Gittel Kaimowitz, nada en Kolno (Imperio Ruso, posteriormente en Polonia) o 2 de febreiro de 1897 e finada en San Diego o 1 de xaneiro de 1996, foi unha matemática estadounidense coñecida como Gertrude Blanch, pioneira da análise numérica e a computación. Foi líder do Mathematical Tables Project de Nova York dende os seus comezos. Traballou posteriormente como directora axudante e líder de análise numérica na división de computación de UCLA e foi a xefa de investigación matemática para o Laboratorio de Investigación Aerospacial da base da forza aérea Wright-Patterson en Dayton, Ohio.
Traxectoria Primeiros anos e educación Blanch naceu en Kolno, filla de Wolfe Kaimowitz e Dora Blanc. Kolno era historicamente parte de Polonia, mais nese tempo pertencía ao Imperio Ruso. Blanch era a máis nova de sete fillos. Wolfe Kaimowitz emigrou aos Estados Unidos, e en 1907, Dora Blanc, Gertrude e outra filla máis uníronse a el en Nova York. Biografía nas páx. 83–89 de Supplementary Material en AMS.
Blanch asistiu a escolas públicas neoiorquinas. En 1914 graduouse do Eastern District High School de Brooklyn. Máis tarde ese ano, Kaimowitz faleceu, así que Blanch decidiu procurar un emprego para axudar a súa familia. Traballou durante catorce anos en postos de oficinas, aforrando cartos para a escola. Converteuse en cidadá estadounidense en 1921. Despois de que morrese a súa nai en 1927, Blanch comezou a tomar clases nocturnas no Washington Square College, parte da Universidade de Nova York. En 1932, Blanch recibiu o seu grao de Bachelor of Science en matemáticas cun minor en física pola Universidade de Nova York. Ese mesmo anos, cambiou o seu nome de Kaimowitz a Blanch, versión americanizada do nome da súa nai. Recibiu o seu Ph.D. pola Universidade Cornell en xeometría alxébrica en 1935.
Carreira Durante un ano, traballou como titora en lugar dun colega cunha licenza en Hunter College; entón, traballou como bibliotecaria. En 1938, comezou a traballar no Mathematical Tables Project da WPA, para a que era "Directora de Matemáticas" e "Directora de Computation". Isto implicaba deseñar algoritmos que eran executados por grupos de computadoras humanas baixo a súa dirección. Moitas desas "computadoras" posuían só habilidades matemáticas rudimentarias, mais os algoritmos e os erros que comprobaban no proxecto estaban suficientemente ben deseñados para que a súa saída definise o estándar para a solución dunha función transcendental durante décadas. O proxecto despois pasou a formar parte do laboratorio de computación do National Bureau of Standards.
O Mathematical Tables Project converteuse nunha organización independente tralo remate da WPA a finais de 1942. Durante a segunda guerra mundial, opero como oficina de computación principal para o goberno dos Estados Unidos e fixo cálculos para a Oficina de Investigación e Desenvolvemento Científicos, o exército, a mariña o proxecto Manhattan e outras institucións. Blanch liderou o grupo durante a guerra.
Trala guerra, a carreira de Blanch foi obstruída polas sospeitas do FBI de que era unha comunista en segredo. As pistas sobre iso parecen escasas, e incluían, por exemplo, a observación de que nunca casara nin tivera filla, ademais do feito de que a súa irmá estaba afiliada ao Partido Comunista. No que debeu ser un momento decisivo, a diminuta matemática de cincuenta anos pediu, e gañou, unha audiencia para limpar o seu nome.
Posteriormente, traballou para o Instituto de Análise Numérica de UCLA e o Laboratorio de Investigación Aerospacial da base da forza aérea Wright-Patterson en Dayton, Ohio. Foi unha dos primeiros membros da ACM.
Últimos anos Blanch retirouse en 1967 aos 69 anos, mais continuou a traballar cun contrato como consultora para a forza aérea outro ano máis. Posteriormente mudouse a San Diego e continuou a traballar en solucións numéricas das funcións de Mathieu ata a súa morte en 1996, concentrándose no uso de fraccións continuas para acadar reslutados altamente precisos nun número pequeno de pasos computacionais. O traballo non foi publicado.
Os Gertrude Blanch Papers (1932–1996) están dispoñibles no Charles Babbage Institute da Universidade de Minnesota, Minneapolis.
Publicacións Blanch publicou máis de trinta artigos sobre aproximación funcional, análise numérica e funcións de Mathieu.
Honras e premios Federal Woman's Award (1964) Membro da American Association for the Advancement of Science (1962) Incluída na galería de retratos da National Institution of Standards and Technology (2017)NIST
Notas
Véxase tamén Bibliografía Grier, David Alan, "Gertrude Blanch of the Mathematical Tables Project", Annals of the History of Computing, 19.4 (1997), 18–27. Grier, David Alan, "The Math Tables Project of the Work Projects Administration: the reluctant start of the computing era", Annals of the History of Computing, 20 (1998), 33–50. Grier, David Alan, "When Computers Were Human", 2005. Outros artigos Mujeres matemáticas. Trece matemáticas, trece espejos Ligazóns externas "Gertrude Blanch", Biographies of Women Mathematicians , Agnes Scott College Gertrude Blanch Papers, 1932-1996 Charles Babbage Institute, University of Minnesota, Minneapolis. Computer Oral History Collection: Dr. Gertrude Blanch, 1969-1973 Smithsonian National Museum of American History Gertrude Blanch, The History of Numerical Analysis and Scientific Computing Blanch Biography, University of St Andrews
Categoría:Nados no voivodato de Podlaskie Categoría:Nados en 1897 Categoría:Finados en 1996 Categoría:Matemáticos dos Estados Unidos de América Categoría:Alumnos da Universidade de Nova York Categoría:Alumnos da Universidade Cornell