Nora Stanton Blatch Barney, nada en Basingstoke (Inglaterra) o 30 de setembro de 1883 e finada en Greenwich (Connecticut) o 18 de xaneiro de 1971, foi unha enxeñeira civil, arquitecta e activista feminista estadounidense.

Traxectoria Era filla de William Blatch e Harriot Eaton Stanton, e neta de Elizabeth Cady Stanton, pioneira do movemento sufraxista nos Estados Unidos.

Foi unha das primeiras mulleres que obtivo o título de enxeñeira nos Estados Unidos. Diplomada pola universidade Cornell en 1905 e aceptada na American Society of Civil Engineers (ASCE) no mesmo ano sendo a primeira muller que ingresou. Porén, negóuselle o ascenso a membro asociado en 1916 só por ser muller. En 2015, foi ascendida postumamente á esta categoría da ASCE.

Traballou como enxeñeira asistente na Radley Steel Construction Company (1909–1912)  e na Comisión de Servizo Público de Nova York a partir de 1912. Tamén traballou para a Administración de Obras Públicas en Connecticut e Rhode Island como arquitecta, inspectora de enxeñaría e deseñadora de aceiro estrutural.

Seguindo o exemplo da súa avoa e da súa nai, Nora tamén participou no movemento sufraxista e sucedeu a súa nai na presidencia da Women’s Political Union en 1915.

Vida persoal En 1908, Nora casou co inventor Lee de Forest e foi a responsable da xestión de varias empresas que fundou para promover os seus inventos e a nova tecnoloxía da radio. A parella pasou a súa lúa de mel en Europa anunciando o equipo de radio que desenvolveu. Non obstante, a parella rompeu un ano despois, en gran parte por mor da insistencia de Forest de deixar a profesión e converterse en ama de casa. Pouco despois, deu a luz á súa filla Harriot en 1909.

En 1919, Nora casou con Morgan Barney, un arquitecto naval. A filla da parella, Rhoda Barney Jenkins, naceu o 12 de xullo de 1920, en Nova York, tamén arquitecta e activista feminista. Nora foi moi activa nos movementos feministas e pacifistas e en 1944 foi a autora de World Peace Through a Peoples Parliament (en galego, Paz Mundial a través dun parlamento popular).

Notas

Véxase tamén

Outros artigos

Mulleres enxeñeiras Historia das mulleres na enxeñaría

Categoría:Enxeñeiros dos Estados Unidos de América Categoría:Finados en 1971 Categoría:Nados en 1883 Categoría:Feministas dos Estados Unidos de América Categoría:Nados en Hampshire