The Irishman (tamén titulado nas pantallas I Heard You Paint Houses) é un filme estadounidense de 2019 dirixido e producido por Martin Scorsese e escrito por Steven Zaillian, que está baseado no libro de 2004 I Heard You Paint Houses de Charles Brandt. Está protagonizado por Robert De Niro, Al Pacino e Joe Pesci, xunto con Ray Romano, Bobby Cannavale, Anna Paquin, Stephen Graham, Stephanie Kurtzuba, Jesse Plemons e Harvey Keitel nos papeis secundarios. Conta a historia de Frank Sheeran (De Niro), un condutor de camións que se converte nun matón baixo as ordes de Russell Bufalino (Pesci) e a súa familia criminal, así como para o poderoso Jimmy Hoffa (Pacino).
En setembro de 2014, despois de anos no limbo da fase de desenvolvemento, The Irishman foi anunciado como o próximo filme de Scorsese despois de Silence (2016). De Niro, que tamén serviu como produtor, e Pacino foron confirmados ese mes, así como Pesci, que saíu do seu retiro non oficial logo de ser preguntado numerosas veces para tomar o papel. A fotografía principal comezou en setembro de 2017 na cidade de Nova York, en Mineola e Williston Park de Long Island, e estendeuse até marzo de 2018. Cun orzamento de produción de 159 millóns de dólares e unha duración de 209 minutos, é o filme máis longo de Scorsese e está entre os seus máis custosos da súa carreira.
The Irishman estreouse na 57ª edición do Festival Internacional de Cinema de Nova York, e tivo unha estrea limitada nos cinemas dos Estados Unidos o 1 de novembro de 2019, seguida por unha estrea en streaming dixital en Netflix o 27 de novembro de 2019. Foi aclamado pola crítica, que louvou a dirección de Scorsese e as interpretacións de De Niro, Pacino e Pesci. O filme recibiu numerosos galardóns.
Véxase tamén Ligazóns externas
Ficha en RottenTomatoes Ficha en Metacritic
Categoría:Filmes de 2019 Categoría:Filmes en lingua inglesa Categoría:Filmes dos Estados Unidos de América Categoría:Filmes dirixidos por Martin Scorsese Categoría:Filmes producidos por Robert De Niro Categoría:Filmes producidos por Jane Rosenthal Categoría:Filmes de Netflix Categoría:Filmes rodados en Nova York Categoría:Filmes rodados en Nova Jersey Categoría:Filmes sobre a vellez Categoría:Filmes ambientados en Nova York Categoría:Filmes ambientados en Miami