Arcadio Mon García, nado en Bacoi o 5 de febreiro de 1949 e finado en Foz o 26 de abril de 2016, foi un músico e compositor galego.

Considerado unha “institución” na música na Mariña lucense, despois da súa traxectoria por varias orquestras galegas, sería fundador e director da Banda de Música de Foz e da Escola de Música de Foz que actualmente leva o seu nome

Traxectoria Con só sete anos comezou a recibir clases de música e solfexo co seu tío e posteriormente co mestre “Roquito”; iniciándose, circunstancialmente, na trompeta. Durante a súa mocidade pasou por numerosas orquestras da zona como a Teima, a Orquesta Maseda, o grupo Los Valles, considerado o primeiro grupo profesional da comarca na época e Los Mejoranos, ata que se trasladou á Coruña para formar parte da orquestra Los Españoles, cos que gravou un LP no ano 1978.

Nesta etapa na Coruña cursou estudos no Conservatorio Superior onde obtivo o título de trombón e tamén cursou estudos de canto. Foi alumno de Rogelio Groba, Santos Bartolomé, José Ferrer e Raúl Galán. Asistiu en Madrid a clases con Enrique Ferrando, trombón solista da Orquesta Nacional e a cursos de música instrumental; e de dirección de banda en Lalín, impartido por Henrie Adams. Tamén asistiu ás clases maxistrais do profesor da Universidade de Indiana Keith Brown. Ademais, formou parte da Orquesta Jazz da Coruña, dirixida por Rogelio Groba.

No ano 1992 trasladouse a Foz onde fundou a Escola de Música municipal que actualmente leva o seu nome e da cal foi director e docente. Foi tamén fundador e director da Banda de Música de Foz, así como da Big Band que xurdiu anos máis tarde. Para continuar coa súa faceta de compositor formou o grupo “Arcadio con Nueva Ola” co que editou dous LPs, na súa maioría en lingua galega, incluíndo un par de cancións con textos do poeta Noriega Varela.

No ano 2012 editou un LP no que incluíu entre as súas composicións unha canción adicada ao poeta chairego Manuel María (“Lembrando a Manuel”) e do cal tamén puxo música a dous poemas. Tamén gravou para o disco un dueto co ex-vocalista de Los Satélites Sito Sedes no tango “Sen seu amor” que dá título ao disco.

Nos últimos anos cooperou e participou en numerosas iniciativas culturais da comarca como o “Recital poético-musical en homenaxe a Manuel Maria”, ou “Mondoñedo é poesía” e foi fundador do festival de música galega "A Nosa Fala" de Foz. En marzo do 2016 participou na homenaxe ao seu amigo Manuel Araujo, músico e creador teatral mindoniense, no que foi o seu derradeiro concerto.

Discografía

Coma compositor e intérprete Arcadio con Nueva Ola (1994) Arcadio con Nueva Ola (1996) Sen Seu Amor (2012)

Como arranxador e intérprete Los Españoles (1978)

Coma compositor Sito Mariño "Cantar e bailar ; Non volvas para a casa" (1978)

Notas

Categoría:Cantantes de Galicia Categoría:Músicos de Galicia Categoría:Directores de banda Categoría:Nados en Alfoz do Castrodouro Categoría:Nados en 1949 Categoría:Finados en 2016