O antagonista do receptor de interleucina 1 (IL-1RA) é unha proteína que nos humanos está codificada no xene IL1RN do cromosoma 2.
O IL-1RA foi inicialmente denominado inhibidor de IL-1 e foi descuberto por separado en 1984 por dous laboratorios independentes. O IL-1RA é un axente que se une non produtivamente á superficie celular no receptor de interleucina-1 (IL-1R), o mesmo receptor que se une á interleucina 1 (IL-1), impedindo que a IL-1 envíe un sinal a esa célula.
Función
O IL-1RA é un membro da familia de citocinas da interleucina 1. O IL1RA é segregada por varios tipos de células incluíndo as células inmunes, células epiteliais e adipocitos e é un inhibidor natural do efecto proinflamatorio da IL1β. Esta proteína inhibe as actividades da interleucina 1 alfa (IL1A) e a interleucina 1 beta (IL1B), e modula unha variedade de respostas inmunes e inflamatorias relacionadas coa interleucina 1. Este xene e outros cinco estreitamente relacionados forman un cluster de xenes que abrangue aproximadamente 400 kb no cromosoma 2. Descubríronse catro variantes de transcrición resultado de empalme alternativo que codifican distintas isoformas.
Importancia clínica
Un polimorfismo deste xene está asociado co incremento do risco de sufrir fracturas osteoporóticas e cancro gástrico.
As mutacións no xene IL1RN orixinan unha enfermidade rara chamada deficiencia do antagonista do receptor de interleucina 1. A variante do xene IL1RN está tamén asociada co risco de esquizofenia. Encontráronse niveis elevados de IL1RN no soro sanguíneo de pacientes de esquizofrenia.
Unha versión recombinante, lixeiramente modificada do antagonista do receptor de interleucina 1 chamada anakinra utilízase no tratamento da artrite reumatoide, unha enfermidade autoinmune na cal a IL-1 xoga un papel clave. A anakinra difire do IL-1RA humano nativo en que ten un só residuo de metionina adicional no seu amino-terminal.
Uso en cabalos O antagonista do receptor da interleucina 1 utilízase en cabalos para o tratamento da coxeira equina resultante de lesións articulares e de tecidos brandos.
Notas
Véxase tamén Outros artigos Interleucina 1 Interleucina 1 alfa Interleucina 1 beta
Bibliografía
Ligazóns externas
Categoría:Citocinas