La fille aux cheveux de lin é unha composición musical para piano solo do compositor francés Claude Debussy. É a oitava peza do primeiro libro Préludes, escrito entre finais de 1909 e principios de 1910. O título en francés e é traducible ao galego como A rapaza cos cabelos de liño. A peza ten unha extensión de 39 compases e dura aproximadamente dous minutos e medio. Está escrita na tonalidade de sol bemol maior.

A peza, nomeada así polo poema homónimo de Leconte de Lisle, é coñecida bola súa simplicidade, unha diverxencia respecto do estilo de Debussy nesa época. Finalizada en xaneiro de 1910, foi publicada tres meses despois e estreada en xuño dese ano. O preludio é unha das pezas máis gravadas, tanto na súa versión orixinal como en varios arranxos posteriores.

Antecedentes e influencia O título, La fille aux cheveux de lin, foi inspirado polo poema do mesmo nome de Leconte de Lisle, unha das súas Chansons écossaises (Cancións escocesas) da súa colección Poèmes antiques (Poemas antigos) de 1852. A imaxe dunha rapaza co pelo da cor do liño ten sido empregada nas Belas Artes como símbolo de inocencia e inxenuidade. Os estudosos da música teñen suxerido que a representación exitosa de Debussy destas emocións estaba vinculada á simplicidade musical do preludio, especialmente os elementos técnicos e harmónicos.

A elección da simplicidade para esta peza foi algo moi pouco habitual, xa que se desviou do seu estilo do momento e lle devolveu as harmonías simples que empregara nasprimeiras composicións, máis tradicionais.

Debussy empregara previamente o título para unha mélodie que escribira entre 1882 e 1884. (require rexistro) Con todo, non presenta ningunha similitude co preludio de 1910, e simplemente ten unha "relación familiar distante" co preludio como motto segundo James R. Briscoe na revista musical 19th-Century Music.

A canción, que é unha das súas primeiras obras, estaba adicada a Marie-Blanche Vasnier, quen Mantivo unha relación con Debussy na época, e este adicoulle a maioría das composicións que escribiu entre 1880 e 1884.

Poema miniatura|O preludio recibe o seu nome do poema homónimo de Leconte de Lisle. O poema orixinal de Leconte de Lisle foi escrito en francés.

Historia O preludio foi completado o 15 ou 16 de xaneiro de 1910, e publicouse por primeira vez en abril dese mesmo ano, xunto co resto dos seus preludios do Libro I. A súa primeira interpretación foi a cargo de Franz Liebich no Bechstein Hall de Londres dous meses despois, o 2 de xuño. A esta seguiulle a estrea nos Estados Unidos no Stockbridge Casino de Stockbridge (Massachusetts) o 26 de xullo de 1910, interpretado por Walter Morse Rummel. (require rexistro) Posteriormente, a estrea en Francia tivo lugar o 14 de xaneiro de 1911, na Société Nationale de Musique en París, con Ricardo Viñes interpretando a obra.

Arthur Hartmann —un amigo próximo de Debussy— realizou unha transcrición do preludio para violín e piano que foi publicada en maio de 1910.

La fille continúa a ser unha das composicións musicais máis gravadas de Debussy. A pesar da súa interpretación sobre unha base recorrente, o preludio segue a ser popular entre as audiencias, en parte debido á súa "melodía memorable" que se sobrepón cun "acompañamiento suave". Ten sido aclamada pola súa amplitude de emoción, con Clarke Bustard do Richmond Times-Dispatch describindo a peza como "quizais a do carácter máis delicado" de todos os seus vinte e catro preludios. (require subscrición)

Análise musical miniatura|350px|tema inicial de La fille aux cheveux de lin

Colocación dentro dos Preludios, Libro I Debussy era coñecido pola súa meticulosidade na preparación dos seus preludios. O pianista e crítico musical Paul Roberts afirma que este preludio, xunto cos dous que lle preceden inmediatamente, forma "o arco central" da estrutura do Libro I, xa que as tres pezas proporcionan o maior "contraste dramático" de todos os preludios do primeiro libro. O sexto preludio, Des pas sur la neige (Pegadas na neve), evoca un sentimento de tristeza e illamento, mentres que Ce qu'a vu le vent d'ouest (O que viu o vento do oeste) —o sétimo— exuda unha natureza violenta e tumultuosa. En marcado contraste con estes dous, La fille produce unha sensación de suave "lirismo" e "calidez", que non son característicos deste tipo de música de Debussy. Ao colocar estes tres preludios nesta orde particular, Debussy asegurouse de que posiblemente o preludio máis complexo tecnicamente da colección (Vent d'ouest) estivese situado entre os dous máis sinxelos a nivel técnico dos vinte e catro.

Composición A idea central do preludio está tomada do seu título: unha rapaza con cabelos dourados nunha contorna pastoral en Escocia. Polo tanto, é un dos moitos exemplos da música impresionista, xa que evoca imaxes dun lugar no estranxeiro. O seu emprego de escalas pentatónicas ao longo de toda a peza logra isto, e ao combinalo coa harmonización de acordes diatónicos e cadencias modais, crea unha melodía de tipo folcórico. Este preludio emprega máis tons principais plagais que calquera outra peza composta por Debussy, e a melodía do preludio alterna os movementos conxuntos cos disxuntos en todo momento. (require rexistro)

A peza comeza co seu coñecido tema inicial, que consiste en frases de tres notas, agrupadas como unha corchea e dúas semicorcheas. Finaliza cos acordes que forman unha cadencia plagal entre os compases 2 e 3, un elemento que non aparece nos seus preludios anteriores. A segunda parte da melodía comeza nos compases 3-4, evocando unha balada escocesa ou algo parecida a unha melodía ao estilo das de Edvard Grieg. A melodía do inicio regresa no compás 8 con harmonía adicional na man esquerda. No compás 19, a melodía comeza o seu ascenso ao clímax da peza, aumentando de xeito gradual mediante a utilización do crescendo para impulsala ao cénit ao final do compás 21. Case ao final do compás 22, a melodía decrece cara ao compás seguinte, onde o tema do clímax se repite unha oitava máis grave. Unha parte similar a un pedal pianissimo que se move en movemento paralelo —empregando quintas consecutivas nalgúns lugares— aparece nos compases 24 a 27. No seguinte compás, a coda do preludio ve o regreso do tema inicial por última vez —aínda que unha oitava máis aguda— seguido polo motivo de pedal. Finalmente, a melodía ascende nun movemento paralelo e fai uso dunha cadencia plagal que conduce a cadencia á tónica da tonalidade principal en estado fundamental. Esta cadencia nin "anticipa melodicamente a tonalidade de chegada" nin inclúe a tónica na man esquerda. Polo tanto, foi descrita como "a harmonización ideal do ton principal plagal." A melodía finaliza con dous acordes de oitova arpexiada (Re♭ na man esquerda seguido por Sol♭ na dereita), levando ao preludio á súa conclusión.

Uso nos medios En Windows 7 apareceron tres pezas de mostra de música en File Explorer como Música, unha delas era un arranxo de "The Maid With Flaxen Hair" para clarinete e orquestra de corda, que foi interpretado pola Orquestra Sinfónica da Radio Eslovaca e Richard Stoltzman.

Notas

Véxase tamén Bibliografía

Ligazóns externas La fille aux cheveux de lin por Arturo Benedetti Michelangeli en YouTube

Categoría:Composicións musicais de 1910 Categoría:Preludios de Claude Debussy