Joshua Michael Tillman nado o 3 de maio de 1981 e tamén coñecido como Father John Misty e anteriormente como J. Tillman, é un cantautor, músico e produtor musical estadounidense.

Mantendo unha produción constante de gravacións en solitario dende 2004, Tillman fora membro ou estivo de xira con Demon Hunter, Saxon Shore, Fleet Foxes, Jeffertitti's Nile, Pearly Gate Music, Siberian, Har Mar Superstar, Poor Moon, Low Hums, Jonathan Wilson, e xirou extensamente cos artistas Damien Jurado, Jesse Sykes e David Bazan.

Tamén fixo contribucións en álbums de artistas populares como Beyoncé, Lady Gaga, Kid Cudi, e Post Malone e produciu un álbum para Matthew Daniel Siskin, coñecido como Gambles.

Biografía

Primeiros anos Tillman medrou nun fogar evanxélico en Rockville, Maryland, un suburbio de Washington, D.C. É o fillo de Barbara e I.C. Tillman, un enxeñeiro de Hewlett-Packard, que se coñeceron nun grupo de mozos cristiáns. A súa nai medrara en Etiopía, onde os seus pais eran misioneiros. É o máis vello de catro irmáns, tendo un irmán e dúas irmás. Cando tiña uns seis anos Tillman quería converterse en pastor debido ao seu aspecto interpretativo. Comenta que os seus pais centráronse nos aspectos espirituais da súa educación, que describe como "culturalmente opresivo". Estiveron separados durante moitos anos pero reconciliáronse. Despois de aprender a tocar a batería sendo moi novo, Tillman aprendeu a tocar a guitarra cando tiña 12 anos.

Tillman foi criado nunha igrexa baptista, foi a unha escola de primaria episcopal, e despois a unha escola pentecostal mesiánica. Tillman dixo que era inxenuo cando medraba porque case non había influencia cultural e non se permitía música secular. Ao redor dos 17 anos houbo novas estipulacións de parte dos seus pais, permitíuselle escoitar música secular que tivese un "tema espiritual". Por esta razón as súas primeiras compras incluíron álbums como Slow Train Coming de Bob Dylan, xa que puido establecer que Dylan estaba clasificado como un "artista cristián".

Carreira

Inicios da carreira e Fleet Foxes Despois de asistir ao Nyack College de Nova York (unha universidade cristián privada) durante un ano, Tillman mudouse a Seattle cando tiña 21 anos. Alí atopou un traballo nunha panadería que lle permitía gravar polas noites antes de que comezase a súa quenda ás 4:30 am. Unha demo súa chegou ás mans do cantante e compositor da cidade Damien Jurado. Un ano despois Tillman comezou a abrir concertos para Jurado. Nos concertos Tillman distribuíu CD-R con cancións que posteriormente se converterían no seu álbum I Will Return. Durante a xira tamén fixo unha amizade con Eric Fisher, que produciu outro álbum en CD-R, Long May You Run. Os dous discos foron despois editados a través do selo Keep Recordings. Tillman e Jurado máis tarde asinaron unha xira polos Estados Unidos con Richard Buckner.

En 2006 o selo independente Fargo Records publicou o que sería realmente o primeiro álbum en solitario de Tillman, Minor Works, e reeditou I Will Return e Long May You Run como un conxunto de dous discos ese mesmo ano. En 2007 Yer Bird Records lanzou o seu máis elaborado cuarto álbum, Cancer and Delirium.

Tras fichar pola discográfica independente Western Vinyl, Tillman editou dous álbums en 2009, Vacilando Territory Blues e Year in the Kingdom. Tillman dixo que compuxo a canción do título de Vacilando Territory Blues para describir a imaxinería que el asocia coa súa mudanza a Seattle. O seu irmán Zach posteriormente moveuse á cidade e toca na banda Pearly Gate Music. No ano seguinte Tillman editou Singing Ax.

En 2008 Tillman uniuse á banda de folk rock de Seattle Fleet Foxes como batería.

Tras xirar extensamente con Fleet Foxes, promovendo o seu álbum Helplessness Blues, Tillman realizou o seu derradeiro concerto co grupo en Tokyo o día 20 de xaneiro de 2012.

Alcume de Father John Misty e Fear Fun miniatura|240x240px|Tillman en 2014 Tillman publicou o álbum Fear Fun baixo o seu nome alcume, Father John Misty, o 1 de maio de 2012. Un par de meses antes do lanzamento do disco publicouse un vídeo para a canción "Hollywood Forever Cemetery Sings" protagonizado pola actriz Aubrey Plaza. O álbum era un afastamento dramático dos anteriores traballos de Tillman.

