O abetouro norteamericano ou abetouro americanoPenas Patiño, Xosé M.; Pedreira López, Carlos (setembro de 2004). Guía das aves de Galicia. Ilustrado por Calros Silvar (2ª ed.). A Coruña: Baía Edicións. ISBN 84-96128-69-5. (Botaurus lentiginosus) é unha especie de ave limícola da familia das garzas. Ten unha distribución neártica e reprodúcese no Canadá e nas partes setentrionais e centrais dos Estados Unidos, e pasa o inverno nos estados da costa do golfo de México, toda Florida nos Everglades, as illas do Caribe e partes de América Central.
É unha ave parda ben camuflada e solitaria, que habita discretamente marismas e as zonas de vexetación dura das ribeiras de lagos e lagoas. Na estación reprodutora é principalmente identificable pola súa chamada alta e resoante. Constrúen o niño sobre a auga, xeralmente entre ciperáceas e Typha latifolia, onde a femia incuba uns ovos de cor olivácea durante unhas catro semanas. As crías abandonan o niño dúas semanas despois de nacer e xa teñen todas as plumas ás seis ou sete semanas.
Aliméntase principalmente de peixes, pero tamén doutros vertebrados pequenos e de crustáceos e insectos. É bastante común na súa ampla área de distribución, pero se cre que as súas poboacións están diminuíndo, especialmente no sur, debido á degradación do hábitat. Porén, a poboación total é grande, e a Unión Internacional para a Conservación da Natureza avaliou o seu status de conservación como "pouco preocupante".
Descrición É unha ave grande, robusta e marrón, moi similar ao abetouro común (Botaurus stellaris), aínda que lixeiramente menor, e a súa plumaxe ten manchas en vez de estar barrada. Mide entre 58 e 85 cm de lonxitude, cunha envergadura de ás de 92 a 115 cm e un peso de 370 a 1072 g.CRC Handbook of Avian Body Masses by John B. Dunning Jr. (Editor). CRC Press (1992), .
A parte superior da cabeza é de cor castaña co centro das plumas negro. A parte lateral do pescozo ten unha mancha negro azulada alongada máis longa no macho que na femia. A parte posterior do pescozo é olivácea e o manto e zona escapular son castañas escuras, barradas e con manchas negras, e algunhas plumas están abeiradas de beixe. Toda a parte dorsal e as plumas cobertoiras da parte superior da cola son similares en cor pero con manchas máis finas negras e con bases das plumas grises. As plumas da cola son castañas con beiras con pintas e as primarias e secundarias son marróns anegradas con puntas beixes ou castañas. As meixelas son marróns cunha liña superciliar beixe e unha banda no bigote de similar cor. O queixo é de cor crema cunha banda central castaña e as plumas da gorxa, peito e parte superior da barriga son beixes e de cor óxido, finamente abeiradas de negro, facendo un efecto de bandeado na parte inferior. Os ollos están rodeados de pel amarelada e o iris é amarelo pálido. O peteiro longo e robusto é verde amarelado, a mandíbula superior é máis escura que a inferior e as patas e pés son verdes amarelados. Os inmaturos lembran os adultos, pero as partes laterais dos pescozos son menos oliváceos.
Taxonomía
O abetouro americano foi descrito primeiramente en 1813 polo crego inglés Thomas Rackett a partir dun individuo errante que examinou en Dorset, Inglaterra. Hoxe non se acepta ningunha subespecie; porén, encontráronse fósiles no río Ichetucknee en Florida, e foron orixinalmente descritos como unha nova forma de garza (Palaeophoyx columbiana; McCoy, 1963) e despois recoñeceuse que era unha subespecie prehistórica máis pequena do abetoruo americano, que viviu durante o Plistoceno tardío (Olson, 1974) e así tería que denominarse B. l. columbianus. O seu parente máis próximo é o Botaurus pinnatus de América do Sur e Central.
O nome xenérico Botaurus deullo o naturalista inglés James Francis Stephens e deriva do latín butaurus. Na súa Historia Natural Plinio o Vello dálle un nome que é unha graciosa derivación de Bos (boi) e taurus (touro), porque a chamada da ave lembra os urros dun touro. O nome da especie lentiginosus é a palabra latina para "pencado", de lentigo, "penca", e refírese á súa plumaxe de pintas ou manchas.
