O rútilo (do latín rutilus, que significa vermello) é un mineral da clase dos óxidos cuxa fórmula química é TiO2 (contén o 60% de titanio e o 40% de osíxeno).
Aspecto
O rútilo preséntase en forma de cristais prismáticos case sempre extremadamente finos (en forma de agullas) e moitas das veces creando entre eles estruturas en forma de mallas. A súa cor pode ser parda, amarela, vermella ou negra.
Lugares onde se atopa
Atopámolo en rochas sedimentarias e metamórficas, en pegmatitas e rochas alpinas. Asóciase frecuentemente co cuarzo e coa hematita.
Os principais produtores deste mineral son Rusia, a India e algúns países de Suramérica. A Antártida contén tamén xacementos de rútilo.
Merecen mención especial os rútilos de Carballo (A Coruña) e Lalín (Pontevedra).
Usos do rútilo
O rútilo utilízase para a extracción de titanio, usado para a fabricación de revestimentos de varas de soldadura e como metal especial na industria aeronáutica.
Propiedades
Propiedades físicas
O seu punto de fusión é de 2378,2 K. O seu sistema cristalino é o tetragonal pero lixeiramente distorsionado.
Propiedades químicas
O rútilo presenta gran resistencia ó ataque de axentes químicos. Só o ácido fluorhídrico e o ácido sulfúrico concentrado logran atacar este mineral.
Outros óxidos
A casiterita e a magnetita son outros óxidos importantes. Notas
Categoría:Minerais