Valentín Lamas Carvajal, nado en Ourense o 1 de novembro de 1849 e finado na mesma cidade o 4 de setembro de 1906, foi un autor e xornalista galego. Foi membro da Real Academia Galega, e no ano 1972 dedicóuselle o Día das Letras Galegas. Entre outros feitos, Lamas realizou dúas iniciativas importantes en relación co xornalismo e coa literatura en lingua galega, contando ambas con moi boa acollida: fundar o primeiro semanario en lingua galega, titulado O Tio Marcos d'a Portela, e publicar o Catecismo do labrego.
Traxectoria Lamas Carvajal era fillo do ourensán José Francisco Lamas e da luguesa María Manuela Carvajales. Ficou orfo de pai con dous anos e cunha nai de dezasete anos. Aliviou esta situación un tío seu, o irmán da súa nai, Pedro Carvajales, un pintor de certo nome naquela altura, e a quen Lamas lle dedicará o seu primeiro libro, La monja de San Payo (1871).
Estudou bacharelato na súa cidade natal e en 1870 trasladouse a Santiago de Compostela para cursar medicina na Universidade de Santiago de Compostela, estudos que non chegou a rematar por mor dunha afección ocular que co tempo o deixaría cego. A andaina universitaria compostelá de Lamas ficou moi patente na súa escrita e na súa visión de Galicia, xa que nesta cidade entrou en contacto coa intelectualidade galega. Sábese, por unha carta súa publicada en El Heraldo Gallego, que en 1871 dirixiu nesta cidade a revista La Aurora de Galicia e que aquí tamén publicou as súas primeiras obras, que presentan influencias románticas.
A partir do ano 1874 a súa vida estivo definitivamente ligada á Cidade das Burgas ao casar, o 4 de xaneiro de 1874, cunha antiga compañeira de estudos, Amalia Rosina Sánchez, natural da Guarda, con quen tivo numerosa descendencia. miniatura|esquerda|Placa en Ourense. Os seus problemas coa vista non lle impediron que fose ser o autor máis prolífico e polifacético do seu tempo. Tivo unha incesante actividade literaria e xornalística. Fundou xornais moi populares naquela altura, como El Heraldo Gallego, publicado até 1880, e o primeiro semanario escrito integramente en galego, de moito eco popular e que se publica dende 1876 até 1890, O Tio Marcos d'a Portela, onde publicou Catecismo do labrego en sete entregas no ano 1888 Parrafeo nº 250, do 21.10.1888, ao nº 256, do 2.12.1888., un dos libros que máis se venderon en galego, xa que tivo seis edicións no prazo dun ano dende a súa publicación en libro. Foi tamén director do xornal El Eco de Orense. miniatura|Xavier Prado Lameiro foi continuador da obra de Valentín L. Carvajal e esforzado gardián da súa memoria.Afonso Vázquez-Monxardín: "As homenaxes aurienses a Valentín Lamas Carvajal" (7-37) en Raigame 24, 2006. En 1887 publicou Gallegada. Tradiciós, costumes, tipos e contos da terriña, conxunto de 19 narracións, todas elas publicadas con anterioridade en O Tio Marcos d'a Portela. No conxunto dos textos de Gallegada pódese ver a vontade populista e comprometida coa defensa dos labregos por parte de Lamas, así como a descrición de cadros de costumes imbuídos de acenos pintorescos, picarescos e cómicos.
En 1906 foi un dos membros fundadores da Real Academia Galega. Morreu ese mesmo ano, e foi soterrado no cemiterio de San Francisco da súa cidade natal.
Obra A Biblioteca Nacional de España ten dixitalizada a súa obra.
Obra poética Dez cartas ôs gallegos (1875) Espiñas, follas e frores (1875, ramiño primeiro) Espiñas, follas e frores (1876, ramiño segundo) Saudades gallegas (1880) A musa das aldeas (1890)
Obra narrativa Gallegada. Tradiciós, costumes, tipos e contos da terriña (1887) Catecismo do labrego (1889).Catecismo do labrego no proxecto Gutenberg. Traducido ao castelán, ao éuscaro e ao portugués.
Galería de imaxes
Notas
Véxase tamén Bibliografía
AAVV. (2001). Actas das xornadas sobre Lamas Carvajal, Ourense, 21 e 22 de outubro de 1999. Consellería de Cultura. AAVV. (2006). Raigame: revista de arte, cultura e tradicións populares, n.º 24
(ed.) (2004). Gallegada e outros textos en prosa. CIRP e Xunta de Galicia. ISBN 978-84-453-3756-1.
Outros artigos Modesto Lamas Sánchez (fillo de Valentín Lamas Carvajal) Ligazóns externas Ficha na Biblioteca Virtual Galega. Valentín Lamas Carvajal na páxina da AS-PG.