Hijas de Galicia foi unha institución creada en Cuba en 1917 para protexer as mulleres emigrantes galegas dos abusos e discriminacións que sufrían. A asociación xestouse dentro doutra xa existente de emigrados galegos: Solidaridad Pontevedresa. En 1924, Hijas de Galicia abriu o Hospital Concepción Arenal e en 1938 construíu un gran balneario social para lecer e repouso. Hijas de Galicia converteuse na maior agrupación do mundo de emigradas galegas e descendentes, chegando a ter 58.000 asociadas en 1960. Aínda que a asociación xa non existe como tal, continúa o seu hospital, incautado polo réxime de Fidel Castro en 1959.

Traxectoria

Antecedentes Na primeira grande onda migratoria, entre 1880 e 1930, fóronse a América medio millón de galegos. Ao principio, as mulleres supoñían apenas un 20 % do total pero, a partir da crise mundial do ano 1929, a porcentaxe subiu ata o 40 ou 45% e Cuba era o destino preferente. Un estudo do profesor cubano Julio César González Pagés cifra en 60.000 o número de mulleres galegas acollidas nese país. As galegas chegaban desprotexidas a Cuba. Moitas chegaron soas ou con nenos pequenos. Analfabetas en moitos casos e sen recursos, traballaban sobre todo como serventas e, a miúdo, eran captadas por intermediarios que as obrigaban a prostituírse, o que fixo desta emigración unha das máis estigmatizadas pola poboación cubana.

As galegas sufrían discriminación por xénero, por etnia, por estranxeiras e porque as propias sociedades de emigrantes tíñanas en total abandono: o mesmo Centro Gallego só ofrecía servizos sanitarios aos homes. Ante esa situación, o 16 de xuño de 1912 fundouse Solidariedade Pontevedresa para denunciar a situación das súas paisanas e axudalas. En 1914 decidiron reformar o regulamento desta sociedade para que fose quen establecese un sanatorio para a comunidade galega. Así xurdiu o proxecto que deu orixe á Institución Hijas de Galicia.

Constitución e regulamento miniatura|Recibo de pago da cota dunha asociada. Na Xunta Xeral do 18 de xaneiro de 1917, despois de discutir o proxecto de novos Estatutos, a Asociación Solidaridad Pontevedresa constituíuse na sociedade Hijas de Galicia, sociedad sanitaria y de auxilio mutuo, encamiñándose a traballar para aliviar a inseguridade que tiñan as mulleres galegas.

Ademais de construír un hospital e un balneario social, desde a súa fundación, a asociación realizou unha intensa actividade na solución dos trámites burocráticos que as inmigrantes tiñan ao chegar a Cuba e actuaba nas difíciles circunstancias que puideran afectarlles, efectuando reclamacións para a entrada no país, durante a súa estancia en Cuba e, se era o caso, ante o Consulado español establecendo colaboracións para a eventual repatriación.

Desde os seus inicios o goberno da asociación formábano e dirixían homes. Aínda que estaba formada por mulleres, tiña a obriga legal de que a súa xunta directiva estivese formada maioritariamente por homes. O seu primeiro presidente foi Avelino Pérez Vilanova, a quen substituíu en 1919 Benito Rey Doce, que reformou o regulamento para dar entrada a mulleres nel. Foi a partir do 22 de decembro de 1919 que a asociación tivo por primeira vez na súa Xunta Directiva a mulleres ocupando a segunda vicepresidencia. A primeira elixida para este cargo (foino varias veces), foi a mestra mindoniense Andrea López Chao. Tamén o foi a ourensá Jesusa Prado.

O 15 de maio de 1927 foron aprobados uns novos Estatutos que darían unha nova estrutura á Sociedade, aínda que mantendo o espírito fundacional do artigo segundo: "Proporcionar asistencia sanitaria, auxilio e amparo á muller, especialmente ás naturais da Rexión Galega. Concederá os mesmos beneficios ás doutras rexións españolas e aínda de diferente nacionalidade". miniatura|Hospital Materno Infantíl de Diez de Octubre. Hospital

En 1924 a entidade comprou uns terreos e levou a cabo un proxecto de adquisición dunha clínica situada no barrio de Luyanó. A proposta de Andrea López Chao, o Sanatorio levou o nome Concepción Arenal.En setembro de 1927 aprobouse a construción doutros dous pavillóns e o cercado da parcela que ocupaba o sanatorio.

