DSCOVR, acrónimo de Deep Space Climate Observatory e que inicialmente ía ser nomeado como Triana, é un satélite artificial da NASA lanzado o 11 de febreiro de 2015 mediante un foguete Falcon 9 desde Cabo Cañaveral para estudar os campos e partículas solares e a superficie terrestre. Foi alcumado informalmente como Goresat debido a que foi un proxecto impulsado polo daquela vicepresidente dos Estados Unidos Al Gore.
Características DSCOVR foi posto en órbita arredor do punto L1 de Lagrange do sistema Terra-Sol, a uns 1,5 millóns de km da Terra en dirección ao Sol. Desde esa posición o satélite permanece fixo desde o punto de vista da Terra e pode facer observacións continuas, sendo o primeiro satélite de observación terrestre en observar desde ese tipo de órbita.
O satélite debía ser lanzado durante a misión STS-107 do transbordador espacial en 2003, pero varios atrasos levaron á súa cancelación en 2006. O satélite foi mantido en almacenamento. En 2012 o proxecto reavivouse e iniciouse o proceso para elixir un foguete con que envialo á súa órbita de traballo. Ese mesmo ano gañou a proposta de lanzalo mediante un Falcon 9, con data de lanzamento en 2014. Tras un atraso de varios meses o satélite engalou en febreiro de 2015.
Instrumentos
O satélite leva tres instrumentos científicos a bordo:
Scripps-NISTAR: conxunto de tres radiómetros para medir o balance enerxético da Terra, a diferenza entre a enerxía solar incidente e a reflectida pola Terra. Scripps-EPIC: cámara con espectrorradiómetro de dez canais para medir o ozono atmosférico e a cantidade de aerosois, as características das nubes e os cambios na superficie terrestre e oceánica. PlasMag: instrumento que funciona como magnetómetro, copa de Faraday e espectrómetro de electróns para medir o vento solar e o campo magnético. Serve tamén como alerta para tormentas solares. Pulse Height Analyzer (PHA): monitoriza o efecto das partículas de alta enerxía na electrónica do satélite.
Notas
Véxase tamén
Categoría:Satélites artificiais