O Reino de Tolosa foi un territorio do suroeste de Europa da antigüidade tardía nado dos restos do Imperio Romano de Occidente e dirixido polos visigodos. Na súa extensión máxima incluíu unha gran parte da Península Ibérica e a metade sur da Galia e existiu desde 475 (formalmente 476) até que os visigodos son derrotados polos francos na batalla de Vouillé en 507Herwig (1990), p. 243 polo que perderon boa parte dos territorios do que sería a futura Francia e trasladáronse definitivamente alén dos Pireneos creando o que será o Reino visigodo de Toledo coa capital en Toledo.

Antecedentes: de Ataúlfo a Valia Os antecedentes do asentamento visigodo na Galia teñen lugar despois da morte de Alarico I, que saqueara a cidade de Roma e intentara mudarse á provincia de África. Daquela, os visigodos aínda estaban establecidos na península italiana, concretamente na rexión de Calabria, e dedicáronse a devastar esas terras.Wolfram (1990), p. 161 O novo rei dos visigodos, Ataúlfo, seguindo a idea do seu predecesor, continuou cara a Sicilia e intentou moverse por mar ao norte de África, que fracasou. Isto obrigouno a continuar en Italia e, necesariamente, a negociar cos romanos co fin de manter e alimentar o seu pobo.Arce (2007), p. 73

Neste contexto, os visigodos participaron nas loitas de poder a favor e contra do emperador Honorio como era habitual neses momentos; do mesmo xeito que tamén se daba a presenza de usurpadores e forzas centrífugas en varias cidades e rexións da Galia, Hispania e Britania. No entanto, os visigodos movéronse cara ao norte da península italiana, cruzaron os Alpes e, no 412, establecéronse na Galia, tomando as cidades de Narbona, Tolosa e Bordeos no 413.Mestre i Campi (1998), p. 73 Alí, puxéronse ao servizo do usurpador e senador Xovino, aínda que o que, en última instancia, buscaba Ataúlfo era botín e un lugar estable para establecerse coa súa xente.

No 414 estableceuse en Narbona e alí casou coa princesa romana Gala Placidia, que fora capturada polos visigodos e obrigada a seguilos durante tódalas expedicións. Ataulfo pretendía gobernar este novo territorio colaborando cos galorromanos do país, pero a resposta dos romanos foi bloquea-los portos da Galia Narbonense dirixidos polo xeneral Constancio, que tiña a súa base en Arles. Acurralado, Ataúlfo cruzou os Pireneos, no 415, en procura de comida: conquistou a Tarraconense e estableceuse en Barcino. Nesta cidade, naceu o fillo que tivo con Gala Placidia, ao que chamou Teodosio en lembranza do seu avó, como testemuño do interese dos dos visigodos por conectar coa tradición romana; mais aos poucos meses o bebé morreu. Porén, a situación dos visigodos en Hispania non mellorou. Pola contra, seguiron acurralados pois os portos da Tarraconense tamén foron bloqueados pola frota romana que impedía o abastecemento dos visigodos, incluso co que se requisaba aos romanos da zona. Por mor desta situación, varios membros da nobreza visigoda aconsellaron ao rei cruza-lo estreito de Xibraltar para marchar a África, mais Ataúlfo rexeitou a idea pois quería chegar a un pacto do emperador Honorio. Isto, empeorou o malestar crecente entre a nobreza goda contrario a negociar ou cooperar cos romanos.Fuentes Hinojo (2004), p. 141

Como resultado desta política, Ataulfo foi asasinado o 14 de agosto do 415 nas cuadras do palacio de Barcino, vítima dunha conspiración cuxo xefe, probablemente, foi Sixerico,Valverde Castro (2000), p. 39González Ruiz (2010), p. 120 o xefe do bando antirromano que era contrario ao monarca, así como un opositor á monarquía da dinastía baltinga, á que tanto Alarico como Ataúlfo pertencían.González Ruiz (2010), p. 121 Sixerico sucedeuno no trono. Non obstante, o seu reinado durará só unha semana debido á mala imaxe das súas accións inmediatas nas que buscou humilla-la corte imperial romana, o que provocou o seu asasinato.Wolfram (1990), p. 166 Segundo M. Rosario Valverde, sería unha resposta rápida do grupo nobiliario arredor do clan dos baltos, pero non hai fontes que o confirmen.

