Monique Ilboudo, nada en Uagadugú en 1959, é unha escritora e activista polos dereitos humanos de Burkina Faso.

Traxectoria Naceu en Uagadugú, cando o seu país era Alto Volta. Estudou Dereito na Universidade de Uagadugú, obtendo o grao en 1982 e un mestrado en Dereito Privado en 1983. En 1985 obtivo un diploma de estudos avanzados de Dereito Privado na Universidade Lille 2 de Dereito e Saúde, e en 1991 doutorouse pola Universidade París XII. Nese ano comezou como profesora asistente na Universidade de Ouagadougou.

En 1994 apareceu no documental Femmes aux yeux ouverts de Anne-Laure Folly. Nel explica que no seu país, así como noutras sociedades africanas, os homes manteñen o control sobre as relacións sexuales, nas que a reprodución é o factor principal por riba do amor. A poligamia coa meta da procreación e o sexo esporádico sen protección dos homes expoñen a muller a un alto risco de contaxio de VIH/SIDA.

En 2000 foi nomeada secretaria de estado para a promoción dos dereitos humanos, e en 2002 ministra para a promoción dos dereitos humanos, cargo de nova creación. Defende que a pobreza é unha violación dos dereitos humanos, e que non será posible superar a pobreza até que os dereitos económicos, sociais e culturais acadasen o mesmo nivel que os dereitos políticos e civís.

En 2012 era embaixadora extraordinaria e plenipotenciaria do seu país nos países nórdicos e bálticos, con residencia en Dinamarca.

Obra

Autora de numerosos libros e artigos, é unha das figuras principais da literatura francófona en África.

Entre 1992 e 1995 escribiu a columna "Féminin Pluriel" no xornal L'Observateur Paalga. Por entón estableceu Qui-vive, estudando as condicións das mulleres do seu país. Foi membro fundador do Consello Supremo de Información entre 1995 e 2000. Escribiu tamén no semanario Le Regard. No prólogo ao terceiro volume de artigos escollidos de "Féminin Pluriel" escribiu:

A súa novela Le Mal de Peau (1992) recibiu o premio nacional á mellor novela. O libro conta a historia dunha muller de Burkina Faso violada por un soldado branco. A filla froito desa violación viaxa a París á procura do seu pai, e namora dun rapaz branco. A novela fala da experiencia colonial, os prexuízos e a mestizaxe.

A novela Murekatete, de 2001, foi escrita dentro do proxecto "Rwanda,escribir como obriga para a memoria". Murekatete, "déixaa vivir", é o nome dunha muller que vive baixo o recordo do xenocidio de Ruanda. Intentando superar os seus complexos e retomar unha vida normal, ela e o seu marido visitan o memorial de Murambi, o que agrava o problema. O libro está escrito en primeira persoa.

Notas

Véxase tamén

Bibliografía

Categoría:Nados en 1959 Categoría:Nados en Uagadugú Categoría:Escritores de Burkina Faso Categoría:Escritores en lingua francesa Categoría:Políticos de Burkina Faso Categoría:Alumnos da Universidade de Uagadugú Categoría:Activistas polos dereitos humanos de Burkina Faso Categoría:Embaixadores de Burkina Faso en Dinamarca Categoría:Embaixadores de Burkina Faso en Letonia