Wincenty Kluczyński, nado o 30 de setembro de 1847 en Šarkaŭščyna (hoxe en Belarús) e finado o 23 de febreiro de 1917 en Alupka (Crimea), foi un eclesiástico católico latino polaco, arcebispo de Mahilioŭ entre 1910 e 1914.

Traxectoria Naceu o 30 de setembro de 1847 en Šarkaŭščyna, o maior dos tres fillos de Adolf Kluczyński e Franciszka Korsak. Cursou a súa educación en Daugavpils, e en 1865 entrou no seminario de Vilnius. En 1867 pasou á Academia Teolóxica Católica de San Petersburgo, onde se graduou en Teoloxía en 1871 e foi ordenado sacerdote o 30 de setembro do mesmo ano polo bispo de Samoxicia Motiejus Valančius. Posteriormente comezou a exercer de profesor no seminario de Vilnius.

Como confesor de Bronisława Stankowicz, comezou en 1889 co estabelecemento da Congregación das Irmás dos Anxos en Vilnius. O 7 de abril de 1910 foi nomeado arcebispo de Mahilioŭ, recibindo a consagración episcopal o 29 de maio de Gasparas Cirtautas, e tendo como co-consagrantes a Jan Cieplak e Stefan Denisewicz. Como arcebispo dunha diocese que abranguía case a totalidade de Rusia, sufriu o acoso das autoridades tsaristas. Dirixiu a diocese até que o papa Bieito XV aceptou a súa resignación o 22 de setembro de 1914, nomeándolle arcebispo titular de Philippopolis in Thracia. Até a súa morte permaneceu principalmente en Crimea, onde finou o 23 de febreiro de 1917. Logo do seu pasamento foi enterrado en San Petersburgo. En 1929 o seu corpo foi trasladado a Vilnius e enterrado na catedral o 17 de abril.

Veneración O bispo de Viciebsk Władysław Blin, por petición das Irmás dos Anxos comezou o proceso de beatificación de Kluczyński, nomeando como postulador ao mariano Adam Sikorski. Notas

Véxase tamén Bibliografía

Categoría:Nados en 1847 Categoría:Nados na rexión de Viciebsk Categoría:Finados en 1917 Categoría:Bispos católicos de Belarús Categoría:Bispos católicos de Rusia Categoría:Bispos católicos de Ucraína Categoría:Bispos católicos do século XX Categoría:Bispos da Igrexa católica latina Categoría:Venerados pola Igrexa católica