A síndrome de fatiga crónica (SFC), tamén coñecido como encefalomielite miálxica/síndrome de fatiga crónica (EM/SFC) ou enfermidade sistémica de intolerancia ao esforzo (ESIE) é unha enfermidade crónica aínda non totalmente coñecida e complexa que se caracteriza por fatiga persistente e a presenza de dificultades cognitivas, sen causa clara.
Pode afectar de maneira gradual ao sistema inmunitario, o neurolóxico, o cardiovascular e o endócrino, e cuxa peculiaridade nociva é causar fatiga intensa, febrícula ou febre, sono non reparador, intolerancia á luz (fotofobia), ao son (hiperacusia) e aos cambios de temperatura, cefalea, dor muscular e nas articulacións, sensación de estado gripal permanente, farinxite crónica, dificultades de concentración e perda da memoria recente, desorientación espacial, intolerancia á tensión emocional e á actividade física, entre outras manifestacións.
Considerada no pasado como unha suposta condición psicosomática, actualmente recoñécese que non é unha enfermidade psicolóxica nin psiquiátrica, senón un trastorno con base orgánica, cuxas causas exactas aínda non se coñecen.
Clasificación Existe unha corrente para englobar a fibromialxia, a síndrome de fatiga crónica e outras síndromes relacionadas dentro dunha categoría chamada síndromes por sensibilización central, tamén coñecida polo seu acrónimo en inglés (CSS), nas que se dá unha hiperexcitación de certos grupos de neuronas, especialmente aquelas relacionadas coa sensación de dor. Os defensores desta tese avogan pola utilización do concepto de CSS como un novo paradigma que sería de utilidade para enfocar a explicación e o diagnóstico da encefalomielite miálxica e de efermidades como a fibromialxia que se presentan con frecuencia como comorbilidades nestes pacientes.
Epidemioloxía Actualmente, estímase que a enfermidade afecta arredor dun 0,5% da poboación mundial e que a proporción por sexos é do 90% de mulleres e o 10% de homes. Trátase dunha enfermidade que pode manifestarse desde formas leves até extremadamente graves.Adoita presentarse en comorbilidade con fibromialxia, síndrome de Ehlers-Danlos síndrome do intestino irritable, síndrome de Sjögren e sensibilidade química múltiple.
Aínda que non se considera unha enfermidade mortal en si mesma, é probable que haxa un número elevado de decesos provocados pola mesma, xa que as causas da morte destes enfermos adoitan estar ligadas a fallo cardíaco, cancro ou suicidio, polo que é difícil recoñecelas na súa orixe.Es oficial: la fatiga crónica se cobra su primera víctima Nota del diario Clarín del 20 de junio de 2006.
Etioloxía A pesar dos numerosos estudos realizados a nivel internacional, tanto a etioloxía como a patoxénese da síndrome de fatiga crónica están lonxe de ser aclaradas. Porén, actualmente unha serie de estudos demostraron que o estrés oxidativo é un compoñente da enfermidade, aínda que non se determinou si os danos oxidativos son a causa ou o efecto.
No ano 2001, un estudo publicou que a elevación de peroxinitritos e do óxido nítrico (NO) podería ser o nexo común na etioloxía da síndrome de fatiga crónica, a sensibilidade química múltiple e o estrés postraumático.
En outubro de 2009 un estudo estadounidense comunicaba a posibilidade de que un retrovirus denominado XMRV fose o axente causante, concitando o interese da comunidade científica internacional. Estudos independentes realizados en diversos países concluíron que non hai ningunha asociación entre o virus e a síndrome de fatiga crónica e atribúen os primeiros resultados a unha contaminación das mostras no laboratorio e erros no protocolo .