Como Father John Misty, Tillman apareceu no álbum de 2013 de Kid Cudi Indicud.

Tillman escribiu un ensaio sobre a gravación de Damien Jurado, Brothers and Sisters of the Eternal Son (Secretly Canadian, 2014). Tamén compuxo a banda sonora para unha curtametraxe chamada The History of Caves, dirixida pola súa muller, a directora Emma Elizabeth Tillman.

I Love You, Honeybear O álbum I Love You, Honeybear foi editado en febreiro de 2015 con aclamación xeneralizada. Segundo Tillman, trátase dun álbum conceptual sobre el mesmo e a súa vida persoal.

Tillman foi noticia ao versionar os temas de Taylor Swift "Blank Space" e "Welcome to New York" en 2015. Afirmou que nunha escoitara á artista antes de gravar as versións. Fíxoo para parodiar a Ryan Adams, que publicara a súa propia versión do álbum de Swift 1989, con versións de todas as cancións do disco.

Tillman publicou unha nova canción titulada "Real Love Baby" en SoundCloud o día 19 de maio de 2016.

Tillman apareceu na canción "Saturday Night Inside Out" do segundo disco de The Avalanches, Wildflower, que foi editado o 1 de xullo de 2016.

Pure Comedy e God's Favorite Customer Tillman chamou a atención dos medios o 22 de xullo de 2016 despois de saír do escenario no XPoNential Music Festival en Camden, Nova Jersey, tras vinte minutos de actuación nun concerto que debería durar 50 minutos. En vez de realizar o seu setlist, Tillman saíu e preguntou, "Que carallo está pasando?" Despois falou durante seis minutos sobre o papel "adormentador" que o entretemento xoga nas nosas vidas e como "a estupidez acaba por dirixir o mundo porque o entretemento é estúpido". Cando o público o aplaudiu pediulle á xente que non o fixese e respondeu dicindo, "tal vez só fai falla un momento para estar realmente profundamente triste". Finalmente tocou unha peza de 13 minutos do seu seguinte traballo, Pure Comedy, chamada "Leaving LA" que fai referencia ás frustracións das que falou no seu discurso. Tillman despois versionou a canción de Leonard Cohen "Bird on the Wire" antes de dicirlle á multitude que os amaba e saíu do escenario, acabando a súa actuación antes de tempo. O día seguinte Tillman explicou a súa actuación nunha mensaxe de Instagram, na que cualificou o discurso de Donald Trump na Convención Nacional Republicana de 2016 a "coroación demoníaca do noso próximo potencial Rei Idiota", que tivo lugar a noite anterior ao concerto de Tillman. miniatura|240x240px|Tillman no Haldern Pop Festival 2019 Tillman editou unha versión de "Trump's Private Pilot", unha canción composta por Tim Heidecker, en SoundCloud o 7 de novembro de 2016. O 22 de novembro dese ano publicou un novo tema titulado "Holy Hell" tamén en SoundCloud.

O 23 de xaneiro de 2017 editouse o sinxelo "Pure Comedy" en forma de vídeo musical e Tillman anunciou a chegada do seu álbum Pure Comedy que se lanzou o día 7 de abril. A través deste traballo externaliza a personaxe estereotípica de Father John Misty que desenvolveu nos dous anteriores discos para evitar ser restrinxido á imaxe da personaxe, usando a súa personalidade e experiencias para expoñer a súa perspectiva da vida. O segundo sinxelo de Pure Comedy, "Two Wildly Different Perspectives", apareceu con outro vídeo musical o 30 de xaneiro. O terceiro sinxelo foi "Ballad of the Dying Man", lanzado o 1 de febreiro, e o cuarto foi "Total Entertainment Forever", editado na noite no que a canción foi interpretada no programa Saturday Night Live, o 4 de marzo.

A xira mundial para promover Pure Comedy comezou en abril de 2017 e continuou ata principios de 2018. Durante esta xira Tillman mesturou os temas do seguinte álbum producido con Jonathan Rado, revelando os potenciais títulos de cancións "Mr. Tillman, Please Exit the Lobby" (despois acurtado a "Mr. Tillman"), "Ouch, I'm Drowning", "Well, We're Only People and There's Nothing Much We Can Do About It", e "Dum Dum Blues". O álbum explora a angustia e foi composto durante un período de seis semanas durante o cal Tillman estivo vivindo nun hotel.