O Hospital Hijas de Galicia tiña 6 pavillóns de dúas plantas, 10 salas de especialidades e unha flotilla de 6 coches para traslados. Facía consultas a domicilio e traballaban nel 19 médicos, 9 enfermeiras, 26 axudantes e administrativos. Atendía a 206 asociadas e menores ao día e entregaba medicamentos gratis. En 1958, un ano antes de que fose confiscado polo castrismo, inaugurouse o pavillón de oito plantas que albergou a Maternidade e o Fogar-Albergue.

En 1959 o Hospital foi confiscado polo castrismo e continuou prestando os seus servizos.

Balneario

Outro dos grandes logros da asociación foi o Balneario social. En 1938 autorizouse a construción, que seis anos despois levaría o nome de Concepción Arenal, situado en Marianao, con instalacións de repouso, lecer e esparexemento. Alí desenvolveu deportes como caiac, squash ou voleibol. O equipo de voleibol de Hijas de Galicia foi campión invicto de Cuba de 1956 a 1960.O Balneario social converteuse na praia predilecta das familias galegas e na mellor alternativa de recreo para as clases medias brancas, cubanas e estranxeiras, que estando excluídas dos selectos clubs da alta sociedade habanera, rexeitaban mesturarse coa xente de cor nas praias máis populares.

O Balneario Hijas de Galicia foi intervido na primeira metade da década do 60 polo goberno de Fidel Castro e transformouse no Círculo Social Obreiro “José Luis Tassende".

Prensa

A prensa feminina en Cuba tivo un desenvolvemento sostido no século XX. Esta foi de tiradas reducidas e a súa distribución fundamental foi na Habana. Para a comunidade galega que chegou a contar con 71 publicacións, este tipo de prensa feminina fíxose de forma excepcional e dentro destas situáronse tres pertencentes a Hijas de Galicia:

Fragancias foi a primeira en xurdir en 1931 e só saíu o seu primeiro número. Estivo dirixida por Eduardo P. Marzoa e contou con colaboracións de Luís Martín, Amado Nervo, e as escritoras Concha Espina e Elena Fortún. Esta edición informaba das actividades da Sociedade e incluíu diversos traballos dirixidos ás mulleres. Fixo propaganda de diversos tipos pero sobre todo do Sanatorio para a muller Concepción Arenal, cualificándoo como: "O mellor situado", "O máis suntuoso", "O mellor atendido" Faro gallego foi un xornal de pequeno formato que sacou catro números en 1940. Foi o voceiro dunha agrupación opositora á directiva da Sociedade Hijas de Galicia, no que se criticou a administración e a súa orientación. Estivo dirixido por José Trillo Escagedo. Cenit, revista mensual, foi unha publicación que se mantivo de 1938 a 1960. Estivo dirixida por José Álvarez Núñez e José Antonio Clark. A súa dirección, a diferenza das outras revistas da asociación, tivo mulleres nela: como xefa de redacción a Amada Borges e como administradora a Rosa Artiles.

Recoñecementos A asociación Hijas de Galicia aparece na novela Sándalo, de María Xosé Porteiro, editada por Galaxia en 2019. O documental histórico Hijas de Galicia, Macorinas, estreado en 2020 e dirixido por Xosé Lois Santiago “Pello” e Fran Naveira, narra a historia da asociación.

Notas

Véxase tamén Bibliografía González Pagés, Julio César (2003). Emigración de mujeres gallegas a Cuba: Las hijas de Galicia. Departamento de Cultura, Ayuntamiento de Vigo Outros artigos Centro Gallego de La Habana Andrea López Chao Ligazóns externas

Vídeo: La emigración de mujeres gallegas a Cuba ¿Un sueño hecho realidad?. Elaborado pola Red Iberoamericana de Masculinidades. En YouTube

Categoría:Galegos de Cuba Categoría:Sociedades de emigrantes