Imogen Clare Holst CBE, nada o 12 de abril de 1907 en Richmond, Surrey (Reino Unido) e finada o 9 de marzo de 1984 en Aldeburgh, Suffolk (Reino Unido), foi unha compositora, arranxadora, directora de orquestra, profesora e administradora de festivais británica. Única filla do compositor británico Gustav Holst, é especialmente coñecida polo seu traballo educativo no Dartington Hall na década de 1940, e polos seus 20 anos como directora artística adxunta do Festival de Aldeburgh. Amais de compoñer música, escribiu biografías de compositores, elaborou numeroso material didáctico, e varios libros sobre a vida e a obra de seu pai.
Dende moi nova, Imogen Holst mostrou un talento precoz na composición e a interpretación. Logo de asistir á Eothen School e á St Paul's Girls' School, ingresou no Royal College of Music, onde desenvolveu as súas habilidades como directora de orquestra e gañou varios premios de composición. Incapaz por motivos de saúde de seguir as súas ambicións iniciais de ser pianista ou bailarina, Imogen pasou a maior parte da década de 1930 ensinando, e como organizadora a tempo completo da English Folk Dance and Song Society. Estes deberes reduciron as súas actividades compositivas, aínda que fixo moitos arranxos de pezas populares. Logo de exercer como organizadora do Consello para o Fomento da Música e as Artes ao inicio da segunda guerra mundial, en 1942 comezou traballar en Dartington. Nos seus nove anos alí fixo de Dartington un centro importante de educación e actividade musical.
A principios da década de 1950 Imogen converteuse na asistente musical de Benjamin Britten, trasladouse a Aldeburgh, e comezou a axudar coa organización do festival anual de Aldeburgh. En 1956 converteuse na directora artística do festival, e durante os seguintes 20 anos axudouno a acadar unha posición preeminente na vida musical británica. En 1964 renunciou como asistente de Britten para retomar a súa propia carreira como compositora e concentrarse na preservación do legado musical de seu pai. A propia música de Imogen non é amplamente coñecida e recibiu pouca atención da crítica; boa parte dela é inédita e non se interpretou nunca. A primeira gravación adicada ás súas obras, realizada entre 2009 e 2012, foi calorosamente recibida pola crítica. Foi nomeada CBE en 1975 e recibiu numerosos honores académicos. Morreu en Aldeburgh e está enterrada no seu camposanto.
Antecedentes Primeiros anos e familia miniatura|arribaádereita|A casa na que a familia Holst viviu en Barnes entre 1908 e 1913. Imogen Holst naceu o 12 de abril de 1907 no número 31 de Grena Road, Richmond, unha cidade ribeirega ao oeste de Londres. Seus pais eran Gustav Theodore Holst, un aspirante a compositor e que logo traballaría como profesor de música, e Isobel, de solteira Harrison. A familia Holst, de ascendencia sueca, alemá e letoa, estaba en Inglaterra dende 1802 e foran músicos durante varias xeracións. Gustav seguiu esta tradición familiar; mentres estudaba no Royal College of Music (RCM) coñeceu Isobel Harrison, que cantaba nun dos coros afeccionados que el dirixía. Inmediatamente sentiuse atraído por ela, e casaron o 22 de xullo de 1901.
Mentres tentaba establecerse como compositor, Gustav Holst traballou primeiro como trombón nunha orquestra, e logo como profesor. En 1907 ocupou postos docentes en James Allen's Girls' School en Dulwich, e St Paul's Girls' School (SPGS) en Hammersmith, onde foi director de música. Tamén ensinou en clases nocturnas no Morley College, un centro de ensino para persoas adultas no distrito de Waterloo (Londres). Pouco despois do nacemento de Imogen a familia trasladouse de Richmond a unha pequena casa ao lado do río na próxima Barnes, que alugaron a un familiar. Os principais recordos de Imogen desta casa eran de seu pai traballando no seu estudo do andar superior, ao que se lle prohibiu visitar, e dos seus esforzos por ensinarlle cancións populares.
Estudos miniatura|esquerda|Gustav Holst ao redor de 1921. As descricións de Imogen de pequena indican que tiña os ollos azuis, pelo loiro, unha cara ovalada que lembraba a de seu pai, e un nariz bastante prominente herdado de súa nai. En 1912, aos cinco anos, uniuse á clase do xardín de infancia do Froebel Institute, e permaneceu na escola cinco anos. Pasaba as vacacións a miúdo na casa de campo alugada polos Holst en Thaxted (Essex), onde Gustav Holst comezou un festival anual de Pentecoste en 1916.
En 1917 Imogen comezou a estudar en Eothen, unha pequena escola privada para nenas en Caterham, onde Jane Joseph, a alumna estrela de Holst no SPGS, ensinoulle música. Nunha carta á súa casa, datada o 17 de xullo de 1917, fala da "competicións, e excelentes premios, e amorodos e crema para o té". Na escola, Imogen estudou piano con Eleanor Shuttleworth, violín con André Mangeot (descrito como "excelente") e teoría con Jane Joseph ("estupenda"). Baixo a tutela de Joseph, Imogen realizou as súas primeiras composicións —tres pezas instrumentais e algunha melodía de vilancicos de Nadal— ás que numerou como Ops. 1, 2, 3 e 4. No verán de 1920, compuxo e fixo a coreografía da "Dance of the Nymphs and Shepherds", que foi representada na escola baixo a súa dirección o 9 de xullo.
Imogen deixou Eothen en decembro de 1920 coa esperanza de estudar con Ruby Ginner na Ginner-Mawer School of Dance and Drama, mais foi rexeitada porque probablemente carecía de resistencia para unha carreira na danza. Mentres estudaba na casa baixo unha gobernanta durante seis meses, na Pentecoste de 1921 participou como bailarina nunha produción da semiópera de Henry Purcell Dioclesian, unha versión ideada en boa parte por Joseph.
