Ashraf Ghani Ahmadzai (en paxto/dari: محمد اشرف غني احمدزی‎), nado na provincia de Lawgar o 19 de maio de 1949, é un político, antropólogo, profesor e economista afgán, que exerceu como presidente de Afganistán dende setembro de 2014 ata a chegada dos talibán a Cabul o 15 de agosto de 2021. Traxectoria Licenciado en Antropoloxía, trasladouse para proseguir os seus estudos nos Estados Unidos pero debido a tempos de guerra no seu país tivo que permanecer alí, podendo seguir estudando e impartindo clases en diferentes universidades de gran prestixio. Dende 1991 pertenceu a organismos internacionais como o Banco Mundial ou a ONU, entre outros como foros ou conferencias, nos que ocupou algúns cargos. En 2001 trala caída do réxime talibán, regresou a Afganistán e entrou en política sendo asesor do presidente Hamid Karzai e un ano máis tarde foi nomeado como Ministro de Finanzas. Durante o seu mandato como ministro de Finanzas, deseñou un paquete de reformas e iniciou varios programas de investimento público que levaron a melloras significativas nas condicións de vida dos afgáns en todo o país. En 2004, negouse a pertencer ó novo goberno e pasou a ser Chanceler da Universidade de Cabul, até 2008. Posteriormente presentouse como candidato independente ás Eleccións presidenciais de 2009 quedando en cuarto lugar.

Presidencia de Afganistán (2014-2021) Volveu presentar a súa candidatura para a Presidencia de Afganistán en 2014. Logrou pasar á segunda volta ao conseguir o 31,56% dos votos (2 084 547) fronte a Abdullah Abdullah que quedou como candidato máis votado co 45% ( 2 972 141 votos). Mais na segunda volta, Ghani foi elixido presidente ao acadar o 55,27% dos votos fronte os 44,73% de Abdullah. As eleccións estiveron marcadas pola violencia e polas acusacións de fraude, con todo, unha vez verificados os resultados, Ghani formou un goberno de coalición co tamén candidato Abdullah Abdullah quedando este último como Primeiro Ministro de Afganistán.Ghani investido como novo presidente de Afganistán TeleSur - 29 de setembro de 2014

No relativo ás relacións exteriores procurou cultivar relacións cordiais cos veciños. A primeira visita como xefe do Estado foi a China, da que conseguiría axudas económicas por valor de 327 millóns de dólares. Tamén asinou un tratado de comercio con Uzbekistán e co apoio de Irán fíxose unha conexión ferroviaria entre a cidade afgá de Herat e a iraniana de Khaf. Doutra parte, durante o seu mandato, Ghani, inaugurou o edificio do Parlamento e o encoro de Salam, ambos financiados polo goberno indio, de quen conseguiría máis apoio para a construción de infraestruturas como unha nova presa preto de Cabul. Porén, con Paquistán foi máis complexo, isto foi debido a que Afganistán sospeitaba que dende aló operaban os talibáns e Ghani cuestionou publicamente a vontade do goberno paquistaní de rematar con esa situación. Ademais, o seu mandato coñeceu unha recrúa das accións dos insurxentes talibáns: estes, ademais, de atentado terroristas, foron ocupando territorio afgán. En 2018, logrouse unha tregua de tres días polas festividades de Eid al-Fitr e logo coa de Eid al-Adha. Malia á esperanza de que elas favorecesen un diálogo entre goberno de Ghani e os talibáns, estes últimos rexeitaron a negociación. esquerda|miniatura|De esquerda a dereita: Abdullah Abdullah, Ashraf Ghani e Joe Biden na Casa Branca o 25 de xuño de 2021 Os Estados Unidos e os talibáns conseguiron un acordo de paz en 2020, polo que os Estados Unidos e a OTAN fixaron en 14 meses o prazo para retirada de Afganistán. Ghani resultou reelixido o 17 de maio de 2020 nun contexto marcado pola escalada de violencia cos talibáns e a pandemia de COVID-19, volvéndose a impoñer a Abdullah Abdullah. Aínda que inicialmente Ghani se negara a liberar os 5 000 presos talibáns que o acordo entre estes e os Estados Unidos recollían, finalmente fíxoo e asegurou respectar os plans estadounidenses.

Fuxida de Afganistán A retirada definitiva dos soldados dos Estados Unidos foi adiada polo presidente Joe Biden ata o 11 de setembro de 2021, facéndoa coincidir co vixésimo aniversario do 11S. Con todo, no verán de 2021, os talibáns protagonizaron un rápido avance tomando en poucas semanas a maioría das provincias de Afganistán. Así, cando os insurxentes estaban ás portas de Cabul, Ghani abandonou o país. Tres días despois, os Emiratos Árabes Unidos recoñeceron que lle deran acollida a Ghani e a súa familia por "razóns humanitarias". Dende alí, xustificou a súa fuxida coa idea de evitar un baño de sangue e apoiou as negociacións do seu predecesor, Hamid Karzai, cos talibáns. Ademais tamén negou a acusacións de que se apropiase de cartos públicos, como sinalaba o embaixador afgán en Tadjiikistán. Paralelamente, a vicesecretaria de Estado dos Estados Unidos afirmou que Ghani "non era xa un axente relevante en Afganistán".. O 15 de febreiro de 2022 a ONU eliminou o seu nome da lista de xefes de Estado.

Notas

Véxase tamén

Ligazóns externas Perfil en BBC News

Categoría:Nados en 1949 Categoría:Alumnos da Universidade Americana de Beirut Categoría:Presidentes de Afganistán Categoría:Alumnos da Universidade Columbia Categoría:Alumnos da Universidade Stanford Categoría:Escritores de Afganistán Categoría:Profesores da Universidade de California, Berkeley Categoría:Antropólogos de Afganistán Categoría:Personalidades da ONU Categoría:Ministros de Afganistán Categoría:Políticos de Afganistán