Durante a tempada 2019/20 o Deportivo da Coruña competiu na Segunda División (afrontando a súa 41.ª campaña na categoría de prata). Rematou no 19º lugar, descendendo á Segunda División B 40 anos despois. Tamén competiu na Copa do Rei, onde caeu eliminado na segunda rolda fronte o Unionistas de Salamanca.

Resumo da tempada Xuño O 27 de xuño o defensa central grego Vassilis Lampropoulos, procedente do AEK Atenas, converteuse na primeira fichaxe da pretempada. Chegou libre e firmou por dúas campañas.

Xullo O 12 de xullo déronse a coñecer as dúas finais do Trofeo Teresa Herrera 2019, que se disputarían en Riazor o sábado 10 de agosto. A final masculina enfrontaría o primeiro equipo co Real Betis e a final feminina enfrontaría o Deportivo Abanca co UDG Tenerife.

O 13 de xullo anunciouse o traspaso do centrocampista catalán Edu Expósito ao SD Eibar. A operación cifrouse nuns 4.000.000 de euros e firmou polo club armeiro por catro temporadas, tras catro anos entre o Deportivo Fabril e o primeiro equipo.

Horas máis tarde o club anunciou a contratación do centrocampista biscaíño Ager Aketxe, firmando por unha temporada con opción a outra, tras finalizar o seu contrato co Cádiz CF. Foi presentado en Abegondo uns días máis tarde.

O 14 de xullo o club anunciou a partida do dianteiro valisoletano Quique González cara ao SD Eibar, tras facerse efectiva unha das cláusulas de saída do seu contrato. Firmou polo club armeiro por cinco tempadas. A cantidade do traspaso estimouse en 3,5 millóns de euros.

Horas máis tarde anunciouse a contratación do mediocampista xaponés Gaku Shibasaki, procedente do Getafe CF e firmando por catro temporadas. Tratouse do primeiro xogador nipón en vestir a camisola do Deportivo. O traspaso foi a custo cero, no que o club só abonaría unha parte en caso de ascenso. Foi presentado en Riazor uns días máis tarde.

O 16 de xullo o club anunciou a contratación do gardameta andaluz Koke Vegas, cedido polo Levante UD por unha tempada. Foi presentado en Abegondo dous días máis tarde.

O 19 de xullo anunciouse a fichaxe do dianteiro marfilés Mamadou Koné, cedido polo CD Leganés por unha campaña con opción de compra. Foi presentado en Abegondo uns días máis tarde.

O 29 de xullo o defensa madrileño Juanfran Moreno acordou co club a rescisión do seu contrato. Horas máis tarde anunciouse a súa fichaxe polo Alanyaspor turco, por dúas tempadas con opción a outra máis.

Agosto O 2 de agosto o anunciouse a rescisión do contrato do centrocampista coruñés Pedro Mosquera. Un día máis tarde confirmouse a súa fichaxe polo SD Huesca, de Segunda División, por dúas temporadas.

O 5 de agosto o club anunciou a fichaxe do defensa andaluz Luis Ruiz, procedente do CD Lugo tras rematar contrato, firmando por unha campaña e outra opcional. Foi presentado en Abegondo un día máis tarde.

O 9 de agosto anunciouse a fichaxe do mediocampista guipuscoano Peru Nolaskoain, cedido polo Athletic Club por unha campaña.

O 10 de agosto o Deportivo conquistou a 74.ª edición do Trofeo Teresa Herrera, fronte o Real Betis en Riazor (1−0). Horas antes, o Deportivo Abanca perdeu a 7.ª final feminina, fronte o UDG Tenerife (1−5).

O 12 de agosto anunciouse a saída, en calidade de cedido, do defensa catalán Gerard Valentín para o CD Lugo (onde xa militara a segunda metade da campaña anterior).

O 16 de agosto oficializouse a fichaxe do dianteiro italiano Samuele Longo, cedido polo FC Internazionale até o final da temporada.

O 17 de agosto o club anunciou a saída do centrocampista arxentino Fede Cartabia, cedido ao Shabab Al-Ahli, dos Emiratos Árabes Unidos, durante unha temporada con opción de compra.