En setembro de 1921 Imogen comezou a estudar na St Paul's Girls School, onde se converteu en interna dende a primavera de 1922. En xullo de 1922 interpretou un Preludio e Fuga de Bach ao piano, que Joseph loou calorosamente escribindo: "Creo que todo o mundo gozou do Bach dende o principio ata o final, todos aplaudiron ao seu final". Os anos de Imogen na SPGS foron polo xeral ledos e exitosos. En xullo de 1923 gañou o Alice Lupton, un premio júnior para pianistas, mais as súas posibilidades de distinción como pianista víronse afectadas cando comezou a desenvolver flebite no seu brazo esquerdo. Entre outras actividades, interesouse pola música folclórica e a danza, e en 1923 converteuse en membro da English Folk Dance Society (EFDS). En 1924–25, o seu último ano na SPGS, Imogen fundou unha sociedade de danza folclórica na escola. Nun concerto escolar de fin de curso a finais de xullo de 1925, tocou o Estudo en mi maior de Chopin e estreou a Toccata de Gustav Holst.
Royal College of Music miniatura|O Royal College of Music. Aínda que destinada como seu pai ao RCM, Imogen primeiro pasou un ano estudando composición con Herbert Howells e piano con Adine O'Neill, mentres por outra banda se ocupou coas actividades da EFDS. Comezou no RCM en setembro de 1926, estudando piano con Kathleen Long, composición con George Dyson, e dirección de orquestra con W. H. Reed. As súas aptitudes como directora foron evidentes en decembro de 1926, cando dirixiu a Terceira Orquestra do conservatorio no primeiro movemento da Sinfonía "Praga" de Mozart. Esta e outras interpretacións no podio levaron a The Daily Telegraph a especular con que Imogen podería converterse na primeira muller en "establecer unha permanencia firme na plataforma do director".
No seu segundo ano no RCM Imogen concentrouse na composición, producindo varias obras de cámara, incluíndo unha sonata para violín, un quinteto para óboe, e unha suite para madeiras. Deu os seus primeiros pasos cara á independencia persoal cando se trasladou da casa familiar a unha habitación próxima a Kensington Gardens. En 1928 viaxou a Bélxica coa EFDS, tomou unhas vacacións en Italia, e fixo unha longa viaxe por Alemaña cun grupo coñecido como "The Travelling Morrice" que promoveu o entendemento internacional a través da música e a danza. En outubro de 1928 gañou o premio Cobbett do RCM por unha composición camerística orixinal, o seu cuarteto Phantasy, e pouco despois gañou a Morley Scholarship para a "mellor estudante". O cuarteto foi retransmitido pola BBC o 20 de marzo de 1929, mais, para ela, o logro foi eclipsado polas noticias da morte prematura da súa mentora Jane Joseph ese mes.
No inverno de 1929 Imogen realizou a súa primeira visita ao Canadá e os Estados Unidos, como parte dunha celebración da EFDS. De volta na casa, traballou na súa composición final para o RCM, unha suite para metais titulada The Unfortunate Traveller. A pesar de certa aprehensión pola súa parte, a obra superou o escrutinio dos examinadores e foi interpretada no concerto de final de curso do conservatorio en xullo. Imogen obtivo o seu diploma ARCM, e soubo tamén que lle concederan unha Octavia Travelling Scholarship que lle permitiría estudar composición no estranxeiro.
Carreira Viaxes por Europa, 1930–31 Imogen pasou a maior parte do período comprendido entre setembro de 1930 e maio de 1931 viaxando. A unha breve visita a Liexa en setembro seguiuna inmediatamente unha viaxe de tres meses por Escandinavia, Alemaña, Austria e Hungría, regresando a Inglaterra vía Praga, Dresde, Leipzig, Berlín e Ámsterdam. A súa "orxía de experiencias musicais" incluíu unha peregrinación mozartiana a Salzburgo, representacións de Der Rosenkavalier e Die Entführung aus dem Serail na Ópera Estatal de Viena, Bach en Berlín e a Sétima de Mahler en Ámsterdam. O 1 de febreiro de 1932 partiu de novo, desta vez a Italia. Logo dunha viaxe de dous meses Imogen regresou á casa cunha visión mixta da música italiana. Ela concluíu que "os italianos son unha nación de cantantes ... Mais a música é unha linguaxe diferente nesta parte do mundo". De volta en Londres, decidiu que a pesar das súas experiencias, "se é música o que un quere, non hai lugar coma Londres".
Docencia, 1931–38 miniatura|esquerda|A Cecil Sharp House, sede londiniense da English Folk Dance and Song Society. Cos seus fondos de bolsas de estudos esgotados, Imogen precisaba dun traballo, e en xuño de 1931 fíxose cargo da música no centro de artes e ensinanza Citizen House en Bath. Non lle gustaba a disciplina imposta por un superior antipático e inflexible, e só permaneceu alí uns poucos meses. Logo traballou como directora independente e pianista acompañante antes de unirse ao persoal da EFDS a principios de 1932. A organización expandírase ata converterse na "English Folk Dance and Song Society" (EFDSS) e estaba localizada na súa nova sede en Cecil Sharp House. As súas obrigas, principalmente a ensinanza, non eran a tempo completo, e puido coller traballos a tempo parcial ensinando na súa antiga escola, Eothen, e en Roedean School. Aínda que compuxo pouca música orixinal durante eses anos, realizou moitos arranxos instrumentais e vocais de melodías folclóricas tradicionais.