Distribución e hábitat A súa área de distribución comprende gran parte de Norteamérica. Reprodúcese no sur do Canadá polo norte ata a Columbia Británica, o Gran Lago do Escravo e a baía de Hudson e en gran parte dos Estados Unidos e posiblemente no centro de México. migra cara ao sur en outono e pasa o inverno nos estados do sur dos Estados Unidos da rexión da costa do golfo de México, principalmente nos pantanos dos Everglades de Florida, as illas do Caribe e México, e hai rexistros en Panamá e Costa Rica. Como ave migratoria de longa distancia, é unha ave errante moi rara en Europa, incluíndo Galicia, onde é unha ave accidental rara (ver Lista das aves de Galicia). É unha ave acuática e frecuenta os pantanos, marismas e as marxes con vizosa vexetación de lagos de augas pouco fondas e lagoas, tanto de auga doce coma salobre ou mesmo salina. Por veces aliméntase en zonas abertas en prados húmidos e pasteiros.
Comportamento
esquerda|miniatura|Un abetouro americano intentando agocharse. esquerda|miniatura|Un abetouro americano agochado entre herba alta, en Parque Estatal de Wakulla Springs esquerda|miniatura|Abetouro americano, en Refuxio Nacional de Vida Silvestre de Nisqually.
O abetouro americano é unha ave solitaria que normalmente se mantén ben agochada e é difícil de observar. Xeralmente caza camiñando silandeiramente en augas pouco profundas e entre a vexetación, axexando as súas presas, pero ás veces queda de pé inmóbil preparando unha emboscada. Se sente que a viron, permanece quieta, co peteiro apuntando cara a arriba, de modo que a súa coloración críptica fai que se confunda coa follaxe que a rodea. O abetouro americano é principalmente nocturno e máis activo entre lusco e fusco. É máis fácil oílo que velo, o macho ten unha chamada resoante alta que lembra unha bomba entupida e que se describiu como "oong, kach, oonk". Mentres emite este son, a cabeza da ave móvese convulsivamente cara a arriba e abaixo, e o son é repetido sete veces.
O proceso polo cal produce o seu distintivo son non se comprende totalmente. Suxeriuse que a ave infla gradualmente o seu pescozo inchando o esófago de aire o que vai acompañado dun como de estalidos ou impo. O esófago mantense inflado por medio dunhas lingüetas que ten detrás da lingua. Unha vez que completou esta acción e o esófago está xa inflado de todo, faise na sirinxe o distintivo son de inhalar. Cando acaba o son, o paxaro desincha o esófago.
Igual que outros membros da familia das garzas, o abetouro americano aliméntase en marismas e lagos pouco profundos, depredando principalmente peixes pero tamén anfibios, réptiles, pequenos mamíferos, crustáceos e insectos. É un animal territorial e fai unha exhibición de ameaza na que ergue lentamente as longas plumas brancas dos seus ombreiros, que tiña previamente ocultas, para formar extensións parecidas a ás que case se xuntan no seu dorso, polo que semella unha gorgueira. Entón a ave permanece de pé quieta nunha postura ameazante, ou axexa ao intruso nunha posición encrequenada, coa cabeza retraída e un camiñar deslizante.
Nidifica en solitario en marismas entre vexetación dura como Scirpus e Typha latifolia. A femia constrúe o niño e o macho vixíao. O niño adoita estar uns 15 cm por riba do nivel das augas e consta dunha plataforma irregular de talos e xuncos mortos, ás veces cunhas poucas ramiñas mesturadas, e está forrado con herbas duras. Pon ata seis ovos que incuba a femia durante 29 días. Os ovos son de forma acusadamente ovoide, de cor beixe olivácea e sen manchas, e como media miden 49 × 37 mm. Os polos son alimentados individualmente; cada un por quenda recibe comida regurxitada da femia directamente no seu peteiro. Abandonan o niño ás dúas semanas e están completamente emplumados ás seis ou sete semanas.
Status As poboacións desta ave están declinando en moitas partes da súa área de distribución debido á perda de hábitat. Isto é especialmente obvio na parte sur, onde a contaminación química e o desenvolvemento humano están reducindo a superficie dos hábitats axeitados.
Porén, a ave ten unha área de distribución extremadamente grande e unha poboación total tamén grande, polo que a Unión Internacional para a Conservación da Natureza considera o seu estado de conservación como "pouco preocupante". A especie está protexida pola Lei do Tratado de Aves Migratorias de 1918 dos Estados Unidos. Tamén está protexida pola Lei da Convención de Aves Migratorias do Canadá de 1994 da que son signatarios os Estados Unidos e o Canadá.
Notas
Véxase tamén
Bibliografía National Geographic Society (2002). Field Guide to the Birds of North America. National Geographic, Washington DC.
Ligazóns externas Abetoruro americano – Cornell Lab of Ornithology Abetouro americano – Botaurus lentiginosus – USGS Patuxent Bird Identification InfoCenter Abetoruro americano Botaurus lentiginosus – ENature.com
Categoría:Ardeidos