Outubro O 7 de outubro o club destituíu a Juan Antonio Anquela, debido aos malos resultados (1 vitoria, 5 empates e 4 derrotas), e ocupando o equipo o antepenúltimo lugar da clasificación. Minutos máis tarde anunciábase que o seu substituto sería o vilagarcián Luis César Sampedro, firmando até o final da temporada.

Novembro O 13 de novembro o club anunciou a convocatoria a xunta xeral de accionistas para o 16 ou 17 de decembro (en primeira e segunda convocatoria).

O 17 de novembro celebrouse o sorteo para a primeira rolda do novo formato da Copa do Rei, e o Deportivo quedou emparellado co CF Illueca aragonés, de Terceira División. O partido foi programado para o martes 17 de decembro ás 19 horas no Estadio Papa Luna (Illueca, Zaragoza), coincidindo coa xunta xeral de accionistas en segunda convocatoria (no suposto de non haber quórum o día anterior).

O 30 de novembro o club anunciou o seu rexeitamento á petición formal do uso do Estadio de Riazor por parte do Bergantiños FC para a disputa do encontro de primeira rolda da Copa do Rei fronte o Sevilla FC, ante a negativa da RFEF de facelo nas Eiroas (Carballo), mais ofrecendo as instalacións da Cidade Deportiva de Abegondo. Días máis tarde, logo da expectación xerada e da intercesión da Federación co club coruñés, o Deportivo mudou de opinión (aínda que sen comunicado oficial) e finalmente o Bergantiños xogou o seu partido en Riazor o 18 de decembro.

Decembro O 9 de decembro o consello de administración do club anunciou a súa renuncia e a convocatoria a xunta xeral extraordinaria de accionistas para o 13 de xaneiro, co fin de elixir unha nova directiva. A renuncia produciuse apenas seis meses e medio despois de tomar posesión do cargo e cunha agravada crise de resultados deportivos, onde o Deportivo ocupaba o último posto da clasificación e se atopaba a 8 puntos da salvación (1 vitoria, 9 empates e 9 derrotas).

O 27 de decembro o equipo formado por Paco Zas renunciou á presidencia (que de xeito interino ocupaban até o 14 de xaneiro), en favor dunha xunta xestora formada por membros da candidatura á presidencia encabezada por Fernando Vidal, presentada na anterior xunta de accionistas. Así até a xunta extraordinaria de accionistas presidiu, de xeito interino, Juan Antonio Armenteros o club. A primeira medida da nova xestora foi a destitución de Luis César Sampedro e a súa substitución por Fernando Vázquez, que foi presentado o día 30, iniciando así a súa segunda etapa no club. Na presentación de Vázquez anunciouse tamén a volta ao club de Emre Çolak.

Xaneiro O 2 de xaneiro foi presentado en Abegondo Emre Çolak, que chegou libre tras un breve paso polo fútbol de Arabia Saudita. O 5 de xaneiro Fernando Vázquez debutou con vitoria fronte ao Numancia no Nuevo Estadio Los Pajaritos (0-1), mais no seguinte partido o equipo quedou eliminado da Copa, ao perder contra o Unionistas de Salamanca na quenda de penaltis (9-8) tras empatar 1-1. O 14 de xaneiro Fernando Vidal converteuse oficialmente no novo presidente co club, tras celebrarse no PALEXCO unha xunta xeral extraordinaria que contou só coa súa candidatura. Ese mesmo día fíxose oficial a fichaxe do dianteiro vasco Sabin Merino, procedente do Leganés. Asinou polo resto da tempada e dúas máis. Debutou o día 16 marcando un gol contra o Racing e foi presentado ao día seguinte en Abegondo. O 18 de xaneiro fíxose oficial a fichaxe do guadalupeño Claudio Beauvue, despois de que este rescindira o seu contrato co Celta de Vigo. Foi presentado en Abegondo o día 22. O día 21 anunciouse ao nixeriano Uche Agbo como novo xogador do Deportivo, cedido até final de tempada polo Standard de Liège. Foi presentado o 23 de xaneiro, mais aínda sen ficha libre, á espera de que saíse algún xogador. O 25 de xaneiro o club rescindiu o contrato do serbio Saša Jovanović, deixando así un oco para Uche Agbo. Ese mesmo día anunciouse a chegada do extremo andaluz Hugo Vallejo, cedido polo Real Madrid até final de tempada. Pola súa idade conta con ficha do Fabril. Foi presentado o 27 de xaneiro. O 26 de xaneiro tras lograr a quinta vitoria consecutiva en liga fronte ao Albacete, o equipo conseguiu saír dos postos de descenso nos que levaba catro meses.