Tillman editou o sinxelo principal, "Mr. Tillman", do álbum God's Favorite Customer o 20 de febreiro de 2018. O álbum anunciouse o 18 de abril e publicouse o día 1 de xuño.

O guionista e produtor británico Drew Pearce, que dirixira o vídeo musical para "The Night Josh Tillman Came to Our Apartment", buscou a Tillman para a súa estrea como director de cine con Hotel Artemis, cando quería interpretar a un músico. Tillman tivo un pequeno papel no filme como ladrón de bancos. Tillman tamén colaborou na banda sonora de Hotel Artemis coa canción "Gilded Cage", que se publicou o 8 de xuño de 2018, o mesmo día da estrea da película.

O 23 de marzo de 2020, Tillman lanzou en Bandcamp un álbum ao vivo titulado Off-Key in Hamburg, que foi gravado na Elbphilharmonie de Hamburgo o 8 de agosto de 2019. Todos os beneficios do álbum foron para o Fondo de axuda para a COVID-19 de MusiCares. NME describiuno como unha "oferta de luxo de alta gama" e "inmaculado".

Chloë and the Next 20th Century En decembro de 2021, Bella Union enviou por correo un vinilo de palabra falada aos fans. Anunciouse que o quinto álbum de estudio de Father John Misty, Chloë and the Next 20th Century, sería lanzado o 8 de abril de 2022 por Sub Pop e Bella Union. As once cancións do álbum foron producidas por Tillman e Jonathan Wilson. O álbum e a súa lista de cancións foron revelados oficialmente o 5 de xaneiro de 2022, e o seu sinxelo principal, "Funny Girl", foi lanzado o mesmo día. Un segundo sinxelo do álbum, "Q4", foi lanzado o 9 de febreiro de 2022. Un terceiro, "Goodbye Mr Blue", apareceu o 9 de marzo de 2022. O 4 de abril de 2022, "The Next 20th Century" editouse como cuarto e derradeiro sinxelo, precedendo o lanzamento do álbum. O EP Father John Misty Live at Electric Lady foi publicado por Sub Pop o 15 de setembro de 2022. Inclúe unha versión de "I Believe (When I Fall in Love It Will Be Forever)" de Stevie Wonder.

Tillman participa no tema "Let the Light In" do álbum de Lana Del Rey Did You Know That There's a Tunnel Under Ocean Blvd.

Greatish Hits e Mahashmashana En xullo de 2024, Tillman lanzou o sinxelo "I Guess Time Just Makes Fools of Us All", unha versión diferente da que xa interpretara por primeira vez en 2019.

Inicialmente promovido como a única canción nova dunha recompilación de grandes éxitos titulada Greatish Hits: I Followed My Dreams and My Dreams Said to Crawl e lanzado o 16 de agosto de 2024, o sinxelo revelouse posteriormente como a primeira entrega do álbum de estudio Mahashmashana. O álbum, que foi coproducido por Tillman e Drew Erickson, co seu colaborador habitual Jonathan Wilson como produtor executivo, foi lanzado o 22 de novembro e é o sexto álbum de estudio de Tillman baixo o alcume de Father John Misty. O 17 de setembro Tillman lanzou o segundo sinxelo do álbum, "Screamland", no que participa Alan Sparhawk de Low á guitarra.

"She Cleans Up" foi o seguinte sinxelo lanzado o 15 de outubro de 2024, cando tamén se anunciaron as datas da xira de presentación de Mahashmashana.

Discografía Como J. Tillman Álbum Ano Selo Untitled No. 1 2003 Broken Factory I Will Return 2004 autoeditado Long May You Run, J. Tillman 2006 Keep Recordings Minor Works 2006 Fargo Cancer and Delirium 2007 Yer Bird Vacilando Territory Blues 2009 Western Vinyl Year in the Kingdom 2009 Western Vinyl Singing Ax 2010 Western Vinyl Como Father John Misty Álbum Ano Selo Fear Fun 2012 Sub Pop, Bella Union I Love You, Honeybear 2015 Sub Pop, Bella Union Pure Comedy 2017 Sub Pop, Bella Union God's Favorite Customer 2018 Sub Pop, Bella Union Chloë and the Next 20th Century 2022 Sub Pop, Bella Union Mahashmashana 2024 Sub Pop, Bella Union

Con Fleet Foxes