Hai vinte anos chamóuselle a gripe do yuppie, pois se pensou que afectaba especialmente a mozos profesionais urbanos, entre 20 e 40 anos, que sufrían de esgotamento por estrés. Posteriormente pensouse que se trataba dunha infección crónica do virus de Epstein-Barr, causante da chamada mononucleose infecciosa ou "enfermidade do bico". J. Fernández-Solà
Máis tarde propúxose un sobrecrecemento intestinal infeccioso do fungo Candida albicans (candidiase), froito do estilo de vida estresante, a inadecuada alimentación rica en azucres e hidratos de carbono de absorción rápida, o exceso de consumo de antibióticos e corticoides etc. Porén, non existen datos obxectivos sobre esta hipótese. Os seus defensores asumen que as toxinas producidas polos fungos poden desencadear a síndrome de fatiga crónica e que tales infeccións crónicas ou recorrentes poden ser causadas por un reservorio intestinal de fermentos. Os opositores desta teoría, con todo, sinalan que non hai datos concretos sobre o significado patoxénico dun reservorio intestinal de fermentos. Así mesmo, os estudos controlados non demostraron a eficacia do tratamento antifúnxico.
Outras teorías sinalan aos pesticidas ou axentes químicos tóxicos ambientais e alimentarios excesivos nas sociedades industrializadas (intoxicacións por insecticidas organofosforados, disolventes e por monóxido de carbono).
Tamén se considerou asociado a situacións de alteración do ritmo ou calidade do sono e de estrés psicolóxico intenso como o acoso laboral e o trastorno por estrés postraumático. Mesmo a situacións de hipersensibilidade ambiental como a sensibilidade química múltiple, a síndrome do edificio enfermo e a síndrome da Guerra do Golfo.
En anos anteriores buscouse unha relación entre o SFC cos seguintes microorganismos, aínda que actualmente non hai evidencias claras da asociación da síndrome de fatiga crónica con virus específicos:
Epstein-Barr. Citomegalovirus. Toxoplasma gondii (Toxoplasmose) Herpesvirus tipo 6 e 7. Parvovirus B19. Chlamidia Micoplasma. Hepatite B e C. Borrelia burgdorferi (Doenza de Lyme). Brucelose humana (Febres de Malta). Sífilis venérea (Lúes).El síndrome de fatiga crónica y su diagnóstico Medicina Interna Anales de Medicina Interna. ISSN 0212-7199. An. Med. Interna (Madrid) v.23 n.5 Madrid mayo 2006.Síndrome de fatiga crónica
Cadro clínico Os afectados adoitan declarar que senten coma se contraesen "unha gripe que nunca se cura". A sintomatoloxía é moi variable no tocante ao seu grao de gravidade e presentación temporal, desde estados de anormal fatiga prolongada con diversos síntomas de gripe a enfermidade crónica moi incapacitante con multitude de síntomas que poden chegar a afectar a todo o corpo e prostrar ao enfermo en cama durante períodos moi longos, e mesmo a unha completa incapacidade de realizar actividade algunha durante anos. Moitos pacientes terminan por saír moi pouco da súa casa polo alto grao de enfermidade e debilidade que senten.
En casos graves, toda esta sintomatoloxía pode presentarse: esgotamento moi profundo, dores xeneralizadas, sensación de debilidade ao menor esforzo físico ou mental, insomnio, pesadelos, sono non reparador, espertar con frío, sudación, tremores, intolerancia ao frío e á calor, aos cambios de tempo atmosférico ou do grao de humidade, á sequidade, intolerancia ao alcol, hipersensibilidade a alimentos previamente tolerados, a cheiros fortes, a perfumes, a vapores químicos como gasolina e disolventes, a aromas artificiais, a medicamentos ou aos seus excipientes, hemicrania, vertixe, sensación de mareo permanente, náuseas, diarreas, síndrome do intestino irritable, inflamación de vexiga, próstata, infeccións e molestias urinarias, xenitais, infeccións respiratorias, de seos, rinites crónicas, frecuentes alteracións hepáticas e problemas de dixestión das graxas e dos hidratos de carbono, taquicardias, síntomas e signos de fatiga cardíaca, empeoramento grave ao facer exercicio, incapacidade de permanecer de pé, ou de camiñar durante períodos cada vez máis curtos (intolerancia ortostática) con sensación de síncope, asfixia ou taquicardia, normalmente a causa do fallo no sistema nervioso autónomo que estes pacientes adoitan presentar (disautonomía), normalmente confirmado en probas de mesa basculante.
