Xesús Costa Rodil, nado en Espiñeirido (Cervo) en 1944 e finado en Rianxo o 7 de agosto de 2018, foi un profesor e escritor galego.

Traxectoria Mestre e licenciado en Filosofía e Letras, exerceu a docencia durante máis de corenta anos no IES Félix Muriel de Rianxo, vila á que dedicou gran parte do seu labor de investigación histórica.

Na súa produción destaca Rianxo no Antigo Réxime. Economía e sociedade nunha vila mariñeira do señorío arcebispal de Santiago (2001), no que fixo unha historia da súa vila de adopción ao longo de varios séculos. Centrou logo o seu interese historiográfico xa no século XX, máis concretamente na época republicana, na guerra civil e na represión franquista, do que son testemuña traballos como Rianxo na II República: firme apoio ó Estatuto de Autonomía (2003) e Rianxo na guerra civil: campo de concentración de prisioneiros de guerra (1937-1939), escrito en colaboración con Xosé Comoxo e Xesús Santos Suárez, autores cos que tamén asinou o traballo Rianxo no centenario do nacemento de Manolo Rodríguez Castelao (2005). O estudo desta convulsa época histórica estendeuno logo ao resto da comarca en obras como Galiza na guerra civil. Campos de concentración de Muros, Padrón, A Pobra e Rianxo (2007), en colaboración con Xesús Santos, con quen realizou ademais un ensaio sobre a represión no maxisterio: De Padrón a Muros. A represión educativa e cultural (1936-1950) (2010). A guerra é tamén o eixo do seu relato Bandeiras de liberdade ó nacente (2006).

Publicacións Cantos arousáns: Rianxo: Anacos históricos (1993), 40 p. Rianxo no Antigo Réxime: economía e sociedade nunha vila mariñeira do señorío Arcebispal de Santiago (2001), Concello de Rianxo ISBN 978-84-607-2455-1, 247 p. "De Padrón a Muros. A represión educativa e cultural (1936-1950)". Barbantia. Anuario de Estudos do Barbanza: 51–101 (2010). Con Xesús Santos Suárez. Rianxo na II República: firme apoio ó Estatuto de Autonomía (2003), Concello de Rianxo, ISBN 978-84-607-8964-2, 72 p. Rianxo na Guerra Civil : campo de concentración de prisioneiros de guerra : 1937-1939, (2003), con Xosé Comoxo e Xesús Santos Suárez, Concello de Rianxo, ISBN 9788460789697, 137 p. Galiza na Guerra Civil (2007), con Xesús Santos Suárez. Ed. Concello de Rianxo, Concello da Pobra do Caramiñal, 269 p. Rianxo no Antigo Réxime: actividades económicas básicas, USC. Do Sar ao monte Louro. Memorial da represión (1936-1950), 2019. Con Xesús Santos Suárez.

Notas

Véxase tamén Ligazóns externas Intercambio Burela Rianxo Acto de lembranza do IES Félix Muriel, 7 de xuño de 2019. Acto institucional do Concello de Rianxo: nomeamento como Fillo adoptivo de Rianxo (11 de novembro de 2023)

Categoría:Historiadores de Galicia Categoría:Escritores de Galicia en lingua galega

Categoría:Profesores de educación secundaria Categoría:Nados en Cervo Categoría:Nados en 1944 Categoría:Finados en 2018 Categoría:Personalidades de Galicia sen imaxes