Asentamento na Galia: Valia Coa morte de Sixerico, foi elixido Valia como novo rei en setembro de 415.Tuñón de Lara (1988), p. 249 Segundo Orosio, "foi elixido polo seu pobo para face-la guerra a Roma, pero Deus mandoulle que fixese a paz".Bury (1911), p. 278 Algúns autores afirman que Valia buscaba a paz cos romanos, pero outros cren que tamén formaba parte do partido antiromano pero, finalmente, por mor da crise de subsistencia do pobo visigodo tivo que cambiar de opinión e colaborou cos romanos. Isto foi debido a que Valia intentou de novo, como Alarico e Ataúlfo, invadir de novo África. O ataque, con todo, foi un intento marrado cando a frota visigoda foi vítimia dunha forte tormenta e ficou completamente destruída ao intentar cruzar o estreito de Xibraltar.Valverde Castro (1994), p. 157 Incapaz de cruzar a África e cunha Hispania devastada polas incursións militares de romanos e xermanos, o rei mudou de opinión pola necesidade de se asegurar subministracións de alimentos para o seu pobo polo que pactou coa persoa que, daquela, dominaba o goberno imperial, o patricio e xeneral, Constancio, que despois reinaría con Honorio como co-emperador a partir do 421.Arce (2013), p. 30González Ruiz (2000), p. 119

A partir dese momento, os visigodos pactaron cos romanos. No 416 acordaron un foedus co imperio, que non foi favorable para os visigodos; de feito, tiveron que aceptar aquilo que Alarico acordara anos atrás.Valverde Castro (1994), p. 155 Non obstante, nin Orosio nin Olimpiodoro de Tebas mencionan este pacto como foedus: para Olimpiodoro foi, tan só, un pacto de paz entre os romanos e os visigodos, no que non aparece a obriga Valia de servir militarmente ao Imperio; para Orosio, ben informado e consciente dos estragos de Hispania, era unha "paz óptima", e Valia en realidade intentaba consegui-la paz.Livermore (1996), p. 496 Neste pacto, o xeneral Constancio solicitou aos visigodos restaurar a princesa Gala Placidia en Ravena, coa que Constancio casaría despois, devolvéndolle os honores que lle foan arrebatadosl. Neste contexto, aproveitando a paz cos visigodos e a súa crítica situación de subsistencia, foilles encargado que acabasen cos grupos xermánicos radicados en Hispania, que estaban asentados nas rexións máis ricas da península evitando, deste xeito, ter que mover o exército romano para loitar. Os visigodos, aínda que era unha misión perigosa, invadiron Hispania, expulsando aos vándalos silingos e reducindo moito a forza dos alanos.Sanz Serrano (2009), p. 185

Considerando o pacto coma un foedus, os visigodos quedaron, como federados ou foederati; é dicir, como tropas auxiliares do Imperio Romano de Occidente, que poderían ser chamados para realizar ataques militares ou axudar ao exército romano. Igualmente, os visigodos estaban suxeitos á vontade militar da corte romana e o seu rei someteuse teoricamente ao emperador romano. Non obstante, a condición de federados, así como a aceptación deste pacto ou axuda militar ao exército romano, foi cuestionada ou incluso violada polos sucesores de Valia, enfrontándose directamente aos romanos.Bury (1911), p. 279