Os síntomas cognitivos, mentais e emocionais poden ser moi variados tamén. Poden presentar importantes déficits na capacidade de concentración, de atención, de aprendizaxe, das habilidades matemáticas; poden perder as súas capacidades en probas psicotécnicas e mostrar un cociente intelectual moi inferior ao que tiñan antes de enfermar. Emocionalmente poden mostrarse deprimidos, angustiados, experimentando gran ansiedade e ás veces crises de angustia ao sentirse incomprendidos. Todos estes trastornos son consecuencia da enfermidade e non ao contrario.
Evolución O inicio pode ser súbito, similar a un gromo vírico ou de gripe "que nunca se cura" ou insidioso. É frecuente que comece tras un período de estrés emocional, un accidente con traumatismo ou unha intoxicación. A evolución cara ao empeoramento pode durar anos, ata que chegan ao mesmo punto que os que adquiriron a enfermidade subitamente e comparten toda a sintomatoloxía, características e peculiaridades sen distinción ningunha. Tanto uns como outros adoitan demorar anos en obter un diagnóstico, e son previamente mal diagnosticados de depresión, ansiedade, insomnio, astenia, neurastenia ou estrés.
Hai casos en que os síntomas desaparecen durante algún tempo, días ou semanas, pero a enfermidade é crónica e recorrente, e apenas un 5% dos enfermos recupérase completamente. Normalmente canto máis tempo transcorre sen melloría peor é o prognóstico de recuperación. Tamén a idade do paciente é un factor importante e teñen mellores perspectivas de recuperación os pacientes máis novos. Normalmente os pacientes visitan múltiples especialistas, terapeutas alternativos, proban todo tipo de medicamentos, remedios, suplementos, herbas, vitaminas, modifican a súa dieta, viaxan maltreitos a visitar outros médicos e terapeutas afastados dos que lles falaron, gastan moito diñeiro en todo iso, e adoitan obter pouco rendemento pois apenas logran mellorías significativas.
Diagnóstico O enfoque xeral dun paciente con fatiga crónica inclúe a realización dunha historia clínica completa e un exame físico, centrándose na identificación dos síntomas máis molestos e aqueles que poden indicar unha enfermidade subxacente máis seria, segundo as directrices do Instituto Nacional de Excelencia para a Saúde e os Coidados (NICE, polas súas siglas en inglés). Outra parte importante é o exame do estado mental, incluíndo a avaliación da depresión, que está presente no 39-47 % dos pacientes con SFC.
Non hai probas de laboratorio que se poidan utilizar para diagnosticar o SFC. Porén, son necesarias para descartar outras causas de fatiga. Os Centros para o Control e Prevención de Enfermidades (CDC, polas súas siglas en inglés) e o NICE recomendan un conxunto mínimo de probas para os pacientes que presentan fatiga crónica.
O CDC recomenda a realización de análise de urina, hemograma completo, panel metabólico integral e medición dos niveis de fósforo, hormona estimulante da tiroide (TSH) e proteína C reactiva.
O NICE tamén recomenda a determinación dos niveis de anticorpos antiendomisio do tipo IgA para a detección da enfermidade celíaca, a cal pode cursar principalmente con síntomas neurolóxicos e sen ningún síntoma dixestivo. Porén, a negatividade dos anticorpos non descarta a enfermidade celíaca. Así mesmo, a fatiga crónica é un síntoma que pode ser provocado pola sensibilidade ao glute non celíaca, na que todas as probas para enfermidade celíaca son negativas mais o paciente mellora ao retirar o glute da alimentación.
Se se indica pola historia ou o exame físico, o NICE tamén recomenda a detección de drogas en urina, probas de factor reumatoide e niveis de anticorpos antinucleares (ANAs). Os títulos virales non se recomendan a menos que a historia do paciente sexa suxestiva dun proceso infeccioso, posto que non confirman nin descartan o diagnóstico de SFC.
Criterios diagnósticos