O 31 de xaneiro, último día do mercado invernal, o club deu saída a catro xogadores e incorporou a outros dous. Rescindiuse o contrato de Samuele Longo, cedido polo Inter, que marchou con destino ao Venezia FC, e cedeuse a Lambropoulos ao Bochum alemán e a Borja Galán ao Racing de Santander. Ademais o Levante decidiu recuperar a Koke Vegas, que tiña cedido ao Deportivo dende o verán. Debido a esa última saída, o club coruñés incorporou ao porteiro serbio Aleksandar Jovanović, que chegou cedido polo Huesca. E por último pechouse a contratación do extremo do Málaga Keko Gontán a custo cero.

Febreiro O 9 de febreiro o equipo logrou a súa sétima vitoria consecutiva en liga, tras vencer ao Alcorcón (0-1). A xeira de resultados morreu a semana seguinte ao empatar co Girona (2-2).

Marzo O 11 de marzo o club fixo oficial a chegada do central Abdoulaye Ba, cedido polo Rayo Vallecano ata final de tempada para suplir a Michele Somma, lesionado de gravidade no partido contra o Girona. Ao día seguinte anunciouse a suspensión das dúas seguintes xornadas de liga, por mor da pandemia por coronavirus. O 23 de marzo a liga suspendeuse de xeito indefinido. O Deportivo ocupaba de novo postos de descenso nese momento, despois de non gañar ningún dos catro últimos partidos.

Maio O 25 de maio o club lamentou o pasamento do defensa asturiano Marcelo Campanal, coñecido como Campanal II, xogador deportivista entre 1966 e 1968.

O 26 de maio o presidente Vidal, nun duro comunicado contra o conselleiro Miguel Otero, anunciou que nos próximos días anunciaríase a data da xunta xeral de accionistas suspendida en marzo, contabilizando ao mesmo tempo a débeda do club en 90,6 millóns de euros máis intereses (14,3 millóns) e facendo un chamamento a socios e accionistas para acudir á ampliación de capital.

Xuño Despois de tres meses sen xogar, o campionato retomouse na segunda semana de xuño, xogándose os partidos a porta pechada. O primeiro partido do Deportivo despois da parada foi contra o Sporting de Gijón en Riazor, con resultado de empate. O 30 de xuño Fernando Vázquez anunciou que Mamadou Koné decidira non ampliar a súa cesión por parte do Leganés e non continuar no club a partir dese mesmo día 30, no que remataba o seu contrato.

Xullo O 17 de xullo o Deportivo anunciou o traspaso de Francis Uzoho ao APOEL FC, de Nicosia.

Tras estar fóra dos postos de descenso durante varias xornadas, os malos resultados nos últimos partidos fixeron que na penúltima xornada o equipo caese de novo a ditos postos de descenso, ocupando o 19º lugar a falta dun só partido, o que debía enfrontar ao club coruñés co Fuenlabrada o 20 de xullo en Riazor. O Deportivo precisaba gañar ese partido e que non gañasen Lugo ou Albacete os seus respectivos partidos.

Ese día, pouco antes do encontro, anunciouse que había varios xogadores do Fuenlabrada contaxiados da COVID-19 e comezou a falarse sobre unha posible suspensión da xornada, que ía disputarse toda ao mesmo tempo, ás 21:00 horas, excepto o Las Palmas-Extremadura, que xa se xogara unhas horas antes. A liga reuniuse entón co Consello Superior de Deportes e a Federación Española de Fútbol para tomar unha decisión e pouco despois anunciouse que só se suspendía o Deportivo-Fuenlabrada, mentres que o resto de encontros se xogarían á hora previamente programada. A pesar da oposición dalgúns equipos, como o Rayo Vallecano que emitiu un comunicado antes do seu partido criticando a decisión, todos os equipos excepto Deportivo e Fuenlabrada disputaron a xornada, baixo ameaza de perda de puntos se non o facían. Tanto o Lugo como o Albacete lograron gañar, polo que o Deportivo, aínda sen xogar, quedou matematicamente sen posibilidades de permanencia, consumando o descenso á Segunda División B 40 anos despois.