Forma de asentamento e distribución de terras Grazas ás accións visigodas, o Imperio recuperou áreas que quedaran fóra do seu control. Neste contexto, a finais do 418 asinouse un pacto de hospitalitas, unha especie de alianza entre o emperador Honorio e Valia. De feito, esta alianza foi establecida por Constancio, que non quería que os visigodos obtivesen máis poder. Deste xeito, o Imperio teoricamente mantivo este pobo xermano baixo control e, a cambio, permitiulles aos visigodos ocupar as terras da Aquitania e outras terras que foron parcialmente ocupadas por outras provincias como a Novempopulonia ou a Narbona. A capital estaba situada en Tolosa, pero nesta etapa inicial controlaron outras grandes cidades como Bordeos, formando unha estreita franxa entre Tolosa e o océano Atlántico, de feito unha zona bastante conflitiva na época, ameazada polos ataques piratas saxóns e polos os disturbios dos Bagaudas da rexión de Armórica. A zona tamén estaba controlada por elites romanas seculares e eclesiásticas que actuaban de xeito autónomo ante o emperador, polo que a corte imperial esperaba controlar estes grupos coa presenza dos visigodos, aínda que o resultado foi unha alianza entre os visigodos. e as elites locais. Doutra banda, o Imperio non incluíu no tratado nin os portos nin as grandes cidades da área mediterránea como Arles ou Béziers, impedindo un posible ataque máis á provincia de África.Sanz Serrano (2009), pp. 143-144

Co pacto de hospitalitas, non só recibiron o control sobre algúns territorios senón que tamén recibiron certa propiedade. A maior parte do repartimento realizouse durante o reinado de Teodorico I que, seguramnte, non estivo exento de problemas pois as terras foron expropiadas aos romanos.Goffart (1980), pp. 104-105 Non obstante, tampouco hai unha idea clara de como foi distribuída a terra, e os autores propoñen teorías diverxentes. Os cronistas non especifican a información, Filostorxio afirma, a través de Olimpiodoro de Tebas, que os visigodos recibiron tanto os abastecementps que precisaban como terra para cultivar e ser autosuficientes. Paulino de Pela relata o seu caso persoal: durante o período 413-414, cando os visigodos estiveron temporalmente en Bordeos, tivo que lles dar "acollida", obviamente a cambio de non perder nada, mais semella que perdeu as súas terras, unha gran propiedade, cando a división de terras entre os romanos e os visigodos se levou a cabo despois de se asentárense. Ademais, hoxe a versión máis difundida é a que emerxe do Liber Iudiciorum: crese que o acordo afectou a todo tipo de propiedades, tanto latifundios como pequenas propiedades, das que os visigodos recibiron un terzo mentres os romanos conservaron o resto. Este modelo de repartición denominouse sortes goticae. Tamén se afirmou que a redistribución afectou máis aos pequenos propietarios ca os grandes, que mantiveron a súa posición de terratenentes mentres que os pequenos propietarios, desposuídos nun clima político, social e económico incerto, buscarons protección nos grandes propietarios, creando o xermolo do feudalismo.Camocho Cantudo & Ramos Vázquez (2013), p. 48 Porén, tamén se afirmou que a tendencia xeral foi que as pequenas leiras quedasen fóra desta distribución, do mesmo xeito que os bens comunitarios, que seguiron a ser públicos.Churruca & Mentxaca (2007), p. 201

Sucesores de Valia Teodorico I (418-451) sentou as bases do estado visigodo de Tolosa pois rompeu o pacto con Roma e asediou, sen éxito, Arles (425) e Narbona (436), ben defendidas polo romano Aecio, pero controlou Tolosa (439) e recuperou a situación anterior. Mantivo unha alianza con Xenserico, rei dos Vándalos, até o 445, e cos Suevos até o 449. Foi un dos poucos gobernantes que dominou efectivamente a totalidade do actual territorio occitano. Ao final do seu reinado aliouse, de novo, cos romanos e morreu loitando con Aecio contra os hunos de Atila na batalla dos Campos Cataláunicos.

Despois do reinado do seu fillo máis vello Turismundo (451-453), reinou o seu outro fillo Teodorico II (453-466), que renovou o foedus co romano Avito, e atacou os Bagaudas da Tarraconensis en 454 e loitou contra os suevos, no 456, derrotando a Requiario na batalla do río Órbigo.Thompson (1980), p. 163 Cando Avito morreu, rompeu definitivamente cos romanos e ocupou Narbona e toda a Narbonensis, pero non sería capaz de incorporar Arelate a pesar dun longo asedio. Foi asasinado polo seu irmán Eurico.

Reinado de Eurico