladares e Jacobo Mouriño, membros ambos de Rust in Peace, despois de que o resto de integrantes saise desta banda. Axiña gravaron o seu primeiro sinxelo, "Sempre pola morte esperas", empregando como letra o poema de Rosalía de Castro incluído en Follas Novas. Posteriormente, en outubro de 2016, editaron o seu primeiro EP, titulado Dioivo I. Ese mesmo ano resultaron premiados no concurso "Xuventude Crea" organizado pola Xunta de Galicia, logrando o segundo premio compartido na categoría de música, que volverían gañar de novo en 2017.

Logo de tocar por salas de toda Galicia, o dúo comezou a gravar o seu primeiro álbum, Dioivo II, así coma a demo de adianto O Espertar. O álbum viu finalmente a luz en xaneiro de 2019, da man do selo Darkwoods, logo dun concerto de presentación en Vigo xunto a Lóstregos e a Mileth. En xullo dese mesmo ano editaron o seu primeiro videoclip, correspondente ao tema "Lobishomes". En 2021 editaron un novo EP, titulado Dioivo III, no que contaron coa colaboración dos vocalistas de Mileth no tema "Ferro e Xenreira".

En xuño dese mesmo ano publicaron o sinxelo "Retorno a Tagen Ata", unha adaptación da novela homónima de Xosé Luís Méndez Ferrín na que o propio autor participou poñendo voz ás narracións que aparecen ao longo da canción. O seu seguinte tema, xa en maio de 2022, foi tamén unha adaptación da literatura galega, neste caso do poema "Hai sede na Nova Galicia" de Florencio Delgado Gurriarán, o autor homenaxeado polo Día das Letras Galegas deste ano. Ambas composicións foron incluídas no seu seguinte álbum, que viu a luz en xuño de 2023 co título Cara os ceios incrementes. Foi lanzado polo selo grego Sleaszy Rider Records.

O traballo constou de 11 temas, e ademais dos dous xa citados, incluíu unha adaptación do poema de Darío Xohán Cabana "Que importa que nos craven as cadeas" e unha versión de "Unha de guerra", do desaparecido grupo vigués Desvirgheitors. A banda lanzou así mesmo varios videoclips para promover a saída do disco, acompañando a temas como "Cabeiros" ou "Ata o final" ademais doutros xa mencionados. En setembro de 2023 publicaron o novo tema "Por 100 anos máis", adicado ao Real Club Celta de Vigo e á súa afección con motivo do centenario do club. En 2024 lanzan a demo gravada en directo Sesión Demosónico, que sae en formato físico ao ano seguinte nun CD compartido co dúo ourensán Xerión. Para presentar estes traballos, o grupo ofreceu concertos en diferentes puntos da península ibérica, como Madrid, Gasteiz, Sant Adrià de Besòs, Covilhã, Braga ou Porto, así como en Palma, nas Illas Baleares.

En 2026 lanzan o seu terceiro álbum, Que soe o trono, no Día de Rosalía. Neste traballo recuperan as cancións de Rust in Peace, incluíndo as publicadas na súa maqueta de 2013, pero con novas letras en galego. Contou coa colaboración dos exmembros desta banda Darcy Maestu Ham e Pablo López Figueroa, e foi editado conxuntamente polos selos galegos Romantic Songs Records, Loita Underground e Speedhammer Prods. Tamén participan na compilación XXV Invernos na Fraga Sombría, na que renden tributo a Xerión xunto a outras 13 bandas, versionando o tema "Onde a victoria agarda". O tributo foi lanzado no Día da Patria Galega dese ano.

Membros Daniel Valladares Otero - Batería, percusión Jacobo Mouriño Almeida - Guitarra, voz

Discografía Álbums Dioivo II (2019) Cara os ceios incrementes (2023) Que soe o trono (2026)

EPs Dioivo I (2016) Dioivo III (2021)

Demos O espertar (2017) Sesión Demosónico (2024)

Sinxelos

"Sempre pola morte esperas" (2016) "Ferro e xenreira" (2021) "Retorno a Tagen Ata" (2021) "Hai sede na Nova Galicia" (2022) "Por 100 anos máis" (2023)

Notas

Véxase tamén Ligazóns externas

Categoría:Grupos musicais de Vigo Categoría:Grupos musicais de black metal